Saídas didácticas

Paseo sonoro - 2017

O pasado 26 de outubro de 2017 o alumnado de Música de 4º ESO A-B do IES Chapela realizou un paseo sonoro pola parroquia. En dita actividade percorremos Chapela andando durante 45 minutos e expondo os nosos oídos a todos os sons que nos rodeaban. Este tipo de exercicio auditivo persegue a finalidade de establecer unha relación consciente co contorno para conseguir captar as variacións e a riqueza acústica que posúe.

Chapela, á que acotío ligamos con sons desagradables de altos decibelios provenientes da circulación na autoestrada, tamén ten sons fermosos que o alumnado valorou. Destacaron o das ondas do mar chegando ao porto, os do río, e o dos paxaros sempre presentes no percorrido, aínda que ás veces os seus chíos fosen sepultados por sonoridades de natureza máis urbana. Os sons máis rexeitados foron o da autoestrada, banda sonora desde hai décadas das parroquias de Chapela e de Teis, que campa ás súas anchas sen ningunha defensa para a veciñanza da zona, e o das obras que se están levando a cabo na Avenida de Vigo para ampliar as beirarrúas.

O alumnado tamén distinguiu distintas paisaxes sonoras no percorrido. A zona de Chapela de arriba próxima a autoestrada, onde o ruído é constante e forte co paso incesante de coches, superando os 80 dB. A zona máis illada acusticamente do Camiño Igrexa, na que o son dos automóbiles case que non se percibe e sobresaen ruídos de ríos, paxaros e animais, ofrecéndonos un contorno acústico de carácter máis rural. As medicións do noso sonómetro baixaron ben dos 60 dB. Ao chegar á estrada da Avenida de Vigo, máis do mesmo, contaminación acústica. Botamos de menos aquí o ruído do sinal acústico que debían ter os semáforos para que fosen útiles para os invidentes, unha reivindicación feita polo alumnado de Chapela ao Concello en novembro de 2013 e que o consistorio de Redondela segue sen atender. Finalmente e xunto ao mar, no paseo do porto e en Penedos, outra vez un ambiente acústico máis agradable marcado polo mar, o vento, as follas secas das árbores que pisabamos, e os motores ao lonxe dalgúns barcos traballando. O nivel de volume situábase en torno aos 55-60 dB. A experiencia foi cualificada de positiva polo alumnado, que recordou e reivindicou de novo a necesidade de protección acústica contra o ruído da autoestrada e contra o alto volume que proxectan sobre o noso Centro educativo.

Saída á Senda da Auga - APSD e Integración Social Modular

 

 

 

O pasado 5 de outubro o alumnado dos Ciclos Formativos de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e Integración Social de Modular, en compaña das nosas respectivas titoras, fixemos unha saída pola Senda da Auga que hai nas proximidades do IES de Chapela. O propósito desta saída era celebrar o comezo do curso 2017/2018 para estrealo con bo pé, así como coñecer as compañeiras e compañeiros que están a estudar outro ciclo da nosa familia profesional. Esta actividade deunos a oportunidade de descubrir a marabillosa contorna natural na que se atopa o centro e de gozar das espléndidas vistas da Ponte de Rande envolta nun mar de néboa. 

Tivemos a ocasión de poñernos en forma do moito que camiñamos, merendamos, charlamos, recollemos pedras “quitapenas”, e mesmo puidemos ser outr@s por un intre (cando nos presentamos prestando a nosa voz aos que foran os nosos acompañantes ao longo do traxecto). Tampouco nos faltaron unhas doses de aventura cando vimos como se achegaba o luscofusco estando no monte... Ah, e tivemos un convidado sorpresa na nosa ruta: Kiro! Guau guau!

Moitas grazas a Pablo López Guerra polas magníficas fotos.

 

 

 

 

Podes descargar máis imaxes neste enlace

Comezo de Curso en O Beque - E. Infantil, APSD

 

 

 

O 25 e 26 de setembro, o alumnado de 2º Educación Infantil e 2º Atención a Persoas en Situación de Dependencia, comezamos o curso cunha saída a O Beque (Moaña). Con esta experiencia conseguimos un achegamento á natureza desfrutando duns beneficios que acotío pasan desapercibidos ou non valoramos na súa xusta medida. Enchemos a viaxe cunha bolsa de tesouros do medio ambiente, unha clase de ioga ao ar libre, un obradoiro de clown, outro de expresión corporal e un encontro na praia con persoas da Asociación Juan XXIII de Cangas. E por suposto, durmimos no albergue O Beque e experimentamos abraiantes sensacións como as picadas de mosquitos.

Desta saída en grupo as alumnas e os alumnos extraemos dúas ensinanzas:

Como dixo Antoine de Saint-Exupéry en O Principiño, “o esencial é invisible aos ollos”. Relacionándoo coa beleza interior das persoas, a importancia de ver co corazón, valorar as pequenas cousas, un xesto, unha mirada, un sorriso, un agradecemento. Mais tamén a beleza do noso contorno natural, o canto dun paxaro, a aspereza dun tronco, o contacto coas follas secas... Redescubrir o noso mundo con ollos de crianza. A segunda, chegar xuntos é o principio, manterse xuntos é o progreso, traballar xuntos é o éxito.

O noso agradecemento ao Concello de Moaña, á Asociación Juan XXIII e a todas as persoas colaboradoras, cuxa axuda e implicación foi imprescindible. Grazas, grazas, grazas.

Saída Río Barosa 1º ESO - Fin de curso 2017

Paseo Sonoro - 2016

O pasado 21 de outubro de 2016 o alumnado de 4º ESO A-B do IES Chapela realizou un paseo sonoro pola parroquia. En dita actividade percorremos Chapela andando durante 45 minutos e expondo os nosos oídos a todos os sons que nos rodeaban. Este tipo de exercicio auditivo persegue a finalidade de establecer unha relación consciente co contorno para conseguir captar as variacións e a riqueza acústica que posúe.

Chapela, á que estes días ligamos con sons desagradables de altos decibelios polas obras da autoestrada, tamén ten sons fermosos que o alumnado valorou. Destacaron o das ondas do mar chegando ao porto, os do río, e o dos paxaros sempre presentes no percorrido, aínda que ás veces os seus chíos fosen sepultados por sonoridades de natureza máis urbana. Os sons máis rexeitados foron o da autoestrada, banda sonora desde hai décadas das parroquias de Chapela e de Teis, que campa ás súas anchas sen ningunha defensa para a veciñanza da zona, e por suposto as obras próximas ao instituto.

O alumnado tamén distinguiu distintas paisaxes sonoras no percorrido. A zona de Chapela de arriba próxima a autoestrada, onde o ruído é constante e forte co paso incesante de coches, superando os 80 dB. A zona máis illada acusticamente do Camiño Igrexa, na que o son dos automóbiles case que non se percibe e sobresaen ruídos de ríos, paxaros e animais, ofrecéndonos un contorno acústico de carácter máis rural. As medicións do noso sonómetro baixaron ben dos 60 dB. Ao chegar á estrada da Avenida de Vigo, máis do mesmo, contaminación acústica. Botamos de menos aquí o ruído do sinal acústico que debían ter os semáforos para que fosen útiles para os invidentes, unha reivindicación feita polo alumnado de Chapela ao Alcalde Javier Bas en novembro de 2013 e que o Concello de Redondela segue sen atender. Finalmente e xunto ao mar, no paseo do porto e en Penedos, outra vez un ambiente acústico máis agradable marcado polo mar, o vento, as follas secas das árbores que pisabamos, e os motores ao lonxe dalgúns barcos traballando. O nivel de volume situábase en torno aos 55-60 dB.

A experiencia foi cualificada de positiva polo alumnado, que recordou e reivindicou de novo a necesidade de protección acústica contra o ruído da autoestrada e contra o alto volume que proxectan sobre o Centro as obras de ampliación da AP9 impedindo o normal desenvolvemento das clases.

Fin de curso nas Illas Cíes

Saída didáctica a Citroen

O día 13-02-2014 o alumnado de 4ºESO e 1ºBach realizou unha visita didáctica á empresa Citroën, organizada polo departamento de Tecnoloxía do IES Chapela.

IX Semana Matemática de Vigo - 2013

O martes 7 de maio de 2013 o alumnado de 1º ESO visitou a IX Semana Matemática de Vigo (Fundación Barrié) nunha actividade organizada polo Departamento de Matemáticas.

EDLG: Exposición multilingüe / Roteiro polo Monte Penide - 2013

         

Exposición multilingüe

Do 3 ao 10 de maio na biblioteca. Libros en Aragonés, Aranés, Asturiano, Catalán, Euscaro, Galego, Portugués e Castelán.   BLOG EDLG

 

 

 

 

 

Roteiro Prehistórico polo Monte Penide

O pasado venres 3 de maio o alumnado de 1º ESO do IES de Chapela coñeceu o valor arqueolóxico do noso monte grazas ao Roteiro Prehistórico polo Monte Penide organizado polo EDLG en colaboración co SNL do Concello de Redondela.

Saída Didáctica CS Infantil

Saída do alumnado do CS de Educación Infantil ao Parque dos sentidos en Marín, na Finca Briz, e ao Salón do Libro en Pontevedra.

Distribuir contido