Materiais para a educación documental - Ensino Secundario

Desde a biblioteca do IES Poeta Añón de Outes (A coruña) remítennos uns materiais para educacióndocumental de gran interese. Atendendo a un dos contidos do Alfabetización Informacional, o uso ético da información, sendo como son na súa meirande parte tradución e adaptación de materiais preexistentes, dispoñibles a través de internet, recoñécese a autoría orixinal cunha mención explícita. En calquera caso, son excelentes instrumentos para a formación do alumnado de ESO, bacharelato e ciclos formativos no uso e tratamento da información, e debe recoñecerse o traballo realizado e agradecer a posibilidade de difundilo e poñelo a disposición do resto de bibliotecas escolares a través desta páxina:

Novas guías de lectura... para o Día Internacional do Libro

Chegan novas guías de lectura, seleccións de gran interese elaboradas polos equipos das bibliotecas escolares, co fin de orientar as seleccións do alumnado, dar a coñecer novidades e títulos de referencia en relación a unha temática determinada, un xénero ou un autor. Son recursos fundamentais para os mediadores e a súa difusión serve, entre outras cousas, para rendabilizar o traballo de todos e todas e ampliar os efectos do traballo colaborativo. Detrás de cada guía de lectura, de cada selección, hai un traballo previo, de moitas horas de consulta de catálogos e visitas a  librerías e bibliotecas, de lectura e análise, de elaboración... un traballo que cómpre recoñecer e agradecer.

IES Poeta Añón, de Outes (A Coruña):

IES Pedra da Aguia, de Ponte do Porto (Camariñas):

Día Internacional do Libro: materiais para a educación documental

Este mes de abril é un fervedoiro de actividade arredor do libro e a lectura na práctica totalidade dos centros educativos. Algunhas propostas poden aproveitarse para reforzar as habilidades no uso e tratamento da información, unha das competencias básicas que o alumnado debe ir adquirindo pouco a pouco, aproveitando todas as oportunidades posibles. Así o entenderon, por exemplo, no CEIP Mestres Goldar, de Vigo, que poñen a disposición de todas as bibliotecas escolares a súa proposta de educación documental para estes días próximos á conmemoración do Día Internacional do Libro.

23 de abril: Día Internacional do Libro

 O escritor Carlo Frabetti, logo do seu paso polas Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007, que tiveron lugar en Santiago de Compostela no mes de outubro dese ano, enviounos como agasallo un texto sobre os libros e a lectura, sobre o LIBERESPAZO, territorio de tolerancia e de liberdade para medrar e compartir. Deste xeito, o autor celebra canda nós o Día Internacional do Libro, unha oportunidade para descubir a literatura, como el ben di, non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo.

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares agradecemos este agasallo e convidamos á súa lectura.

Espazos para a lectura. Fadamorgana nº 12

Xa leva un tempo na rúa o número 12 de Fadamorgana, a Revista Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, un dos instrumentos que o profesorado galego ten ao seu alcance para avanzar na súa autoformación como mediadores, pois Fadamorgana presenta, en cada un dos seus números, interesantes temas monográficos (o teatro infantil, a literatura popular, a poesía, os novos soportes para a literatura, a literatura infantil sobre o mar, etc.), entrevistas, reseñas de novidades, noticias do mundo da LIX.

Este número 12, Espazos para a Lectura, está dedicado ás bibliotecas escolares e á lectura en contexto educativo, e conta con artigos, entre outros, de Mª José Vittorino, de Portugal, e Mariano Coronas, do CEIP de Fraga (Huesca), dous dos referentes peninsulares das bibliotecas escolares. Inclúense entrevistas á autora brasileira Lygia Bojunga e á escritora galega An Alfaya. Recensións de libros aparecidos recentemente en galego, catalán, euscaro, castelán, árabe ou italiano, compoñen tamén este número, que ofrece, ademais das fermosas ilustracións de Patricia Castelao, información útil para o profesorado implicado na formación da competencia lectora e literaria dos máis novos.

Libros a eito, espazo de intercambio de libros entre os Clubs de Lectura

 

 

Xa leva un tempiño andando o blogue LIBROS A EITO, creado para que os Clubs de Lectura, activos neste curso 07/08 en centros de ensino secundario de Galicia, poidan intercambiar lotes de libros.

A última oferta ingresada chega desde o IES Johan Carballeira de Bueu.

Encontros do PLAMBE en directo

No transcurso dos encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 07/08, a celebrar os días 3 e 4 de abril, vaise levar a cabo un pequeno experimento. Imos retransmitir en directo dúas das conferencias previstas. Máis información e acceso directo, neste enlace: http://bega-horadeler.blogspot.com/2008/04/probando-probando.html

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

Coma todos os anos, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2008 correspondeulle a Tailandia e é o autor desta nacionalidade, Chakrabhand Posayakrit , quen nos achega unha fermosísima imaxe e un texto que se inicia con esta afirmación, que subscribimos: A busca do saber a través da lectura debe recibir un trato prioritario e cómpre que se fomente dende a infancia.

Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego. MENSAXE

Despois de ler... actividades Jclic sobre Matilda e outros

Desde a biblioteca do IES As Mariñas, de Betanzos, Marga Tarrío achéganos unhas actividades en Jclic, a partir da lectura de dous libros:

  1. MATILDA, de Roald Dahl
  2. EL CAZADOR DE ESTRELLAS, de Ricardo Gómez

Leo quere saber: educación documental para o ensino primario

Olga Rodríguez, responsable da biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica, achéganos uns materiais para a educación documental:

"Este ano comezamos a deseñar un programa de actividades novo para educación documental no 2º ciclo de Primaria. Trátase da serie de cadernos Leo quere saber...

De momento contamos con 11 caderniños das series Animais e Preguntas Temáticas. Temos no forno unha serie sobre plantas e árbores, e sobre o papel: o universo e os planetas, o corpo humano, inventos e inventores e medios de comunicación. Sempre adaptados a ese ciclo. Veredes que hai un orde de dificultade: comezamos con consultas nunha única fonte, seguimos con dúas e ó final incluímos 3: dúas en papel e a wikipedia.

Inclúo un par de cadernos como mostra. O resto podedes velos (collelos, cambialos, usalos......) no blog: materiais. educacion documental. Leo quere saber".

  1. Leo quere saber...: Elefante
  2. Leo quere saber...: Preguntas feroces

Formación de usuarios: actividade Jclic

Xaquín Freixeiro, desde a biblioteca escolar do CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco achéganos unha  interesante actividade de formación de usuarios realizada en Jclic, que está dispoñible na páxina deste centro, no seguinte enlace:

http://centros.edu.xunta.es/ceipcondesadefenosa/bibliocondesa/docs/formusuarios/index.htm

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

Hoxe, 27 de marzo, celébrase o Día Mundial do Teatro. Cada ano, unha personalidade representativa do mundo do teatro asina un manifesto que se difunde, coma neste caso, a través da páxina do IGAEM. O texto deste ano 2008 corresponde ao director canadiano Robert Lepage.

Esta xornada ben pode ser unha excusa para "sacar dos andeis" os libros de teatro e que se dean unha voltiña pola biblioteca.

Encontros Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares- 2007/2008

Os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 07/08 xa están en marcha: celebraranse os vindeiros 3 e 4 de abril na localidade pontevedresa de Sanxenxo. Alí se reunirán os responsables das bibliotecas escolares de todos os centros incluídos neste programa, co obxectivo de intercambiar informacións e materiais e avanzar na súa formación nos diversos aspectos da dinamización deste importante recurso educativo. 

 

Cuestionario sobre hábitos de lectura e uso das bibliotecas - alumnado de secundaria

O seguinte cuestionario pode servir para coñecer os usos que o alumnado de ensinanza secundaria e outras  fai da biblioteca escolar. Permite tamén coñecer os seus hábitos de lectura. Pode empregarse para un diagnóstico da situación de partida, na primeira fase de elaboración do Proxecto Lector de Centro.

As mochilas xa están a viaxar

As mochilas viaxeiras están xa en marcha, con distintas fórmulas segundo as idades do alumnado e a finalidade que os equipos de biblioteca pretenden con esta actividade.  Achégannos materiais elaborados por algunhas bibliotecas escolares arredor desta iniciativa:

Por fin empezaron o seu percorrido as mochilas viaxeiras. Polo de agora circularán entre as familias do segundo ciclo (3º e 4º de EP).

Cuestionario sobre usos de biblioteca escolar e hábitos de lectura - Alumnado de Primaria

Achégase un estadillo que pode servir para coñecer os usos que o alumnado de primaria (está pensado para un 5º curso, pero podería adaptarse aos máis pequenos), fai da biblioteca escolar. Permite tamén achegarse aos seus hábitos de lectura. Pode empregarse para un diagnóstico da situación de partida, na primeira fase de elaboración do Proxecto Lector de Centro.

Rede Lectura: espazo interbibliotecario

Hai un tempo que naceu REDE LECTURA, un espazo para a recomendación de libros, a disposición de bibliotecari@s con pouco tempo e moita gana de compartir lecturas.

Para participar, ademais de incluír comentarios ás lecturas propostas, pódense remitir reseñas aos seguintes enderezos: bibliotecasescolares@edu.xunta.es ou bescolares@gmail.com e serán subidas á rede polos trasnos bibliotecarios.

LER EN MANCOMÚN, un espazo para os Clubs de Lectura dos centros de ensino de Galicia

Nace un novo espazo virtual de apoio ao profesorado implicado no fomento da lectura: LER EN MANCOMÚN, un blogue destinado aos clubs de lectura creados nos centros de ensino de Galicia. Iranse incorporando os enlaces aos blogues dos clubs de lectura creados como apoio virtual ás sesións presenciais en cada un dos centros. Así mesmo, se incorporarán informacións relacionadas con esta temática ou coa convocatoria de apoio aos clubs de lectura da Consellería de Educación.

Ofrécese un espazo, así mesmo, como punto de intercambio de lotes de libros entre os diversos clubs de lectura, o novo blogue Libros a eito, dependente de Ler en mancomún. Os centros interesados en participar desta iniciativa só teñen que enviar un correo electrónico a bibliotecasescolares@edu.xunta.es, iou ben a bescolares@gmail.com, indicando os datos do centro, o título dos libros e o número de exemplares de cada lote que poñen a disposición doutros centros para un préstamo temporal. Esta información ofrecerase a través de Libros a eito  e os clubs de lectura interesados poderán contactar co centro que lles interese,posteriormente,  para o correspondente intercambio.

Día Internacional da Muller, traballos colaborativos e bibliotecas escolares

A celebración do Día Internacional da Muller foi unha nova ocasión para iniciativas comúns no mundo das bibliotecas escolares galegas. Nestes días, algúns dos blogues destas bibliotecas presentaron informacións comúns, elaboradas polos seus coordinadores e coordinadoras e postas a disposición de todos e todas. Estes traballos reflicten dinámicas de actuación nos centros escolares e falan da importancia da biblioteca escolar, e dos recursos que esta pon a disposición da comunidade educativa de cada centro, para a educación integral do alumnado e, como moi ben se reflicte neste caso, para a educación en valores e a sensibilización de cara a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.  Hora de ler sumouse a esta iniciativa, pero recomendamos un percorrido polos blogues das bibliotecas escolares, entre eles, e a modo de exemplo:

Semana da prensa na escola. CEIP Abelendo - Moaña (Pontevedra)

A iniciativa do Equipo de biblioteca, o profesorado do CEIP Abelendo, de Moaña, ten programado para a semana do 10 ao 14 de marzo de 2008 unha Semana da prensa na escola, tomando como fío conductor temático a conmemoración do 25 aniversario da inauguración do centro. Esta actividade deseñouse para darlle continuidade ao labor de fomento da lectura como fonte de información levado a cabo no primeiro trimestre, co obxectivo de traballar a prensa en formato impreso e dixital como nova vía de adquisición e tratamento de datos. Achégase proxecto desta actividade remitido polo centro e materiais complementarios.

8 de marzo: Día Internacional da Muller

Desde o IES do Sar (Santiago de Compostela) achégannos unha proposta de traballo, iniciativa do Colectivo de Mulleres Ensinantes, de cara á celebración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo.

  1. Proposta 8 de marzo
  2. Ponlle texto ás imaxes

Tamén recibimos unha proposta de traballo desde o IES David Buján, de Cambre:

No noso instituto vimos realizando unha actividade relacionada co Día Intenacional da Muller Traballadora que consiste nun certame co título "Coñeces esta muller?". Este ano celebraremos a terceira edición. A actividade está encadrada na formación de usuarios e consiste en publicar cinco pistas correspondentes a cinco mulleres durante cinco días consecutivos  (total 25 mulleres) que inclúen o 8 de marzo (este ano empezaremos o venres 7 e remataremos o xoves 13, deixando o venres 14 para o desempate)

O alumando ten formar equipos e que anotarse previamente na Biblioteca e entregar cada día as respostas correctas, ao final o equipo que teña máis acertos gañará o certame e de se producir un empate, realízase un desempate na Biblioteca durante un recreo, neste caso gaña o equipo que localice antes a información para resolver o enigma.

 

Bibliotecas escolares galegas, na Habana

As bibliotecas escolares galegas estiveron presentes tamén na Habana, no "Encuentro bibliotecológico" celebrado no contexto da Feira do Libro, do 14 ao 17 de febreiro, organizado por ASCUBI, Asociación Cubana de Bibliotecarios. Foi unha ocasión para compartir inquedanzas e comprobar que os medios materiais non o son todo, pero son decisivos á hora de enfrontar os retos da sociedade da información; que a profesionalidade das persoas que están á fronte das bibliotecas é imprescindible, o mesmo que as súas ganas por facilitar o uso dos recursos (moitos ou poucos que se teñan); as ganas, tamén, por contaxiar o gusto pola lectura e o coñecemento.

En palabras de Manuel Rivas (El País, 22 de febreiro de 2008): Como non estar orgulloso dun país que envía libros e non armas?

   

Día da Paz: Sadako e as grullas no IES Poeta Añón (Outes-A Coruña)

O Día Escolar da Paz é unha data aproveitada nos centros educativos para incidir especialmente en contidos relacionados coa educación en valores, moi especialmente a solidariedade, a xustiza, a convivencia pacífica, o diálogo e a colaboración. Desde a biblioteca do IES Poeta Añón chéganos unha experiencia de interese, que si ben xa se ten posto en práctica noutros centros, garda unha gran potencialidade educativa, polo que cómpre a súa difusión:

"Partindo da historia de Sadako Sasaki (recollida no libro SADAKO Y LAS MIL GRULLAS DE PAPEL de Eleanor Coerr. Edit. Everest), propuxemos a toda a comunidade practicar un pouco a papiroflexia creando 1000 grullas de papel. Aproveitamos recreos, horas de garda e ratos libres na casa para chegar a ese número e o resultado o tedes nas fotos. O primeiro día tememeos pola integridade das grullas e pensamos que non durarían moito, pero o certo é que o alumnado está respetándoas. penso que no fondo están orgullosos delas xa que eles colaboraron a facelas; mesmo queren que as deixemos postas todo o ano.

O interese por este primeiro contacto coa papiroflexia foi tal, que estamos valorando crear un obradoiro de ORIGAMI dous recreos á semana. Cada semana proporase unha figuriña distinta. Xa vos contarei como vai a cousa. De momento conseguimos desempolvar os libros da biblioteca sobre papiroflexia." Dolores Martínez, responsable da biblioteca escolar do IES Poeta Añón (Outes-A Coruña)

Mochilas viaxeiras

Os libros gustan da viaxe e da sorpresa, agardan nos andeis ou nos expositores por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura.

Están chegando aos centros públicos de ensino primario e secundario de todo o país unhas mochilas destinadas a poñer en marcha a iniciativa MOCHILAS VIAXEIRAS, unha actividade que xa está en marcha nalgúns centros educativos baixo distintos nomes e fórmulas. A mochila viaxeira permite á biblioteca escolar o contacto coas familias nunha actividade que pretende a súa colaboración na formación dos lectores e lectoras máis novos.

No díptico que acompaña ás mochilas detállase esta actividade de fomento da lectura: a súa finalidade, os destinatarios, o posible contido, a temporalización e outras cuestión de interese. (Ilust. Óscar Villán)