Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

ADEUS RÍOS, ADEUS FONTES

   Empezamos abril con celebracións e celebramos, o venres día 1, o Día das Árbores, o Día da Auga e o Día da Poesía. Fomos con nenos e nenas dos outros colexios de Fene ata o Parque Lineal de Vilanova; e alí, nunha zona que estaba xa destinada para o colexio Centieiras, plantamos cinco cerdeiras bravas e un bidueiro.

    Tivemos sorte, porque nos tocaron unhas árbores preciosas; sobre todo as cerdeiras, que, como son bravas, dan moitísimas flores e ao estaren tan xuntas han parecer cinco nubes de algodón branco en cada primavera, e máis aínda cando medren, porque son árbores que chegan a ter máis de vinte metros de alto.

 

 

                                

                                

                                

  

 Foi un día moi bonito, as alumnas e alumnos de cuarto e quinto xogamos, demos un paseo pola beira do río e escoitamos e lemos poesías; todos non, da nosa escola tocoulle a Roi, o delegado de quinto, ler unha poesía moi bonita de Manuel María, “O arco da vella”. Ah, e merendamos alí, porque nos deron unha mazá e unha botella de auga!      

          Pasámolo tan ben que, se nos chaman, para o ano volveremos! (e antes tamén, porque queremos ver como van medrando as nosas árbores).

 

                                

                                

RUBICUNDO

Para rematar o mes de marzo tivemos a visita de María Canosa, a escritora de Rubicundo, e  a pesar de que nós non llo pediramos, viña disposta a contestar todas as preguntas que os nenos e nenas de 3º e 4º lle quixésemos facer.

            E nós preguntamos e preguntamos e, así, durante máis dunha hora falando, descubrimos algúns dos seus segredos de escritora: como crea as súas historias a anaquiños, pouco a pouco; como logo colle todos os retallos e cóseos con moito coidado, para que non se vexan os fíos nin as costuras...

            Ao final asinounos os nosos exemplares cunha dedicatoria. E tamén nos escribiu  no libro de visitas da nosa biblioteca. Foi unha charla moi agradable e entretida.  Encantounos !!!

 

 

Grazas María!!!

 

                              

 

                                     

 

 

 

FENE LENDO MULLERES

Marzo, para a nosa escola, é sempre o mes da muller, un mes que queremos que se estenda a todos os días do ano en todos os lugares do mundo, como sinal de ter acadado esa igualdade á que temos dereito.  Por iso, o día oito, como cada un destes últimos anos, celebramos o Día Internacional da Muller, e participamos no acto de Fene Lendo Mulleres desenvolvido desde o Concello de Fene. Fomos á Casa da Cultura, á Biblioteca, a ler o poema Xan, de Rosalía de Castro, pertencente ao libro Follas Novas. Ademais de ler, puxemos música e cantamos con ela. Escollemos a Sofía Espiñeira, cantante mugardesa,  e tres cancións do seu disco Alá onde agroman as herbas, co que gañou o Certame de canción de autor en galego, do Concello de Teo. A nosa participación completámola lendo, entre todas as nenas e os nenos de quinto de Centieiras, un conto que vos aconsellamos: “A Cincenta que non quería comer perdices”, de Nunila López Salamero e  Myriam Cameros Sierra.

 

E despois, merenda para todo o mundo e  agasallos para o cole!! E un diploma!!!

 

 

                                 

                                

                                

                                  

 

                                             

FESTA DO ATLETISMO

Un ano máis celebramos o venres a xornada de Atletismo divertido organizada polo Concello de Fene. Pasámolo xenial compartindo  xogos con compañeiros e compañeiras do CPI A Xunqueira.
Foi estupendo! !!

     

ATLETISMO DIVERTIDO

Como remate do segundo trimestre participamos nunha nova xuntanza de Atletismo divertido organizada polo Concello de Fene.

Foron tres horas,no Pavillón de San Valentin, deporte divertido nas que disfrutamos moitísimo.... non nos cansamos nada....

Agardamos que chegue a seguinte!!!!!!!

                                

          

O VÍDEO DE MALALA

Todo o alumnado implicouse  na elaboración deste vídeo sobre a vida de Malala, uns coas súas ilustracións e outros poñendo a súa voz. Esperamos vos guste.

UNHA NENA DE NOBEL

 Con motivo do día da muller que celebramos o día 8 de marzo, o alumnado de 3º EP tivo a súa pequena participación no mural conxunto que fixemos entre todos os nenos e as nenas.

 A nós tocounos a frase “E UN LIBRO” que fomos pintando entre todos.

DÍA DA MULLER

 En todo o cole conmemoramos o 8 de marzo, Día da muller, facendo diferentes actividades sobre Malala, a primeira nena Premio Nobel da Paz en 2014, loitadora polos dereitos das nenas en Pakistán, o seu país.

Os nenos e as nenas de 6º de Primaria,ademais de participar no mural da parede do cole, fixemos tamén outro mural coa frase de Malala que máis nos gustou… ten moitas, pero esta ten un significado especial.

“Se os demais calan, nós non calemos

loitemos por defender os nosos dereitos”.

                 

NENA E O MAR

 Quinto e Sexto de primaria lemos o último premio Merlín de literatura infantil, Nena e o mar, da escritora coruñesa Érica Esmorís. O libro, que pedimos como regalo de nadal, gustounos moito, sobre todo por dous dos seus protagonistas, Nena e Noon; ou por tres, porque Kilik tamén nos fascinou. É unha historia preciosa que se desenvolve nun pobo mariñeiro e no que todas as persoas… (non podemos contar máis, hai que lelo!)

                   Por se o libro fose pouco, o día 1 deste mes estivo con nós a autora!!! Contounos como foi construíndo a historia e confesounos as súas afeccións, incluso nos amosou como algunhas delas aparecen tamén por Nena e o mar, ou como os personaxes teñen moito que ver coa vida real. Despois, ao final,  asinounos os nosos exemplares, cunha dedicatoria  co noso nome.

                   Foi unha charla moi bonita, e puidemos facerlle todas as preguntas que quixemos!!!

 

 

                                 

                                

                                

                             

 Grazas, Érica!                          http://www.ericaesmoris.com

 

CONTAMOS

Contamos” no Día de Rosalía.

 

            Para celebrar con nós o Día de Rosalía, e contarnos moitas historias do seu pobo mariñeiro, de Porto do Son, estivo en Centieiras Ánxela Franco, deputada provincial responsable da área de Educación, Benestar e Igualdade de Xénero. Recibírona  no colexio o noso alcalde, Juventino Trigo, e a concelleira de Educación, Amalia García. Nós aproveitamos para ensinarlle uns debuxos moi fermosos (ela díxonos que lle gustaban moito) que fixemos sobre unha estrofa dun poema de Rosalía. Debuxamos en todas as clases, así que xuntamos máis de duascentas obras de arte. Estamos tan orgullosas e orgullosos delas que vos convidamos a vilas ver cando queirades!

            A Ánxela regalámoslle o cadro que pintaron os nenos e as nenas de quinto de infantil, e ela convidounos a ir a Porto do Son, para ver Baroña,  os petróglifos, as lagoas...

 

PROGRAMA DE RADIO FEBREIRO 2016. CRÓNICAS DE CENTIEIRAS.

Este mes fixeron o programa de radio os nenos e as nenas de terceiro e sexto; coma sempre o noso agradecemento a Radio Fene por darnos esta oportunidade!!!

Podedes escoitalo en directo o venres 26 ás 12 da mañá en Radio Fene no 107.7 FM ou no enlace do programa.

(Pinchar na radio para escoitar o programa)

 

                                            

  

                                       

 

                                       

 

                                                            

MATRÍCULA 2016/ 2017

Desde o día un ata o día vintenove de marzo, poderán presentarse na secretaría do centro as solicitudes de matrícula correspondentes ao curso 2016/2017, para os estudos de educación infantil e ensino primario.Ofértanse prazas en todos e cada un dos niveis educativos. Para maior información prema nos enlaces adxuntos ou, de preferilo, contacte con nós no teléfono 881 930 134.

OFERTA EDUCATIVA

DOCUMENTACIÓN MATRÍCULA

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro.No noso colexio fixemos unha exposición ilustrando un poema desta autora titulado "Alborada". Neste vídeo podemos ver algúns dos debuxos feitos polos nenos e nenas e ademais podemos escoitar parte do poema recitado por dous nenos de 2º de E.P

CONTAMOS

Programa “Contamos”

 

            Tivemos xa a segunda sesión de “Contamos”.

 

            O martes, 26 de xaneiro, estivo na nosa biblioteca Amalia García, concelleira de Cultura e Ensino do concello de Fene, acompañada por Ángeles Coira e María Permuy, directivas da ANPA do colexio. Amalia contounos un conto de animais e explicounos que lle gusta moito ler, aínda que pola súa profesión, non pode ler tanto como querería, e por riba está rodeada de libros, porque tén unha profesión preciosa: é libreira!

 

            Si, si. Tamén lle pintamos un cadro para que o levase. Era de chuvia e paraugas, porque estes días estivemos a xogar e a aprender coa chuvia! Gustoulle moito!

 

Contamos 2

 

 

Enlace:http://www.fenecidadan.net/actualidade/nova.php?id=3672&lg=gal

CONTAMOS

Programa “Contamos”

 

                        O ano 2016 tróuxonos a primeira sesión, neste curso, do Programa “Contamos”. O venres, día 22 de xaneiro, estiveron con nós o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a inspectora da nosa zona educativa, Elena Urtiaga. Reunímonos na biblioteca do colexio as alumnas e alumnos de educación infantil e primeiro de primaria e, alí, Elena contounos un conto moi moi fermoso, que xa lles tiña contado na casa aos seus fillos, e que sabía que a nós nos ía gustar moito: “Unha manchea de bicos”.

           

            Si, si, neste programa queremos que nos veñan visitar, para coñecernos todas aquelas persoas importantes para nós que teñan algo que desexen contarnos: un conto, unha historia, un poema… Aquilo que esas persoas sintan próximo e querido, como tamén nós queremos sentilas a ellas: próximas e queridas, por coñecérmolas e por formaren parte da nosa comunidade escolar.

 

            Sabemos que Elena e Juventino pasárono ben con nós, que lles gustaron os nosos regalos (un cadro para cada un, feitos polo alumnado da aula de cinco anos), e sabemos que volverán visitarnos, porque nolo prometeron.

Xa vos contaremos!

 

contamos 1

 

Enlace:http://www.ferrol360.es/o-ceip-centieiras-de-fene-acolle-a-primeira-sesion-do-programa-contamos/

Distribuir contido