Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
DÍA DA INFANCIA
COS DEREITOS NON SE XOGA!
O domingo 20 de novembro se celebra o día da infancia polo que o vindeiro luns día 21 de novembro loitaremos polo noso dereito ao descanso, o xogo e a unha alimentación saudable (contamos coa colaboración de Agronuquel: Agricultura ecolóxica en Fene).
As 11:00h da mañá sairemos cara á a praza do concello reivindicando os nosos dereitos. Para isto, levaremos un coxín cada unha e un de nos e faremos unha performance estética. Sentaremos en cada coxín e estaremos 5 minutos en silencio.
Estades todas e todos convidados a participar.
POLO DÍA MUNDIAL DA AMABILIDADE E A BONDADE!
Hoxe, domingo 13 de novembro é o día da amabilidade e no cole intentamos telo presente todos os días do ano, máis esta semana adicámola de cheo a traballar este valor co conto "EL ÁRBOL DE LA AMISTAD".Por fín deixamos atrás ese confinamento no que unha palmada amable de afecto estaba mal vista ,así foi como quedou dañado o noso comportamento amable e agora máis que nunca témolo que recuperar.
Toda a comunidade educativa de Centieiras cremos que é importante fortalecer o benestar social cumplindo valores como este"a amabilidade",polo que fixemos presente a nosa amabilidade cun saúdo cariñoso, unha sonrisa oportuna ou unha palmada de afecto,reflectindo todo nesta árbore,enchéndoa de mensaxes amables escritas nun corazón.
Decoramos o cole para o Magosto e o Día do Peón
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega decorou a entrada da escola con este marabilloso arco de globos en cores de outono e co mural de Gatiza, que pintou o alumnado de 5º EP.
Quedoulles fenomenal, non vos parece?
MAGOSTO E DÍA DO PEÓN
Este venres, día 11 de novembro, celebraremos na escola o Magosto e o Día do Peón. Lembrade traer os vosos peóns para amosarnos as vosas habiliadades bailándoos!
Ademais, teremos unha degustación de castañas asadas e chocolate quente grazas á ANPA.
Remataremos a festa con música, desfrutando dunha repichoca. Vai ser moi divertido!
As familias do alumnado están convidadas a asistir desde as 12:00 horas, momento no que comezará a celebración. Animádevos e non volo perdades!
SAMAÍN 2022
Que mañá tan terrorífica tivemos o pasado venres!!! Chegou o Samaín 2022 e no CEIP PLurilingüe de Centieiras pasámolo de medo. Para deixar constancia da xornada, compartimos un resumo do vivido en forma de vídeo fotográfico.
ADVERTENCIA: o vídeo contén imaxes que pode ferir sensibilidades 
Os contos de medo gañadores!
Aquí tedes os contos seleccionados por Gatiza este Samaín. Todos eran arrepiantes e encantáronlle, pero escolleu estes como os seus preferidos. Moitas grazas pola vosa participación. Seguro que en Centieiras hai algún ou algunha futuros escritores de literatura de terror. Seguide así!
Exposición de cabazas e decoración de Samaín
Achégase o Samaín!
Só falta unha semana para a festa máis terrorificamente divertida do ano!
Mentres esperades que chegue o gran día, podedes aprender máis sobre o Samaín, escoitar cancións desta época do ano e ata facer un pequeno xogo para comprobar canto sabedes sobre a orixe da festa das cabazas con este Genial.ly creado polo EDLG do cole. Esperamos que vos guste!
Simulacro de incendio
Onte, xoves 20 de outubro, mentres estabamos en clase, soou a alarma de incendios da escola e rapidamente o alumnado soubo como había que actuar, xa que recentemente tivemos sesións de formación nas aulas para refrescar a memoria.
En cada aula hai responsables que se teñen que encargar de comprobar se a porta queima ou non. Se non está quente sabemos que podemos saír con tranquilidade da clase, posto que o lume non está do outro lado da porta.
Outro encargado ou encargada debe comprobar que as ventás da clase queden pechadas, para evitar que entre aire e avive o lume. Mentres, o resto do alumnado debe formar unha fila para saír do edificio do xeito máis ordenado posible. Hai que baixar en silencio para poder escoitar en caso de que alguén estea pedindo axuda.
Por último, o rapaz ou rapaza que sae de último debe coller a cadeira máis próxima á porta, pechar e colocar a cadeira no corredor diante da clase. Facemos isto para indicarlles aos servizos de emerxencias que esa aula está baleira e así non perden tempo buscando en todos os espazos do centro, en caso de que, ao facer o reconto total, xa fóra do colexio, falte alguén.
Baixamos polas escaleiras con orde e paso rápido e fomos ata o lugar designado para poder facer o reconto de alumnado.
Ao pouco, chegou o camión de bombeiros coas luces e a sirena acesas. Tiveron que acceder ao colexio por unha ventá usando a escaleira para sacar a dous alumnos que quedaran dentro. Os dous nenos foron recibidos con aplausos cando un bombeiro os trouxo co resto de compañeiros e compañeiras.
O alumnado actuou moi ben na evacuación, demostrando que están preparadas e preparados para actuar en caso dunha emerxencia real. Bravo, rapazas e rapaces!
Queremos agradecer tamén a colaboración dos Bombeiros de Ferrol, da Policía Local de Fene e de Proteción Civil de Fene, que se implicaron e colaboraron para organizar e levar a cabo este simulacro.
GATIZA ANÍMAVOS A FACER DEBUXOS E CONTOS DE MEDO
Gatiza está que non para! Aínda chegou onte ao cole por primeira vez, pero vén cunhas ganas tremendas de facer cousas. Hoxe pola mañá apareceu de novo para anunciar a festa de Samaín do venres día 28 de outubro e agora anímavos a que fagades debuxos de medo (educación infantil e primeiro ciclo de primaria) e contos de terror (segundo e terceiro ciclo de primaria). Seguro que vai quedar abraiada coa vosa creatividade!
GATIZA ANÚNCIANOS QUE SE ACHEGA O SAMAÍN
A nosa nova amiga Gatiza vén con ganas de festa! E vós, xa tedes o disfrace preparado? E a cabaza, xa sabedes que deseño faredes? Estamos desexando velas! E non vos esquezades da lanterna, que ás veces no Samaín marcha a luz misteriosamente... Atentas e atentos ao que nos di Gatiza!
Gatiza é unha personaxe creada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega con Gacha Life
COÑECEMOS A GATIZA!
Esta mañá houbo unha visita sorpresa nas clases. Chegou unha personaxe que nos acompañará ao longo deste curso para animarnos a todas e todos a falar máis en galego. Queredes coñecela?
Verémola a miúdo na escola e seguro que ten moitas cousas que contarnos e algún que outro encargo tamén...
Polo de agora, a min gustaríame saber máis sobre Gatiza: Quen é? De onde vén? Como chegou a Centieiras?
Vós como imaxinades a súa historia?
Gatiza é unha personaxe creada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega con Gacha Life.
Inauguración do PDI: a maxia do xogo
Esta mañá tivemos unha sorpresa no cole: as mestras e mestres tiñan preparada a inauguración do PDI!
Cando chegamos as filas, puxéronnos unha pegatina dun cor que resultaron ser grupos de nenos e nenas mesturados por aulas. Así, fomos pasando polos distintos talleres: xogos populares, xogos predeportivos, xogos de mesa, xogos virtuais e xogos xigantes!
Aquí vos deixamos unhas fotos para que vexades:
Murais de Tetris e Pacman feitos polo alumnado de terceiro ciclo
En Centieiras comezamos este novo curso con máis ganas de xogar ca nunca!
O alumnado de quinto e sexto de primaria traballou arreo para facer catro murais chulísimos que decoran o corredor das súas aulas.
As rapazas e rapaces de 5º, 6º A e 6º B crearon un Tetris moi colorido que nos da a benvida cando subimos polas escaleiras. Este mural, ademais de lembrar o mítico videoxogo dos anos oitenta, simboliza que todas e todos somos pezas moi importantes neste gran crebacabezas que é a nosa escola, no que todas e todos encaixamos e precisamos uns dos outros para construír xuntas e xuntos algo extraordinario.
Tamén fixeron tres murais máis, un por aula doutro clásico videoxogo arcade, o Pacman. Quedaron xenial! E o mellor de todo é que traballaron e colaboraron entre toda a clase para crealos. Noraboa, rapazas e rapaces, bo taballo!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »
