Skip to Content

Acreditación das competencias dixitais do alumnado

jlmartinez

Na Resolución do 28 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, dítanse instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso 2023/24.

Os niveis de competencias dixitais que se acreditan a través dos procedementos regulados nesta resolución son: iniciación e intermedio.

Estes niveis correspóndense cos niveis de aptitude do Marco galego de competencias dixitais recollidos no documento Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais.

 A acreditación das competencias dixitais do alumnado poderá realizarse a través das seguintes modalidades:

a) Por obter o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria no curso 2023/24.

b) Por superar unha proba específica de acreditación das competencias dixitais de nivel intermedio.

c) Por obter o título de bacharel no curso 2023/24 e superar unha proba específica de acreditación da área de dominio 4 de nivel intermedio.

Acreditación do alumnado de educación secundaria obrigatoria

1. O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación.

2. O alumnado matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.

3. O alumnado que titule ou que supere a proba específica recibirá a certificación ComDix de nivel iniciación ou de nivel intermedio, respectivamente.

4. A acreditación do alumnado terá unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.

Acreditación do alumnado de bacharelato

1. A obtención do título de bacharel acredita que a alumna ou o alumno ten os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio 1, 2, 3 e 5 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais.

2. O alumnado matriculado en 2º de bacharelato poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias da área de dominio 4 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais. 

3. No caso de que unha alumna ou un alumno obteña o título de bacharel e ademais supere a proba específica da área de dominio 4 do nivel intermedio, recibirá a certificación ComDix que acredita o nivel intermedio.

4. O documento de acreditación terá unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.

Requisitos do alumnado para participar nas probas específicas

O alumnado que desexe participar nas probas específicas deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado en 4º de ESO para presentarse á proba específica que acredita as competencias dixitais de nivel intermedio.

b) Estar matriculado en 2º de Bacharelato para presentarse á proba específica que acredita a área de dominio 4 de competencias dixitais de nivel intermedio.

Solicitude e inscrición nas probas específicas

1. O alumnado de 4º de ESO e o alumnado de 2º de Bacharelato que desexe realizar a proba específica solicitará a súa inscrición empregando o modelo establecido no anexo IV da Resolución.

2. O alumnado menor de idade contará coa autorización das persoas proxenitoras ou das persoas titoras legais para poder inscribirse na realización da proba.

3. Os centros docentes deberán inscribir o alumnado que participará na/s proba/s con data límite 15 de marzo, ás 23:59 horas.

Convocatoria das probas específicas

1. As convocatorias de probas específicas  realizaranse consonte ao seguinte calendario:

a) A proba específica que acredita a área de dominio 4 de nivel intermedio realizarase durante o mes de abril.

b) A proba específica que acredita o nivel intermedio realizarase durante o mes de maio.

2. As probas realizaranse no centro docente con alumnado inscrito o día e no horario que se estableza segundo o número de alumnado interesado e a dispoñibilidade de equipos informáticos do centro.

Información sobre as probas específicas

A proba específica para acreditar o nivel intermedio axustarase ás cinco áreas de dominio definidas no Marco galego de competencias dixitais. A alumna ou o alumno debe responder nun tempo máximo de 90 minutos un total de 60 preguntas de diferente complexidade e tipoloxía referidas a cada unha das cinco áreas de dominio (12 preguntas por cada área).

Para superar a proba específica de nivel intermedio deberase responder correctamente a un 70% do total de preguntas, sendo necesario obter un mínimo do 60% de respostas correctas en cada unha das cinco áreas.

A proba específica para acreditar a área de dominio 4, Seguridade e privacidade, axustarase á definición de dita área no nivel Intermedio no Marco galego de competencias dixitais. A alumna ou o alumno debe responder nun tempo máximo de 20 minutos un total de 12 preguntas de diferente complexidade e tipoloxía.

A proba específica da área de dominio 4 do nivel intermedio considerarase superada ao responder correctamente ao 60% das preguntas.

Demo da proba de acreditación.



page | by Dr. Radut