Saltar navegación.
Inicio

Orientacións provisionais do 17 de abril para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019/2020 (Á espera da publicación da normativa estatal correspondente)

Logo das indicacións recibidas por parte do Ministerio de Educación e, despois, pola Consellería de Educación, segundo as cales levaremos a cabo “actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado”, tomamos as seguintes decisións sobre o traballo neste terceiro trimestre:

ata comezos de xuño, o traballo seguirá afondando nos contidos previstos para esta terceira avaliación (aquilo que dea tempo e que os departamentos consideren máis necesario de cara ao futuro)

en xuño, preferentemente, centraremos o traballo en dúas liñas:

- a recuperación da materia pendente, naqueles casos en que sexa necesario

- a ampliación de contidos, para aquel alumnado que non precise recuperar, a través de propostas de investigación que sigan liñas apuntadas polos departamentos

En canto á avaliación final, e mentres non recibamos instrucións máis concretas das administracións educativas, convén aclarar que non deixou de estar vixente a LOMCE, polo que esa será a referencia legal á que remitiremos.

Aínda así, somos conscientes da excepcionalidade que esixe o momento polo que estamos, todos, a pasar, e por iso decidimos que o período que abrangue ata comezos de xuño sexa avaliado só de maneira positiva (é dicir, que conte soamente no caso de que sirva para mellorar a nota anterior). Polo tanto, a nota final estará formada polas dúas primeiras avaliacións, máis os engadidos potenciais das recuperacións que se fagan ou das tarefas feitas ata comezos de xuño, sempre que estas melloren o anterior.

Os departamentos didácticos, seguindo as mesmas instrucións da Consellería ás que nos referiamos ao principio, farán as modificacións necesarias nos criterios de cualificación xerais (como estimen oportunos) para atender a esta decisión.

Estas medidas que tomamos teñen como finalidade non baleirar o trimestre de contidos, tanto por evitar que este se converta nunha sucesión mecánica e repetitiva de revisión como para sentar as bases que lles permitan afrontar o traballo do curso que ven da mellor maneira posible.

Aquel alumnado que teña que recuperar algunha parte do curso deberá prepararse para afrontar as probas que se lle indique no mes de xuño, tendo en conta que hai tempo para prepararse e para ir adiantando traballo. Ante calquera dúbida, xa sabedes que o profesorado está á vosa disposición a través das plataformas que estamos a usar.

Por último, queremos enviarvos, a todas as familias que forman parte da nosa comunidade educativa, moito ánimo. A situación está sendo dura e non é doado pasar estes días, pero a resposta xeral que estamos obtendo, de todos vós, é moi positiva. Facer forza común será a mellor maneira de superarmos con éxito esta etapa.

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/30850

No enlace podedes acceder as instrucions provisionais comunicadas pola Consellería de Educación