Skip to Content

Fernando Castro gaña o XIX Premio de teatro Rafael Dieste

Fernando Castro, profesor de Lingua e literatura castelá no Fernando Blanco e un dos responsables do grupo de teatro Tuéjele do noso centro, foi galardoado co Premio de teatro Rafael Dieste que cumpre neste ano a súa 19ª edición.

Un xurado composto pola actriz Mabel Rivera, a escritora Marga do Val, o profesor, investigador e especialista en Arte Dramática, Carlos Vizcaíno Fernández, a actriz e creadora escénica Marta Pérez e o autor gañador da edición anterior, Ernesto Is, escolleu por unanimidade entre as 46 presentadas a obra Amorodo agre que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Fernando Castro Paredes.

O xurado destaca a “elaborada construción dramática, concretada en varios aspectos que van desde un arranque impactante que consegue manter a emoción e o interese ao longo de toda a peza”. O fallo do premio valora tamén a “traballada definición dos personaxes, as atmosferas e o xogo simultáneo de diálogos que fan que a acción avance con tensión dramática até o remate”. Á hora de escoller a obra poñen en valor tamén a calidade da lingua empregada e o tratamento de temáticas complexas.

Parabéns a Fernando, que acumula un premio máis na súa brillante traxectoria autoral.



page | by Dr. Radut