DÍA MUNDIAL DA POESÍA

 

O día 21 de marzo celebramos no Virxe do Mar o Día Mundial da Poesía. O equipo de Normalización Linguística do centro distribuiu na mañá, por comercios da vila, un feixiño de poemas de autores noieses, folliñas con poemas de Ana Romaní, de  Avilés...e mentres na Biblioteca María Mariño organizouse un recital onde alumnos e ex-alumnos leron os seus poemas e outros escollidos entre os seus autores e autoras preferidas. Escoitamos ás invitadas: Olaia Tuñas, Adela Dávila, Jesica Amado e tamén aos propios como  Alba Souto, Ismael Ramos , Adriana Frojan,Laura Saavedra e Silvia Rodríguez. Un xeito agradable de acercarnos a creación e a lectura da creación poética  máis nova.

 

 



ENTROIDO NO VIRXE DO MAR

 

O venres 4 de marzo celebrouse no centro o esperado Entroido. A partir da cuarta hora da mañá os distintos participantes foronse acabando de preparar para o festival. Máis de un centenar de rapaces e rapazas foron desfilando polo escenario presentando as súas parodias arredor do Mundo da Televisión. Tamén unha comparsa da comunidade, personificados como Cociñeiros da Televisión, se atreveron cunha coreografía difícil pero ben traballada. É necesario agradecer a colaboración de todos e de todas, tanto dos participantes como dos que axudaron a poder realizar esta festas: os encargados do sonido, os deseñadores do escenario, os entusiastas titores e titoras, presentadores,  os-as da limpeza... e tamén ao xogadores de Baloncesto do Campo de San Alberto e do Virxe do Mar que disputaron un amistoso privados da atención que requerían. Grazas a todos.


 



 

CONCERTO DE ALUMNOS E CORO DO IES VIRXE DO MAR

Unha vez máis celebrouse un concerto no Coliseo Noela  protagonizado pola comunidade educativa do IES Virxe do Mar. O concerto é organizado polos Departamentos de Música e Inglés coa finalidade de recadar fondos cos que subvencionar as distintas viaxes escolares para a aprendizaxe do inglés. Moitos dos interprétes son ademais alumnos do Conservatorio da vila. O acto finalizou coa actuación do Coro do centro formado por pais de alumnos, profesores e membros da comunidade educativa. Os organizadores agradecen a participación e a implicación de todos para que este proxecto fora un ano máis adiante.


 

 



 

RECITAL DE ESTÍBALIZ ESPINOSA

 

O día 25 de febreiro, pola mañá, tivemos a oportunidade de escoitar a Estíbaliz Espinosa que compartiu o seu tempo con nós. Percorrimos con ela parte do seu poemario e, en compañía de Ismael Ramos, asistimos a unha lectura de poemas na que se fusionaron as dúas magníficas capacidades creativas. Un pracer para todos. 

 

 



VI XORNADAS PSICOPEDAGÓXICAS

 


O venres 25 de febreiro, deron comezo no noso centro as VI Xornadas Psicopedagóxicas, organizadas pola ANPA en colaboración co Concello de Noia. O lema desta sexta edición é PREVIR PARA CONVIVIR. As xornadas inauguraronse cunha fermosa actuación do Coro do IES Virxe do Mar e logo, tras as presentacións feitas polo Concelleiro de Educación, Lino García, o director do centro Xavier Castro e a presidenta da ANPA, Mary Domínguez, desenvolvéronse as dúas conferencias previstas de Gonzalo Sotelo e Emilio López Bastos arredor dos Riscos de Internet para Adolescentes. Grazas aos participantes, ao apoio das autoridades e ao esforzo dos organizadores, de seguro, volverán a ser un éxito.

 



 

 

VISITA DE MARCOS CALVEIRO

O día 21 de febreiro visitounos no Virxe do Mar o escritor galego Marcos Calveiro. Invitado polo Departamento de Galego o autor explicou ao alumnado de 2º da ESO  a xestación da súa obra O pintor do sombreiro de malvas. Logo  houbo unha tertulia, na que lle poideron preguntar moitas cuestións sobre  as dificultades ás que se enfronta un escritor na súa tarefa.

 



 

 

 

Distribuir contido