Skip to Content

Celebración Día de Rosalía

23/02/2018 10:05
23/02/2018 12:20
Etc/GMT+1

Hoxe 24 de febreiro celebramos en toda Galicia o Día de Rosalía, e para honrar e homenaxear á nosa poeta nacional, a máis célebre escritora en lingua galega, o equipo da Biblioteca, o de Normalización Lingüística e a Comisión de Igualdade prepararon onte, venres día 23 unhas actividades.

Temos a sorte, todas as galegas e galegos, de termos unha muller como nai da nosa literatura e como figura central da nosa cultura, a nosa referente no mundo, a que nos visibiliza e nos fai entrar no canon da literatura, da cultura e do feminismo universal.

Así, para lembrar o seu pensamento e a súa figura, onte durante os dous recreos repartíronse flores e libros en lingua galega, cedidos pola Universidade de Vigo, para todas as persoas que se quixeron achegar e participar. Ademais, ambientouse o espazo con poemas musicados da nosa poeta, para contribuír a visibilizar a música en galego e a actualidade do pensamento rosaliano.

Despois, no segundo recreo na entrada do instituto leuse o manifesto elaborado nesta ocasión pola poeta María Reimóndez. As persoas encargadas desta lectura foron todas voluntarias do Equipo de Normalización Lingüística.

Finalmente, no panel e no expositor de libros da Biblioteca destacáronse as súas obras máis destacadas, así como a súa biografía e contribución á construción do país.
Todas as actividades desta xornada foron organizadas conxuntamente pola Biblioteca, o Equipo de Normalización Lingüística e a Comisión de Igualdade.

 

 



event | by Dr. Radut