Skip to Content

Proxecto Corpo, un mosaico de emocións

Tras os exitosos resultados obtidos co Proxecto Erasmus + BODY o pasado curso e o grande impacto conseguido a nivel comarcal, os cinco socios guardeses (IES e CEIP A Sangriña, CEE San Xerome Emiliani, Asociación Avelaíña e a Residencia Monte Tecla) acordan seguir a súa andaina constituíndo un grupo de traballo para desenvolver un proxecto local común, o proxecto CORPO, coordinado polo IES A Sangriña da Guarda.

O novo proxecto nútrese da aprendizaxe e herdanza do Proxecto BODY Erasmus+, que viñemos desenvolvendo o pasado curso 2015-2016 baixo a coordinación francesa do Collège Boris Vian de Dunkerque no que nos inspiramos para asentar as bases deste novo concepto.

Este curso pretendemos seguir os principais obxectivos do proxecto BODY (benestar físico e psíquico, inclusión e integración social) agradecendo ao coordinador francés Fabrice Tondeur o seu deseño e conceptualización, pero desta volta será desenvolvido a menor escala, centrándonos esencialmente en actividades comarcais.

Unha xuntanxa de máis dun centenar de persoas.

Este curso, iniciamos as actividades locais cun taller de manualidades de decoración de Nadal e un obradoiro de danza que culminará nun festival de danza tanto na Residencia como no IES A Sangriña ao que acudirán participantes dos 5 colectivos e os seus familiares.

Reconceptualización e definición.

Trátase dun proxecto interdisciplinar entre centros escolares e asociacións locais que pretende potenciar actividades interxeneracionais na procura do benestar físico e emocional en todas as súas vertentes. As actividades conxuntas céntranse na procura da integración e inclusión social e a defensa dos dereitos de todas e todos. Axústase aos diversos ritmos e necesidades de cada un dos seus integrantes, collendo o rumbo que cada centro asociado lle podemos dar, na equidade e respecto á diferenza, fonte da súa riqueza. Nenas e nenos desde 3 anos de idade ata avoas e avós de máis de 80, un abano de seres collidos da man, creando un mar de emocións na diversidade.



story | by Dr. Radut