Skip to Content

Blogues

PROTOCOLO TDAH: Das explicacións, tarefas e deberes

      Cómpre:

•     Reducir e fragmentar as actividades.
•     Supervisar os exercicios e asegurarse de que entendeu o que ten que facer.
•     Utilizar reforzos e apoios visuais na instrución oral.
•     Non sobrecargar de tarefas para a casa, e seleccionar ben as que se consideren máis importantes.

•    Estratexias expositivas. A memoria de traballo do alumnado con TDAH pode presentar algunhas dificultades: capacidade limitada, pola cantidade de información que pode reter simultaneamente, e escasa duración temporal na que se pode manter. Para compensar esta carencia, á hora de explicar, o profesorado debe ter en conta as seguintes estratexias:

•     Antes de empezar, ha de asegurarse de que atende.
•     Utilizar frases curtas e claras.
•     Manter o contacto visual e permanecer cerca.
•     Focalizar a atención nos conceptos “clave”.
•     Utilizar estímulos visuais e modificar o ritmo da exposición, coas debidas pausas.
•     Presentar a idea principal explicitamente ao principio da explicación.
•     Utilizar estratexias de categorización e imaxes mentais de conceptos.
•     Implicar ao alumando con TDAH promovendo a súa participación con preguntas sinxelas.
•     Proporcionarlle un compañeiro/a  titor/ra que lle axude a revisar os puntos fundamentais da explicación, e promover que o alumnado con TDAH explique os conceptos a estudantes con máis dificultades ca el.

    Por outra parte, o profesorado debe asegurarase de que o alumnado o mira aos ollos, que entende o exposto e, de ser o caso, que copiou o sinalado. Con esta finalidade formularánselle algunhas preguntas, para que as poida responder correctamente.

PROTOCOLO TDAH: Adaptación do currículo

      Adaptar o currículo ás capacidades, ao estilo de aprendizaxe e ás necesidades do alumnado é sempre a primeira e a mellor  resposta para solucionar os problemas de aprendizaxe e de conduta. Para o alumnado con TDAH, as medidas de carácter ordinario son imprescindibles e veñen reflectirse nas orientacións que se mencionan a continuación, mentres que as de carácter extraordinario dependen da evolución do alumnado ao longo da escolarización.
•    Antes e durante a realización das actividades. No tratamento educativo con alumnado con TDAH dá resultado:

•    Alternar teoría e práctica.
•    Antes de empezar unha actividade, hai que explicala de xeito claro e sinxelo, e asegurarse de que a entendeu todo o alumnado.
•    Utilizar estratexias para captar a atención inicial como cambios de entoación, xesticulación e dramatización.
•    Segmentar e limitar as actividades longas.
•    Supervisar frecuentemente a realización, para reforzar positivamente ou para reconducir a execución ou as distraccións.
•    Utilizar reforzos e apoios visuais na instrución oral.
•    Combinar actividades máis estimulantes con outras menos motivadoras.
•     Variar os exercicios, para que non se aburra.
•    Conseguir a colaboración dun compañeiro/a “responsable”, para que lle axude a comprender e a realizar as tarefas.
•    Utilizar reforzos positivos para motivar (eloxios privados e públicos, colocar os seus traballos no taboleiro da clase, levar os traballos á casa cunha felicitación...)

•    Titoría entre iguais. Nas aulas con alumnado con TDAH hase de:

•     Potenciar a aprendizaxe cooperativa.
•     Promover a aprendizaxe en grupos interactivos.
•     Promover a realización de debates.
• Procurar que as compañeiras/os do alumnado con TDAH lle poidan axudar a realizar as tarefas, que o ignoren cando quere chamar a atención con condutas inadecuadas e que lle presten axuda cando atende e se centra nas tarefas.

PROTOCOLO TDAH: Da aula, do profesorado e do alumnado

    Estas pautas e estratexias ofrécense para beneficiar tanto ao alumnado con TDAH coma ao resto do grupo, e servir de guía de actuación para o profesorado.
    Entre as pautas e as estratexias que deben estar presentes na contorna da aula destacan:
•    Tipo de aula. O alumnado con TDAH debe estar nunha aula con bo clima de traballo e, a ser posible, na que non coincida con alumnado con problemáticas semellantes.
•    Perfil do profesorado. Funciona ben o profesorado que harmoniza as normas claras e coherentes coa empatía e co reforzo positivo. Os estilos permisivo ou autoritario son negativos nestes casos.
Localización da alumna/o na aula. Considérase que o alumnado con TDAH debe estar sentado cerca da mesa do profesorado e ao lado de compañeiras ou compañeiros que lle sirvan de modelo de tranquilidade, de orde e de axuda. Debe evitarse a proximidade a portas, fiestras, papeleiras e lugares de maior tránsito, así como a estímulos sonoros ou visuais. Cando se realicen traballos en grupo hai que ser coidadosos coa localización do grupo (próximo ao profesorado) e coa elección das compañeiras e dos compañeiros. En actividades individuais, este alumnado deberá ocupar unha mesa separada, orientada cara a mesa do profesorado.
•    Mesa da alumna/o. Enriba da mesa só estarán os materiais que necesite para realizar a tarefa, e, ao remate, deberá recollelos e gardalos, e hase de evitar que acabe xogando con eles e convertendo a mesa nun pequeno taller.
•    Normas de convivencia consensuadas na aula. Negociaranse co alumnado unhas poucas normas de funcionamento e as consecuencias do seu cumprimento e incumprimento. Estas normas debe escribilas o propio alumnado, han de estar visibles na aula, e deben ser repasadas, con frecuencia, polo conxunto da clase. O profesorado evitará os enfrontamentos verbais e retadores cando se esixe o cumprimento das normas. Aconséllase firmeza, sen implicarse emocionalmente, e non culpar diante das compañeiras/os (o alumnado con TDAH non actúa así porque quere, senón porque non pode evitar ese comportamento). Manter un ambiente estruturado, motivador e con rutinas predicibles axudaralle ao alumnado a sentirse seguro e a saber o que ten que facer en cada momento.

PROTOCOLO TDAH: Observacións e actuacións iniciais do profesorado ante alumnado con TDAH

    No ámbito escolar, o profesorado pode observar a existencia das seguintes manifestacións:
•     Cústalle comezar o traballo. Non comeza por si só ou soa.
•     Amosa desorde e desorganización e non completa os traballos.
•     Usa o mínimo esforzo nos seus traballos e tarefas.
•     Ten aparencia de ser unha persoa preguiceira, mesmo pouco motivada.
•     Parece non escoitar cando se lle fala. Segue con dificultade unha conversa.
•     Presenta os traballos sucios, rachados ou deteriorados.
•     Esquece entregar os traballos, aínda que os teña feitos.
•     Presta moita máis atención nas áreas ou materias que lle gustan.
•     Ten dificultade para atender e seguir as normas dun xogo.
•     Cambia constantemente de postura na súa cadeira, nas rodas de xogo, etc.
•     Morde, chupa e xoga co material (lapis, goma, bolígrafo).
•     Move constantemente as pernas, os brazos e os dedos, sen erguerse do asento.
•     Cáenlle as cousas ao chan con excesiva frecuencia, rompe materiais, etc.
•     É das persoas que adoita ter pequenos accidentes no recreo e nos xogos.
•     Contesta sen pensar.
•     Non ve o perigo en ningures.
•     Non controla a expresión dos seus sentimentos.
•     Os castigos producen pouco efecto no seu comportamento e as recompensas a longo prazo tampouco funcionan.
•     O tempo é o seu inimigo e non inicia as tarefas ata o último momento.
•     Ten dificultade para controlar o seu comportamento.
•     Cústalle poñerse no lugar da outra persoa.
•     Desmoralízase enseguida.
•     Frecuentemente parece unha persoa testana.
•     Carece de empatía, o que orixina moitos rexeitamentos.
•     Ten moi baixa autoestima, inseguridade e dependencia das persoas adultas.
•     Ten dificultades para dicir o que quere dicir, explícase mal.
•     Cando ten que explicar algo non atopa as palabras e ten dificultades para explicar as súas ideas de maneira rápida e precisa.
•     Esquécese de darlles a volta ás follas dos exames.
•     Cando unha pregunta ten varias partes, contesta a primeira e esquece as seguintes.

   Cando o profesorado observa que un alumno ou unha alumna presenta varias destas manifestacións que afectan ao funcionamento da aula e ao desenvolvemento da propia alumna ou alumno, pode poñer en marcha algunhas das orientacións que se citan nos apartados seguintes.  Unha vez feito iso, se nun prazo razoable de tempo non se producen os cambios requiridos ou agardados, debe solicitar, a través do profesorado titor, a intervención da orientadora ou orientador do centro educativo.

PROTOCOLO TDAH: Manifestacións do TDAH relacionadas co funcionamento escolar.

    O alumnado con TDAH adoita amosar pouca produtividade no traballo escolar e obtén, co tempo e de forma persistente, malos resultados académicos, que ocasionan un crecente fracaso escolar. O profesorado pode apreciar como características máis salientables no funcionamento escolar deste alumnado as seguintes:
•    Precisan supervisión individual para comezaren as tarefas e para mantérense traballando nelas. Non as inician de xeito autónomo.
•    Precisan instrucións individuais, porque non escoitan as instrucións xerais dadas ao grupo.
Teñen un ritmo de traballo moi lento e/ou con frecuentes interrupcións e non dan rematado as tarefas a tempo.
•    Producen un traballo escolar de pouca calidade (desordenado, con moitos erros, etc.).
•    Teñen mal rendemento nos exames e nos controis, peor do esperable polo seu nivel de dominio da materia.
•    En xeral, o seu rendemento escolar está por debaixo do que poderían ter.

    Así mesmo, con frecuencia e canto máis intensa é a impulsividade-hiperactividade, teñen problemas para cumprir as normas e as instrucións da aula, manéxanse ruidosamente e distorsionan a súa marcha xeral, ata o punto de que cando faltan á escola “a clase vai máis tranquila”. De aí que ese alumnado requira maior supervisión ca o resto para conseguir un comportamento aceptable.
   
    Por outra parte, o funcionamento escolar a medio e longo prazo do alumnado con TDAH caracterízase, frecuentemente, polo atraso escolar -incluídas as repeticións de curso-, o baixo nivel de rendemento e a existencia de dificultades relativas á convivencia escolar -sancións, medidas correctoras etc. Debido a todo o mencionado, este alumnado presenta un maior risco de absentismo e de abandono escolar temperán

P. URXENCIAS SANITARIAS. Fracturas (rotura de ósos)

 

 

Fracturas (rotura de ósos)

 

Cando non sexa posible contactar cos servizos de urxencia:

Inmobilizar a fractura antes de mover, SEMPRE na mesma posición na que encontramos o óso, así como as articulacións próximas por riba e por debaixo da fractura.


Inmobilizar con férulas:

 

- Quitar aneis, reloxos, etc.

 

- Improvisar dúas férulas (cartóns, táboas, listóns, revistas ríxidas...) colocando unha a cada lado do membro afectado.

 

- Suxeitar as férulas con cintas ou vendas a varios niveis, de maneira firme pero sen facer presión.

 

- Encher os ocos que queden entre a férula e a extremidade con materiais brandos (gasas, etc.).

 

- Se a fractura é aberta, cubrir cun apósito a ferida antes de inmobilizar.

 

 

 

 

 


                             - En fracturas de cranio ou columna vertebral NON MOVER a persoa en absoluto.

                               Que NON FACER:

                               Non suxeitar no lugar da lesión.

                               NUNCA facer movementos innecesarios.

 

P. URXENCIAS SANITARIAS. Insolación e golpe de calor.

 

Insolación e golpe de calor

 

Para casos leves que non requiren atención de servizos de urxencia ou cando non sexa posible contactar con eles:

 

- Apartar a vítima da fonte de calor, situándoa nunha habitación ou lugar fresco e con pouca luz.

 

- Afrouxar roupas.

 

- Aplicar panos de auga fría.

 

- Se está consciente, dar de beber líquidos frescos pouco a pouco.

- Remitir aos servizos sanitarios.

 

P. URXENCIAS SANITARIAS. Lipotimias, síncopes e shocks.

 

Lipotimias, síncopes e shocks

 

 


Unha lipotimia é un déficit transitorio de rego sanguíneo cerebral que presenta os seguintes síntomas: mareo, sudación, abatimento , debilidade nas pernas e perda de coñecemento de formabreve.

 

 

 

Para casos leves que non requiren atención de servizos de urxencia ou cando non sexa posible contactar con eles, ante os primeiros síntomas:

 

 

 

 

- Deitalo cos membros inferiores elevados.

 

- Afrouxarlle a roupa.

 

- Airear o lugar e evitar curiosos.

 

Ante a perda de coñecemento:

 

Solicitar axuda dos servicios de urxencia.

 

- Colocalo en posición lateral de seguridade.

 

 

 


Esperar axuda dos servizos sanitarios.

 

Que NON FACER:

 

Non dar comida, bebida ou medicamentos de ninguha clase.

 

 

 

 

P. URXENCIAS SANITARIAS. Queimaduras.

 

Queimaduras

 

Para casos leves que non requiren atención de servizos de urxencia ou cando non sexa posible contactar con eles:

Queimaduras por calor ou lapas:

- Lavar as mans e poñer luvas.

- Retirar reloxos, pulseiras, aneis, etc. que poidan afectarlle á zona.

- Expoñer a zona queimada, cando sexa posible, baixo o chorro de auga fría durante 10 minutos.

- Cubrir a zona con gasas estériles, a ser posible enchoupadas en soro fisiolóxico ou auga.

- Elevar a zona afectada.

- En grandes queimados, cubrilos con mantas. Remitir a atención sanitaria.

 

Conxelacións :

 

- Lavar as mans e poñer luvas.

 

- Quecer moderadamente con auga tibia a zona afectada. Afrouxar a roupa.

 

- Remitir a atención sanitaria.

 

Queimaduras eléctricas:

 

NUNCA TOCAR SEN ASEGURAR QUE A PERSOA FERIDA NON SEGUE EN CONTACTO COA FONTE DE ELECTRICIDADE.

 

- Lavar as mans e poñer luvas.

 

- Proceder segundo o protocolo de accidentes por electricidade.

 

Queimaduras químicas:

 

- Lavar as mans e poñer luvas.

 

- Lavar abundantemente con auga (ducha de corpo enteiro, ducha lavaollos, billa de lavabo, etc., segundo o caso), cando menos durante 20 ou 30 minutos.

 

- Remitir a atención sanitaria.

 

P. URXENCIAS SANITARIAS. Feridas.

 

Feridas

 

Para casos leves que non requiren atención de servizos de urxencia ou cando non sexa posible contactar con eles:

 

- Lavar as mans e poñer luvas.

- Limpar a ferida con auga e xabón.

 

- Secar a ferida con gasa desde o centro cara a periferia sen facer forza.

 

- Desinfectar cun antiséptico axeitado para feridas abertas como os baseados na clorhexidina. Nunca usar alcol nin auga osixenada (nin xeles de desinfección sen auga, que non resultan axeitados para pel aberta).

 

-Cubrila con gasa e esparadrapo hipoalerxénico ou cunha tira adhesiva sanitaria. Retirar as luvas e lavar as mans.

 


-Se a ferida non é absolutamente superficial, notificar a familia para que estime solicitar valoración sanitaria.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut