Tecnoloxía

O noso centro foi seleccionado para participar na Semana STEM

Teremos un grupo de 25 alumn@s de 1º ESO de Campamento "Científico-Tecnolóxico-Enxeñería-Matemático" na semana do 2 ao 8 de decembro deste ano.

Serán 13 nenas e 12 nenos que terán a oportunidade de participar nun escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez mais, sobre os diversos campos da Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería  e Matemáticas - STEM.

Esta actividade está organizada baixo a acción de Estratexia Galega de Educación Dixital (EduDixital2020) nas instalacións do Centro Vermislab.

Os nosos alumnos de 1º ESO participan nos obradoiros de Robótica na Cidade da Cultura.

Obradoiro de RobóticaO martes pasado, 31 de maio, os nosos alumnos participaron nos obradoiros de Programación e de Robótica na Cidade da Cultura.

Puideron coñecer a R2D2!

Coñeceron ademais, a un grupo de persoas que se esforzan en traballar coas novas tecnoloxías, e fomentar unha cidadanía con coñecemento dixital.

Os obradoiros estaban adicados a programar en Scratch (proxectos de programación nunha contorna de fácil aprendizaxe). Tamén traballaron programando uns Robots LEGO NXT e experimentaron con proxectos divertidos e asombrosos de ciencias e tecnoloxía... Ata tocaron un piano feito de froitas!

Participaron nunha charla sobre os riscos de navegar por Internet. Sacaron en claro, que é fundamental o apoio dos pais (control parental) e tamén o de crear contrasinais súper-seguras... ("un para todos e todos para un!" = "1xaTo2eTo2xa1!"). 

Ollaron a Cidade da Cultura dende o Monte Gaias en Santiago de Compostela, un espazo aberto e cheo de posibilidades...

Portáronse xenial e pasárono fenomenal!

Graciñas por todo!

 

 

Celebramos o Día da Ciencia en Galego!

Día da Ciencia en Galego

Como hai políticos que cren que a nosa lingua non serve para ser científica, nos centros de ensino empeñámonos en demostrar que si. E resulta ben doado! 

Un ano máis, no noso centro decidimos dar o protagonismo ao alumnado de Diversificación para que fosen eles e elas quen demostrase que a ciencia pode explicarse en galego, converténdose en profesorado por un día. E que ben o fixeron!

 As experiencias xiraron arredor da luz e da óptica.

     Ver Fotos

 

O noso Renacuajo fallou! pero non importa, pasámolo ben...

O pasado venres 24 de abril, fomos participar ao I Concurso de Robótica a Escola de Enxeñería Industrial en Vigo.

Levábamos dous Robots Sigue Líneas que funcionaban moi ben...

Decidimos que participara o Renacuajo e debeulle temblar as pernas... na última recta parouse!

De todos xeitos íamos ser terceiro ou cuarto, no caso mais favorable... Os rivais foron dignos.

Aprendemos que o importante é participar! Pasar, pasámolo ben, outra vez será!

 

...mirade o vídeo!

 

    ...e mirade as fotos!

 

Ler mais: Faro de Vigo - Noticia

 

 

Visita ao parque experimental de Sotavento

Como xa ven sendo tradicional, o pasado mércores 9 de abril de 2015 o alumnado de 1º de Bacharelato da modalidade  de Ciencias e Tecnoloxía visitou o parque eólico de Sotavento, situado na Serra da Loba. Nesta visita puideron afianzar os seus coñecementos de física e tecnoloxía acerca das enerxías renovables. 

Como en anos anteriores, fomos recibidos e moi ben atendidos polo persoal deste parque, que é moito máis que unha central de produción de enerxía eléctrica, senón que funciona como unha aula divulgativa das vantaxes das fontes de enerxía renovables e de promoción de condutas sostibles e respetuosas co medio, tan necesarias para fomentar na cidadanía un consumo enerxético responsable.

Esta actividade estivo organizada polos departamentos de Física e Química, Bioloxía e Tecnoloxía

O Día da Ciencia en Galego no IES Laxeiro

Celebramos o Día da Ciencia en Galego (4 novembro) co motivo dos sensores, e fixémolo no entorno mais común destes, no mundo da Robótica! Os alumnos de 4º prepararon unha mostra de Robots LEGO.

Ver Vídeo >> Youtube

Ver Fotos >> Galería de Imaxes

Ver Fotos >> Blog

Visita a REGANOSA

O pasado mércores, día 7de novembro de 2012,  alumnado do Ciclo Medio de Instalacións Electrotécnicas e Automáticas de Formación Profesional e o alumnado de Tecnoloxía Industrial de 1º e 2º de bacharelato, realizaron unha visita didáctica á Central Regasificadora de REGANOSA en Mugardos (FERROL).   Ver FOTOS da Visita

Visita escolas de Minas e Telecomunicacións

O pasado luns día 12 de novembro estivemos visitando a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas e a Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. A visita estivo organizada polos departamentos de Tecnoloxía e Física e Química e orientada para o alumnado de 4º da ESO.

Na visita mostráronnos diversos laboratorios e explicáronos algo sobre os proxectos que alí se realizan. Ademais o alumnado recibiu información sobre as titulacións que se imparten nestes centros e das tarefas que realizan os estudantes cando rematan as súas titulacións.

Dia da Ciencia en galego no IES Laxeiro

O día 5 de Novembro celebrouse o Día da Ciencia en galego, este ano adicado á Tecnoloxía. Desde o IES Laxeiro sumámonos á homenaxe ao inventor estradense Ramón Verea e a Leonardo da Vinci realizando diversas actividades durante os recreos: Construcción da ponte de Leonardo, escritura en espello, trucos de maxia para despistar os sentidos e unha exposición con paneis informativos sobre os homenaxeados deseñados por Mar García.

Aquí tendes algunhas fotos.

Recorte Carteis día da Ciencia

O IES Laxeiro premiado no IV Concurso Galego de Robótica

Os alumnos e alumnas  de 4º ESO e 1º Bacharelato do IES Laxeiro de Lalín acadaron o segundo premio no IV Concurso Galego de Robótica.

Celebrando o Ano Galego da Tecnoloxía 2012, o Instituto Galego de Ciencia IGACIENCIA organizou a actividade "A Maxia da Robótica". Realizouse durante os días do 16 ao 20 de abril en Lugo. Nesta actividade pretendeuse achegar aos nosos alumnos e alumnas o campo da robótica e aproveitar a súa "maxia" para promover a cultura científica na nosa sociedade galega. 

Campeóns IV Concurso Galego de Robótica

Distribuir contido