Saltar navegación.
Inicio

Linguas Clásicas

Resultados do Concurso Odisea 2024

Volvérono facer! Os nosos dous equipos volveron superar cum laude a Odisea deste ano (sorteando os perigos de ciclopes antropófagos ou sereas que enfeitizaban os navegantes con delicias gastronómicas), e unha vez máis temos un equipo no podium da clasificación galega.

Gratulamur vobis opus, insignes discipuli discipulaeque!

Concurso Odisea 2024

Un ano máis, o IES Val Miñor participa no Concurso Odisea de Cultura Clásica, que nesta edición ten como fío condutor a alimentación en Grecia e Roma. O curso pasado os equipos participantes deixaron o listón moi alto. Serán quen os nosos equipos deste ano de volver meterse arriba de todo na clasificación?

Resultados do exame de Latín de ABAU

Un ano máis, celebramos os resultados obtidos no exame de Latín II de ABAU polo alumnado do IES Val Miñor que concorreu á convocatoria ordinaria. Cun 8,44 de media, superaron en 1,5 puntos a nota media do alumnado galego nesta materia.

Parabéns!

Entrega de premios do Concurso Odisea

O 15 de xuño celebrouse na Facultade de Filoloxía da USC o acto de entrega de premios dos concursos organizados este curso pola sección galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos. Alí estivo a nosa alumna Lucía, de 1º de bacharelato A, para recoller, en representación do equipo Las Apolonias, o segundo premio do Concurso Odisea de Cultura Clásica (Nadia, a outra integrante do equipo, non puido asistir por ter outra entrega de premios ao mesmo tempo). Acompañárona María e Martín, de 1º de bacharelato A e B respectivamente, que tamén participaran no Concurso Odisea.

Parabéns ás gañadoras e a todos os alumnos do IES Val Miñor que participastes no concurso! Vós sodes o futuro das humanidades!

Velaquí a noticia da entrega de premios na web de SEECGalicia: https://seecgalicia.org/entrega-de-premios-seec-galicia-2023/

Resultados do Concurso Odisea

Un ano máis, o Concurso Odisea estivo cheo de emoción e de preguntas desafiantes, sobre todo as do último día, que, ademais, se tiñan que responder no menor tempo posible. O esforzo dos nosos equipos foi tan épico que algúns participantes mesmo se puxeron máis encarnados ca o río Escamandro cando se enfrontou ao heroe Aquiles. Ao final, todos os equipos completaron esta particular odisea con moi bos resultados e, ademais, temos que anunciar que Las Apolonias, equipo formado por Lucía e Nadia, de 1º de bacharelato A, conseguiron meterse no desempate autonómico e acadaron a segunda posición!

Parabéns a todos os equipos, e grazas por amosardes ante toda a comunidade educativa que as clásicas no IES Val Miñor están moi vivas!

Concurso Odisea 2023

Por segundo ano consecutivo, o alumnado de clásicas do IES Val Miñor participa no concurso de cultura clásica Odisea, que nesta edición ten como tema central a auga na antiga Grecia e Roma. Moita sorte durante esta semana para os cinco equipos participantes. Que Atenea, Apolo e as Musas vos inspiren!

ODISEA

Resultados dos exames de Latín e Grego de ABAU

Os alumnos e alumnas de Latín II e Grego II realizaron un traballo espectacular ao longo deste curso académico 2021-2022, e o seu esforzo viuse debidamente recompensado nos resultados obtidos polos que se presentaron á convocatoria ordinaria de ABAU. Unha media de 8,88 no exame de Latín e 9,33 no de Grego!

Parabéns, fenómenos!

A asemblea das mulleres

Quen dixo que a literatura da antiga Grecia fose aburrida? Ultimamente estivemos a estudar en Grego II o drama ático e, cando nos tocou centrarnos na comedia de Aristófanes, tivemos a oportunidade de pasar un rato divertido coa lectura da súa obra A asemblea das mulleres, chea do humor chabacano do que tanto gustaban os atenienses da época clásica.

Mesmo houbo dous alumnos, Ángela González Comesaña e Alejandro Fernández Álvarez, que se animaron a gravar un vídeo sobre o argumento desta comedia. Velaquí tedes un fotograma:

As clásicas co 8-M

Dende clásicas, sumámonos ás celebracións do 8-M co traballo que os alumnos e alumnas de Grego II realizaron sobre Safo, autora de poemas cuxa exquisita calidade literaria xa foi valorada na Antigüidade e que seguen a ter un enorme poder de atracción sobre os lectores e lectoras actuais.

Clasificación final do Concurso Odisea

Despois dunha intensa semana e media durante a cal os nosos alumnos e alumnas participantes no concurso se tiveron que enfrontar a preguntas nalgúns casos realmente complicadas, probas contrarreloxo e un desempate autonómico, os dous equipos demostraron que son máis veloces que Aquiles de pés lixeiros e foron quen de contestar correctamente case todas as preguntas en tempo récord, situándose entre o top vinte dun total de 197 equipos.

Parabéns, ὦ ἥρωες!

Distribuir contido