Skip to Content

Encontro con empresas no IES Fernando Blanco

O venres 28 de xuño celebrouse no IES Fernando Blanco un encontro con empresas da comarca que acollen alumnado das diversas ensinanzas de Formación Profesional que se imparten no centro para que poidan realizar as súas prácticas.

A este encontro asistiron máis de 60 persoas representantes de 45 empresas de diversos sectores económicos (banca, talleres de automóbiles, seguros, talleres mecánicos, produción de ferroaliaxes, seguros, asesorías, etc), tamén asistiron numerosos docentes do centro.

Un momento da intervención de Serxio Iglesias

No encontro, presentado por Serxio Iglesias, xefe de estudos de adultos, puidose visionar un vídeo no que se expoñen as diferentes ensinanzas que se imparten no centro.

José Pardiñas, coordinador de FCT

José Pardiñas, coordinador da FCT do instituto agradeceu aos empresarios presentes a acollida que, ano tras ano, fan do noso alumnado e a confianza que demostran contratando despois a moitos deles.

A directora Chelo Trillo, diríxindose ao público asistente

A continuación dirixiu unhas palabras Chelo Trillo, directora do IES Fernando Blanco, que ademais de recordar a figura de Fernando Blanco de Lema, salientou a importancia que ten a colaboración das empresas co sector educativo da FP, non só por permitir que o noso alumnado realice as súas prácticas e que non estean en inferioridade de condicións con respecto a outro alumnado que reside nas cidades, senón tamén porque esa colaboración permite dar resposta ás necesidades de formación que se poden demandar por parte das empresas.

Susana Pedrosa durante a súa alocución

Para acabar esta parte do acto Susana Pedrosa, responsable de equipamentos da Consellería de Educación, fixo unha intervención en nome da Dirección Xeral de Educación na que felicitou aos docentes e empresarios presentes polo traballo desenvolvido, así como o compromiso da Consellería de Educación coa Formación Profesional.

 Encontro nos xardíns do instituto

Por último os asistentes ao encontro visitaron as instalacións do centro e compartiron uns pinchos nos xardíns. do instituto.



page | by Dr. Radut