Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía

Visita ás Illas Atánticas

O día 30 de marzo a delegación canaria chegou a Boiro onde lles tiñamos preparada unha visita guiada á Illa de Sálvora, que é unha das dúas Illas da Ría de Arousa  que forman parte do Parque Nacional Illas Atlánticas,o único parque Nacional de Galicia.

Para iniciar a ruta desprazámonos ata o porto da Pobra do Caramiñal onde nos agardaban os guías do parque e o catamarán. Embarcamos baixo unha forte chuvia e  emprendemos a travesía. A medida que nos achegabamos ao exterior da Ría a situación do mar comezou a empeorar e nos atopamos en pleno temporal. Axiña quedou claro que ir a Sálvora ía resultar moi complicado, así que cambiamos de rumbo e nos diriximos cara a outra Illa do Parque Nacional, Cortegada, inzada de enormes loureiros.

Polo camiño paramos nunha batea, onde os guías nos explicaron as diferentes etapas do cultivo do mexillón e puidemos ver as cordas baixo as augas. Tamén nos lembraron a importancia dos afloramentos de augas profundas frías para aportar nutrientes ao fitoplancton e manter a enorme productividade e biodiversidade das rías.

Entre os múltiples problemas que afectan a este cultivo, salientaron dous, as mareas vermellas e a acidificación dos océanos. Relacionaron ambos co Cambio Climático. No caso das mareas vermellas, que fan que o mexillón non se poida consumir, co aumento da temperatura que favorece o crecemento dos dinoflaxelados tóxicos e a súa acumulación no interior dos mexillóns. No caso da acidificación dos océanos, que dificulta a formación da cuncha do mexillón, co aumento dos niveis de dióxido de carbono na atmosfera.

Antes de regresar, atracamos no porto de Vilanova de Arousa e nos achegamos á casa de Valle Inclán onde a guía do museo, ao mesmo tempo que nos facía un interesante relato da súa vida, transmitiunos a súa admiración polo xenial escritor arousano.

 A pesar da meteoroloxía adversa, a xornada foi emocionante e a convivencia fantástica.

Resume do noso Intercambio con Canarias

Entre os días 11 e 18 de marzo, o IES Praia Barraña  participou no Intercambio Climático con Canarias, organizado polo proxecto educativo Climántica. Este proxecto enmárcase dentro da educación para o desenvolvemento sostible que ten como obxectivo permitir que os estudantes adquiran os coñecementos, competencias, actitudes e valores necesarios para un futuro sostible. Tamara Pérez, Marta Santamaría, Miguel Lamas e Xoel Blanco de 3º de ESO A, desprazáronse a Tenerife coa profesora de Bioloxía e Xeoloxía, Ana Urbieta. Formaban parte dun grupo de 21 alumnos e alumnas e 5 docentes de 5 centros galegos, o IES Virxe do Mar de Noia, o IES Poeta Añón de Outes, o IES Praia Barraña de Boiro, o IES Rosalía de Castro de Santiago e o CIP dos Dices de Rois.

Durante unha semana participaron nunha extraordinaria experiencia de aprendizaxe que incluíu visitas a centros de investigación, visitas ao parque nacional do Teide e a participación nunha actividade de recuperación da fauna salvaxe que incluiu o mergullo no Porto de Adeje.

Se queredes saber máis desta experiencia encontraredes un relato máis completo no seguinte enlace. Tamén podedes ver un vídeo do intercambio.

Intercambio Climático con Canarias 2016

 

Entre os días 11 e 18 de marzo, o IES Praia Barraña  participou no Intercambio Climático con Canarias, dentro do proxecto educativo Climántica. Este proxecto enmárcase dentro da educación para o desenvolvemento sostible que ten como obxectivo permitir que os estudantes adquiran os coñecementos, competencias, actitudes e valores necesarios para un futuro sostible. Tamara Pérez, Marta Santamaría, Miguel Lamas e Xoel Blanco de 3º de ESO A, desprazáronse a Tenerife coa profesora de Bioloxía e Xeoloxía, Ana Urbieta. Formaban parte dun grupo de 21 alumnos e alumnas e 5 docentes de 5 centros galegos, o IES Virxe do Mar de Noia, o IES Poeta Añón de Outes, o IES Praia Barraña de Boiro, o IES Rosalía de Castro de Santiago e o CIP dos Dices de Rois.

A delegación galega chegou o venres á illa de Tenerife e os alumnos dedicaron a fin de semana a iniciar a convivencia coas familias, que os levaron a coñecer a illa. A única actividade incluída no programa durante a fin de semana foi unha observación nocturna dende o Teide das principais constelacións, así como da lúa e do Planeta Xúpiter e os seus satélites. Esta actividade foi dirixida polo pai dun alumno canario, implicado no intercambio, experto en Astronomía. Na actividade participaron os estudantes e docentes galegos e canarios, así como as vinte familias de acollida. A actividade pechouse cunha cea picnic na que se degustaron produtos típicos da gastronomía canaria.

O luns 14 foi o primeiro día do plan de actividades desenvolto en horario escolar. As actividades que se desenvolveron o primeiro día iniciáronse ás 8:30 co desprazamento ao Instituto Tecnolóxico das Enerxías Renovables (ITER) situado no Sur da illa de Tenerife. Neste centro de investigación e divulgación das enerxías renovables, de referencia en España, os estudantes abordaron ao longo da mañá as actividades relacionadas con tres ámbitos diferentes: 1) Itinerario das demostracións prácticas do paseo das enerxías renovables, 2) Charla coloquio impartida por unha técnica do Instituto Vulcanolóxico, integrado no ITER e que tratou sobre os riscos volcánicos e o potencial da vulcanoloxía en relación á enerxía xeotérmica; 3) Visita a dúas vivendas bioclimáticas que aluga  o ITER a familias e sobre as que fai un seguimento das condicións de temperatura e humidade durante o tempo no que están ocupadas polas familias.

 

Na primeira parte das actividades do ITER os alumnos foron seguindo un itinerario por diferentes simuladores do funcionamento das enerxías renovables, acompañados da técnica de divulgación do ITER. Con cada unha das demostracións fixo unha serie de preguntas ás que os alumnos responderon aplicando os coñecementos que tiñan acadados sobre enerxía renovable. As actividades centráronse nun forno solar, onde analizaron os diferentes elementos claves do seu funcionamento a través dunha serie de preguntas que lles formulou a técnica. A continuación visitaron unha placa solar térmica, procedendo coa mesma metodoloxía, e facendo fincapé na relevancia desta enerxía nas illas, que coa insolación característica do clima, permite abastecer a práctica totalidade de auga quente das vivendas.

A seguinte parada fíxose na placa fotovoltaica. Nela a técnica, Natalia, explicou o fundamento para xerar electricidade mediante o efecto da luz sobre os electróns do silicio, que impulsa aos electróns que se conducen xerando a enerxía eléctrica. En relación a este tipo de enerxía renovable analizáronse de forma comparativa as políticas actuais en relación a este recurso que se están a seguir en España e en Alemaña.

O itinerario das enerxías renovables rematou coa análise do funcionamento dunha desalgadora solar capaz de xerar 4 litros de auga doce por día desalgando auga do mar. A partires deste dato analizouse a relevancia deste recurso para obter auga doce nas illas, sen consumo enerxético, a partires de auga do mar.

Unha vez rematado itinerario das enerxías renovables, os 42 estudantes das dúas comunidades autónomas desprazáronse ao salón de actos para analizar as relacións dos volcáns coa enerxía xeotérmica e valorar os riscos do vulcanismo en Canarias.

As actividades no ITER remataron ás 14 horas visitando vivendas bioclimáticas para descubrir as estratexias arquitectónicas relativas ao tipo de materiais de construción, á orientación e aos sistemas de ventilación utilizados para manter a temperatura constante. Tamén puideron comprobar cómo se obtiñan os datos relativos aos efectos sobre a temperatura e humidade  derivados da ocupación das vivendas por parte das familias que as alugaban.

Unha vez finalizadas as actividades no ITER, a comunidade educativa implicada no intercambio desprazouse á praia que se atopa na ladeira do volcán Montaña Vermella, onde chegaron ás 14.15 para proceder a bañarse e a comer. Xa pola tarde iniciaron o itinerario de ascenso ao volcán de Montaña Vermella, analizando o cono volcánico recente e a xeomorfoloxía que se contempla desde os seus 171 m de altura.

As actividades do seguintes catro días.

O martes as actividades desenvolvéronse no Parque Nacional do Teide pasando polo Val da Orotava, percorrendo o camiño que seguiu o famoso naturalista Alexander Von Humboldt na exploración que realizou á illa en 1799.

O mércores as actividades foron de investigación mediante o mergullo para observar a recuperación do ecosistema degradado do fondo oceánico do porto de Adeje. Mergullámonos no marco dunha actividade de achegamento ao proxecto SeaLab/Aula Mariña. Esta experiencia consistíu en sumerxerse para participar na conservación baixo as augas da futura micro reserva mariña do Puertito de Adeje. As inmersións foron guiadas por profesionais.

O xoves os estudantes traballaron no centro de investigación atmosférico de Izaña, un centro de investigación internacional  que leva a cabo a vixilancia e investigación dos compoñentes atmosféricos capaces de propiciar un cambio no clima da Terra (gases de efecto invernadoiro e aerosois) e un deterioro da capa de ozono mundial, así como o daqueles compoñentes que xogan un papel fundamental na calidade do aire, tanto a escala local como global. As actividades, que se desenvolveronn en grupos de tres, centráronse no ámbito da fenoloxía, ciencia que estuda a relación entre os factores climáticos e os ciclos dos seres vivos, explicándonos como variou a flora e a fauna nesta zona debido ao cambio climático.

O venres celebrouse o acto académico de clausura da fase do intercambio 2016 en Canarias. Aquí os alumnos galegos presentaron os seus proxectos escolares. Os alumnos do IES Virxe de Mar (Noia) abordaron o tema da sustentabilidade do berberecho no contexto do cambio climático, nós, os do IES Praia de Barraña de Boiro presentamos, O mexillón da batea á conserveira, os do IES Poeta Añón (Outes) presentaron A lamprea e o cambio climático no río Tambre, os do IES Rosalía de Castro (Santiago) abordaron o proxecto A biodiversidade e dominios climáticos das plantas da Alameda de Santiago e os estudantes do CPI dos Dices de Rois, presentaron o proxecto Bosque de ribeira no río Rois.

Foi unha marabillosa experiencia educativa. 

Podedes ver o vídeo do intercambio neste  enlace

 

 

 

 

A nosa participación no proxecto OlimpiADN

Un grupo de 45 alumnos e alumnas, de tódalas modalidades de 1º de Bacharelato do noso centro, participaron no Proxecto OlimpiADN promovido pola Fundación Barrié. O principal obxectivo desta iniciativa era coñecer a molécula de ADN a través dunha competición na que se propoñían distintos retos que os participantes debían superar. Durante o tempo que durou o proxecto, un trimestre, estes rapaces e rapazas traballaron moito, superaron tódolos retos e pasárono ben, aínda que ter que cumprir coas datas límite de entrega resultase ás veces estresante. Construíron maquetas do ADN, extraérono de froitas e legumes no laboratorio, escribiron artigos centifícos, realizaron un estudo poboacional de tres caracteres xenéticos e deixaron constancia dos seus traballos nuns vídeos fantásticos. En cifras, construiron oito maquetas de ADN, catro delas personalizadas, extraeron ADN de catro tipos de vexetais distintos, analizaron tres caracteres mendelianos en practicamente tódolos alumnos e alumnas do instituto e montaron oito vídeos que se poden ver no blogue de CMC.

O pasado mércores 22 de abril, 4 alumnas, unha por cada grupo de primeiro, acompañadas pola profesora de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, asistiron  en representación do IES Praia Barraña, á cerimonia de clausura e entrega de premios que se celebrou na Coruña. Aínda que non se conseguiu ningunha presea, regresaron a casa coa sensación de que o esforzo realizado pagou a pena.

IMAXE CLOROPLASTOO

IMAXE MICROSCÓPICA DUN CLOROPLASTO

solución actividades 1º bach. bioloxía

Estas son as solucións de dúas das actividades da célula.

Actividade 4:

anabolismo catabolismo
reaccións de síntese reaccións de degradación
consumo de enerxía (ATP) liberación de enerxía (ATP

 Actividade 5:

  1. proceso de degradación incompleta de moléculas orgánicas: os produtos finais aínda acumulan parte da súa enerxía.
  2. baixo rendemento enerxético
  3. en ausencia de O2
  4. ocorre no citoplasma da célula

Participación na Semana da Ciencia 2014

Que mellor maneira de celebrar o 75 aniversario do CSIC que participando na xornada de portas abertas da Misión Biolóxica de Galicia o 24 de novembro. Así que collemos o bus e fomos a Pontevedra, onde xa nos estaban esperando, como amosaba  o seu Twitter:

Durante unhas horas que souberon a pouco, algúns dos científicos e científicas que alí traballan, abríronnos as portas dos seus laboratorios, explicáronnos os seus traballos e  fixéronnos participar nas súas investigacións. Aprendemos moito sobre algúns dos cultivos máis relevantes de Galicia. Ademais visitamos o parque e o pequeno museo científico. Ao final fixémonos a xa tradicional foto fronte ao hórreo. 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut