Skip to Content

Xornadas STEMbach de Galicia

«O pasado martes 27 de novembro acudimos á nosa primeira xornada de convivencia cos outros 15 centros STEM de Galicia. Asistimos ao Palacio de Congresos e Exposicións en Santiago co obxectivo de recibir información mediante relatorios sobre divulgación científica. A xornada consistiu en tres charlas, a primeira delas impartida por Deborah García Bello, química e divulgadora científica, acerca do método científico, a importancia do espírito crítico e as actitudes científicas, enfatizando sobre todo na importancia e na veracidade do experimento. Na segunda charla, a periodista Rocío Pérez Benavente, participante do blog “Maldita Ciencia” tratou a desinformación científica, as falsas noticias sobre ciencia e a análise das fontes de información. Finalmente, a matemática e divulgadora científica Marta Macho Stadler, falounos sobre a actividade feminina na ciencia a través da historia, resaltando a situación de desigualdade que teñen as mulleres neste campo aínda hoxe en día e dándolle importancia a ter referentes femininos, poñendo exemplos de pioneiras tales como Marie Curie, Florence Nightingale ou incluso remontándonos aos tempos de Hipatia de Alexandría. Como ela afirmou “unha boa ciencia non pode selo sen diversidade”. No medio destas conferencias tivemos un tempo para coñecer e intercambiar experiencias con outros alumnos e alumnas embarcados neste mesmo proxecto. Citando a Deborah García, e para resumir a xornada: “cantas máis cousas sabemos, mellores decisión tomamos”.»

Artigo escrito polo alumnado STEMbach, de 1º de Bacharelato 2018-2019.

 



story | by Dr. Radut