You are hereBlogues

Blogues


Programa de Febreiro sobre Florencio Delgado Gurriarán

Aproveitando que Ricardo Gurriarán, pariente de Florencio e autor dunha biografía do mesmo, veu ao colexio a darnos unha charla sobre a vida e obra de Florencio, quixemos facerlle unha entrevista para a nosa radio.

Aquí vos deixamos o resultado da mesma, que creemos que nos achega dun xeito moi dinámico e certeiro, á figura do poeta de Córgomo, aclarando as dúbidas que tiñamos sobre a súa vida e obra.

 

Creatividade na Biblioteca: creando un mural para Florencio

Tanto o Equipo de Biblioteca coma o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do colexio puxemos en marcha baixo a dirección de Chere, un artista orixinario do Barco, e da súa compañeira Susana que se adicou máis á dirección da parte pictórica, a elaboración deste mural co que queremos homenaxear ao autor nacido en Córgomo, Florencio Delgado Gurriarán, ao que a Real Academia Galega adica as letras galegas deste ano 2022. O mural elaborado integramente polo noso alumnado, continuará a súa elaboración o próximo luns, xa que no traballo das clases houbo que aplicar quendas para cumprir co protocolo anticovid.

O mural ten tres panos, un adicado ao retrato do autor, outro central cunha paisaxe valdeorresa e o terceiro pano no que cada clase escribirá un verso de Florencio Delgado Gurriarán que escolleron de entre os poemas da obra de Florencio.

Deixámovos unha escolma de fotografías do proceso de elaboración deste mural homenaxe.

Primeira actividade de Familia e Lectura

Onte tivemos ás 4 da tarde a primeira actividade do programa de Familia e Lecturas, cunha conferencia de Ana Meilán que nos falou da importancia da lectura para o noso desenvolvemento persoal, e animounos a ler e escribir.

Pola mañá tivo un encontro co alumnado de distintos niveis do colexio, e a tarde foi adicada a este encontro coas nais que se achegaron ao centro.

Esta actividade vai ter continuidade con outras charlas e obradoiros e a posta en marcha de clubs de lectura e de escritura creativa.

Invitámovos, xa que logo, a participar destas actividades que estamos seguros que serán de moito proveito para todos nós.

Florencio Delgado Gurriarán, o noso poeta.

Comeza o ano das letras de Florencio, e nós arrincamos con el para darlle unha moi merecida homenaxe a este veciño de Córgomo, que soubo, coma ninguén, cantar á nosa bisbarra, aos seus montes, á súa fala, aos seus viños, ás súas xentes...

No Colexio, e no marco da Biblioteca creativa, estamos a elaborar un mural para celebrar a elección de Florencio coma autor a homenaxear nas letras galegas deste ano.

A nivel académico o noso alumnado vaise embarcar na elaboración dunha wiki sobre a súa vida e obra, e coma material de apoio á súa procura na rede, elaboramos unha pequena web onde recollemos algúns dos enlaces que a estas alturas do ano están fornecendo informacións de relevancia sobre o noso autor.

Se queredes acceder a esta web, podédelo facer dende aquí.

En canto teñamos rematado o noso mural, no que vai participar todo o colexio baixo a dirección do artista Xerardo Estévez,  tamén vos ensinaremos o resultado do noso traballo neste mesmo espazo.

Deica entón, saúde e terra!

Conferencia de Ana Meilán

Mañá ás 4 da tarde Ana Meilán, escritora lucense de literatura infantil, terá un encontro coas familias do centro.

Ler e escribir non entenden de imperativos é o título da súa charla, coa que nós tentamos achegar medios de promocionar a lectura dende as familias para inocular este bo vicio, o do ler e escribir, a todo o noso alumnado.

Non deixedes de acudir.

30 de Xaneiro: Día da Ilustración

Todos os anos se celebra o 30 de xaneiro o Día da Ilustración. A ilustración nos dá unha visión complementaria, enriquecedora dun texto, facilitándonos a relación coa trama que se nos conta.

A máis disto hai ilustracións dunha calidade excelente, cun valor artístico de seu, que mesmo se convirten elas soas, sen texto, nun libro de valor excepcional.

Dende hai uns anos levamos traballando os mestres das bibliotecas de Valdeorras e Trives nun seminario de Ilustración, e este ano comezamos a traballar nos poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que lle adicamos as Letras Galegas deste ano 2022.

O ano pasado fixemos algúns traballos de ilustracións baseándonos no Libro dos Moradores de Darío Xohan Cabana, e aquí vos deixamos o noso traballo, recompilado pola nosa mestra Isidora, coordinadora da Biblioteca do IES de Celanova, premio nacional de Bibliotecas deste ano,  para que xuntos celebremos esta data.

Día Escolar Mundial pola Paz

Hoxe realizamos o noso acto pola Paz, centrado na reivindicación da igualdade no acceso á educación para homes e mulleres.

O acto consistiu en pendurar do noso valado uns grous de papel, seguindo o exemplo de Sadako, e tamén enviamos amarrados a uns globos de helio outros grous, neste caso un por aula do centro, con mensaxes pedindo a igualdade no acceso á educación das nenas e nenos.

Deixámovos aquí un vídeo do intre en que soltamos os globos para espallar os nosos desexos de igualdade polo mundo adiante.

 

In Memoriam

Hoxe a familia do Condesa de Fenosa estamos de loito polo pasamento inesperado do noso ex-director Paco.

Hai uns 20 anos chegou ao Condesa dende o Ceip do Bolo, e en pouco tempo gañou o cariño de tod@s nós, e foi quen de xuntarnos para sacar adiante un proxecto de centro pioneiro a nivel de innovación educativa, un centro solidario e ecolóxico e coas mellores dotacións a nivel tecnolóxico.

Con Paco a nosa comunidade fíxose unha familia, fomos quen de remar acompasados para levar a bon porto este barco humano que é o noso colexio.

E é que, a máis de ser un gran mestre é, resistímonos a usar o pasado, unha boa persoa, humana, achegada, solidaria e comprensiva.

Os que tivemos a sorte de traballar con el sabémolo, e as familias do alumnado que pasou polo colexio e @s propi@s alumn@s tamén.

Por sempre quedará para nós a súa ledicia e bo humor celebrando o Entroido, facendo malabares no magosto, organizando os seus tan queridos festivais de Primavera...

Deica logo, Paco.

Novo Programa de Dino Radio con receitas para o Nadal

Aquí vos deixamos unha nova entrega de Dino Radio, onde se nos propón un par de receitas para as sobremesas destas festas do Nadal.

Tamén nos contan algúns detalles biográficos de Florencio Delgado Gurriarán e nos recitan un poema do noso poeta.