PLAN ENSINO VIRTUAL NO CONTEXTO COVID-19

Estimadas familias:

Tendo en conta a normativa establecida no Plan de Ensino Virtual ante a Covid-19, aprobado pola Resolución conxunta, do 4 de novembro de 2020, das Consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade pola que se aproba a actualización do “Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020- 2021” (...) en centros educativos non universitarios, o centro escolar elaborou dito Plan incluido no Plan de Contixencia que podedes consultar no Anexo I do Plan de adaptación á situación Covid-19 no curso 2020/2021.

Ante un posible peche de aula ou de centro no contexto Covid-19, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria terán un "Horario espello"  que se realizará a través da plataforma Webex (60% da carga lectiva de cada materia e o 40% restante para dedicación persoal do alumno para realizar aquelas tarefas programadas na Aula Virtual).

En canto ao alumnado de Educación Infantil (3, 4 e 5 anos) e o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria, recibirán atención educativa a través da Aula Virtual. Ademais, de xeito voluntario e puntual terán a posibilidade de contactar cos mestres para titorías/seguimento das tarefas a través da plataforma Webex.

Os titores poranse en contacto con todas as familias do alumnado do centro para levar a cabo probas piloto nos vindeiros días.

O alumnado con NEE recibirá ademais da atención educativa pola Aula Virtual, tamén a través da plataforma Webex, mediante videochamadas programadas todas as semanas cos especialistas (AL/PT).

En caso de peche pola situación Covid-19, o alumnado de 3º,4º,5º e 6º E.P. está obrigado a participar nas clases non presenciais con aproveitamento. Para garantir o dereito á educación e á equidade, o centro pon á disposición das familias que así o precisen, os equipos informáticos necesarios para o seguimento do ensino virtual (agás o alumnado incorporado ao Proxecto E-Dixgal, posto que xa dispón de ultraportatil). Para solicitar un equipo informático contactar coa dirección do centro.

O obxectivo ante esta posible situación será que o ensino virtual sexa o máis similar posible ao presencial.

Un saúdo.

Andrea Tato Vega.

NOTA: Os horarios espello serán próximamente publicados nos blogs das aulas, facilitando as ligazóns ás salas webex de cada mestre en cada unha das sesión/materias.

ACTUALIZACIÓN DO PROTOCOLO COVID-19

Actualización do Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensinanza non universitaria de Galicia para o curso 2021-2022 - versión 06/07/21. Preme aquí.

 

Segundo a Resolución conxunta, do 4 de novembro de 2020, das Consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade pola que se aproba a actualización do “Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021” (...) en centros educativos non universitarios, informamos que:

 

  • Se algunha persoa do núcleo familiar convive cunha persoa cun diagnóstico positivo da Covid-19, o alumnado ou o persoal do centro que convivan coa persoa positiva non poderán acudir ao centro, en virtude de ser considerados contactos estreitos. Os conviventes dunha persoa con síntomas compatibles coa Covid (alumno/a ou profesional) que se encontre á espera do resultado, evitarán as interaccións sociais que sexan prescindibles ata que se confirme o resultado, pero non será necesario que garden corentena no domicilio, podendo acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo.

 

  • No caso de que se detectase sintomatoloxía compatible na casa, o alumnado non acudirá ao centro e el/ela ou a súa familia contactará co centro de saúde de referencia do alumno/a dentro das seguintes 24 horas e con algunha das persoas membros do equipo Covid á maior brevidade posible. Para a xustificación da ausencia, non será necesaria ningún xustificante médico, abondará co comprobante dos/as pais/nais ou titores/as legais. As ausencias derivadas desta causa terán a consideración de xustificadas aos efectos do protocolo de prevención de absentismo escolar.

 

  • Para o alumnado de 1º e 2º ciclo de Educación Infantil, restrinxirase o uso do xel hidroalcóholico e priorizarase o uso de agua e xabón ou outros tipos de solucións xabonosas. Para o alumnado de Educación Primaria extremarase o coidado coa utilización do xel hidroalcohólico, administrando unha cantidade de xel adecuada ao tamaño da man de cada neno/a, informando aos nenos e nenas de que debe ser absorbido antes realizar outras tarefas. Nos grupos de idade ata os 7 anos, deberase prestar especial atención por parte dos coidadores á aplicación do xel por parte do alumnado. 

SAMAÍN 2020 / HALLOWEEN 2020

 

O pasado venres día 30 de outubro tivo lugar a celebración popular do Samaín no cole.

Degustaron unha comida terrorífica no horario de comedor. Para a ocasión viñeron disfrazados da casa pola mañá.

Ademais realizamos unha exposición virtual de cabazas a partir das fotos recibidas polas familias.

Moitas grazas pola vosa colaboración.

ACTIVIDADE COMPLEMENTARIA: TEATRO DE MONICREQUES

O venres 2 de outubro tivemos teatro de monicreques na escola. A compañía Mircromina Títeres representou "Cousas de casa", un espectáculo que realiza un percorrido por aqueles conceptos que nos permiten reflexionar acerca da igualdade entre mulleres e homes nos distintos ámbitos.

Grazas por organizar a GDR7 Valdeorras e ao Concello de Rubiá por colaborar. Pasámolo xenial!

Despois realizouse un sorteo de libros a cargo dos organizadores.

MÁIS FOTOS E VÍDEOS NO BLOG: A NOVA BIBLOGUETA INCLUSIVA

COMEZAMOS COA XORNADA PARTIDA

O día 1 de Outubro comeza a xornada partida:

  • Horario de mañá: de 10:00h. a 13:30h. (A porta abrirarse 10 minutos antes).
  • Horario de comedor: de 13:30h. a 15:00h. (O alumnado que vai a comer á casa entrará ás 15:00h, ou un par de minutos antes).
  • Horario de tarde: de 15:00h. a 16:30h. (Rógase puntualidade).

Ademáis tamén se fará entrega aos nenos, dun documento no que levarán as claves/códigos para acceder á aula virtual no presente curso académico. (Este servizo é fundamentalmente necesario cando o alumnado non poida asistir ás clases presenciais, ainda que tamén poida servir de apoio para todos)

O venres, día 2 de outubro, terá lugar no patio cuberto da escola unha actividade conxunta para todo o alumnado, a través dunha representación teatral de monicreques por "Mircromina Títeres" organizada polo GDR7 Valdeorras en colaboración co Concello de Rubiá.

 

Moitas grazas pola vosa colaboración.

Saúdos. A directora.

INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS

Estimadas familias:

 

Co fin de establecer canles de comunicación efectivas recordade que:

 

Para consultas xerais sobre o funcionamento e organización do centro e as aulas tedes a vosa disposición o correo electrónico: ceip.virxedocamino@edu.xunta.gal e tamén o número de teléfono 988 32 42 05

A aplicación ABALAR MÓBIL, permite só ao profesorado enviar notificacións e avisos ás familias. As familias poden soliticiar titorías e consultar e/ou responder mensaxes recibidas, cando sexa o caso. 

Para consultas e avisos sobre o Plan ou Protocolo COVID, e contactar co Equipo COVID do colexio, na seguinte ligazón: PREME AQUÍ

 

Para acceder ao modelo de xustificante de faltas de asistencia do alumnado, achégase un PDF como ficheiro adxunto. Pero se non tedes para imprimilo na casa, podedes solicitarllo ao mestre/a titor/a ou chamando ao teléfono do colexio. (Este xustificante, cando un alumno/a falte, poderá ser entregado unha vez dito alumno/a se incorpore de novo ás clases). IMPORTANTE: Non é necesario nin obrigatorio o xustificante médico cando non asistan por síntomas ou sospeitas de síntomas Covid. (Excepto se unha vez feita a proba, resultase positivo).

 

Para a aula virtual, en canto sexa posible se vos facilitarán os novos códigos de acceso a dita plataforma. (Non serven os do curso pasado). Recordamos tamén que o alumnado de Infantil, 1º e 2º de primaria, aínda que non sexa obrigatorio que teñan un seguimento por Aula virtual no caso de suspensión das clases presenciais poderemos empregar tanto dita plataforma coma outras ferramentas dixitais.

Aclaración: O correo electrónico: ceipvirxedocamino@gmail, é unha conta que se empregou e se poderá empregar para actividades puntuais, para actividades da aula virtual, envío de arquivos, comunicación entre familias, alumnado, mestres e titores no ensino a distancia, etc... Pero non para resolver dúbidas do funcionamento xeral do centro e das aulas, nin asuntos relacionados co protocolo COVID.

 

Atentamente, o Claustro.

HORARIOS DAS AULAS PARA O ALUMNADO

Nos blogs das aulas, tedes dispoñibles os horarios do alumnado. Velaquí as ligazóns:

 

Para calquera dúbida relacionada coa organización e funcionamento xeral do centro, podedes chamar ao teléfono 988 32 02 45 e/ou escribir ao correo electrónico: ceip.virxedocamino@edu.xunta.gal

Moitas grazas.

VOLVER E COMEZAR

13 de marzo de 2020...Todo rematou cando comezou unha nova era. 

Agora toca volver. E ainda que algunhas cousas teñan que cambiar no colexio, o máis importante é a VIDA que o enche. Sede benvid@s.Todo está preparado e agardando por vós, os protagonistas: o alumnado.

Queremos agradecer o esforzo destas últimas dúas semanas a contrareloxo. Persoal do centro, Concello de Rubiá e ao persoal de mantemento e limpeza do Concello, Farmacia de Rubiá, ANPA e familias. Moitas grazas!

LISTAXE DE MATERIAL ESCOLAR 2020/2021

Xa está dispoñible a listaxe do material escolar para o curso 2020/2021 que tedes que mercar para o alumnado:

MATERIAL PARA EDUCACIÓN INFANTIL: AULA VERDE

MATERIAL PARA PRIMEIRO, SEGUNDO E TERCEIRO DE PRIMARIA: AULA AZUL

MATERIAL PARA CUARTO, QUINTO E SEXTO DE PRIMARIA: AULA VERMELLA

Tamén podedes descargar os PDF que se achegan adxuntos. Lembrade que, a medida que traiades o material, ou ben o traen os propios nenos e nenas ata a aula, ou ben o podedes deixar fóra nas cancelas ou no banco baixo a cuberta da entrada, e o persoal do centro encargarase de levalo ata as aulas. Por favor, en bolsas ben identificadas con nome do alumno ou alumna. Moitas Grazas!

HORARIO XORNADA CONTINUA EN SETEMBRO

O ALUMNADO CON DEREITO A SERVIZO DE TRANSPORTE, TAMÉN LLE CORRESPONDE DEREITO DE GARDA/VIXILANCIA ATA A HORA DE ENTRADA ÁS AULAS.

Distribuir contido (C01 _th3me_)