You are hereBlogues

Blogues


Estatística Portafolio

Podemos descargar aquí un documento en libreoffice para recoller as estatísticas sobre os resultados do Portafolio Total do Talento.

Simplemente editamos o documento, cubrimos os datos das táboas cos resultados da enquisa online, e voilà xa temos un documento que nos pode axudar a ter unha visión global dos estilos de aprendizaxe, de expresión e a apreciación das áreas curriculares que teñen o noso alumnado.

Pouco a pouco iremos sumando recursos para facilitar a recollida de datos para este apaixoante proxecto.

O pelo Roxiño

Premede aquí para ver a partitura que imos tocar para acompañar a cantiga de "O pelo roxiño". Tamén podedes oír a versión de Mini, de Fuxan os Ventos... unha marabilla!

 

Booktubers terroríficos

Nova entrega de lecturas, desta volta para o Samaín.

 

Fedellando

Aquí vos deixamos un videotitorial para que se queredes facer unha man robótica, non teñades dificultade ningunha.

Nestas épocas de Samaín pode resultar moi terrorífica!!!

 

O Condesa en Somos Comarca

Deixámovos aquí un artigo realizado no suplemento da Voz dixital, Somos Comarca, sobre os proxectos nos que estamos embarcados.

 

Viaxe polas serras de Galicia

Os nosos Escornabots queren viaxar por Galicia enteira, de serra en serra, e para iso elaboramos unha plantilla que nos permitirá coñecer cos nosos amigos robóticos as principais serras do noso país.

Para que cada serra cadrase nunha cuadrícula distinta tomámonos certas licenzas coas proporcións da nosa terra, pero non moi grandes, creo.

Como se xoga?

Dispoñemos dunhas tarxetiñas que poñeremos boca abaixo despois de barallalas. Por quendas cada xogador (ou equipo, se traballamos de xeito cooperativo) colle unha carta e programará ao Escornabot para que chegue á serra que se lle mandou. Ás veces as cartas non nos dirán o nome da serra, senón que nos darán algunha pista que teremos que descifrar para chegar alá.

Xa veredes como aprender a xeografía de Galicia coa axuda dos nosos robots vai ser doado.

David recomenda un libro

Comezamos a nosa andaina de booktubers con esta recomendación lectora de David.

Carreira de Escornabots

Ben, pois aquí vos traemos unha interesante carreira de Escornabots que fixeron os nenos e nenas de terceiro de primaria do colexio.

Deixamos tamén o deseño da plantilla (son dous ficheiros -circuito A e circuito B- a imprimir en A3 e que logo hai que colar), e un pdf con algunhas das preguntas da avaliación inicial deste curso.

Cos Escornabots, a avaliación inicial do curso pode ser divertida.

CDU e escornabots

Como primeira actividade escornabótica presentamos estas plantillas para afianzar o coñecemento da CDU entre os rapaces.

Por unha banda temos a plantilla do xogo, (para imprimir en A3), que ten unha serie de imaxes que representan os valores da CDU, e pola outra banda unha plantilla cunha serie de cubertas de libros de distintas temáticas.

Esta segunda plantilla está pensada para recortar como se fose unha baralla de cartas, que se poñerá boca abaixo no taboleiro do xogo.

Un alumno collerá unha carta e, á vista do título, decidirá en que apartado da CDU vai catalogar o libro. Logo terá que programar ao escornabot para que se dirixa a ese punto.

Se chega a outro valor distinto perde a súa quenda, e pasa a xogar outro compañeiro.

Se atina, e chega ao seu lugar de destino, queda coa carta.

Quen teña no seu poder máis cartas ao remate do xogo gaña.

É doado, non si?

Pois iso, a xogar!!!

Montando o escornabot

Como xa temos comentado o ano que vén teremos uns compañeiros na Biblioteca, que non falan, so pitan, e teñen unhas luciñas verdes e azuis moi chulas... claro está, falamos dos Escornabots.

Déixovos aquí, para que vaiades familiarizándovos coa montaxe do robot, este vídeo titorial.

Non falamos nel das conexións, pero noutros vídeos falaremos delas, ou as veremos directamente na Biblioteca.

Esperámovos en canto que pasen as calores do verán.