Saltar navegación.
Inicio

Val de Miñor é Ciencia.I Feira Científica. Proxectos de investigación. Conferencia de Khadija Amanda Barciela López

O venres 21 de abril, O IES Primeiro de Marzo e o IES Val Miñor en colaboración cos concellos de Baiona e Nigrán, organizaron unha xornada científica na que o alumnado foi o protagonista xa que foron eles os encargados de dinamizala explicándolle ós mais cativos algúns fenómenos naturais e as súas investigacións.

Pola mañá organizouse a I Feira de Ciencia “Val de Miñor é Ciencia” na que 30 alumnos e alumnas de 4 de ESO e 1º de bacharelato do IES Primeiro de Marzo de Baiona e do IES Val Miñor de Nigrán amosaron diferentes fenómenos naturais a través de diversos experimentos científicos. Os stands da I Feira de Ciencia afondaron no fenómeno da cristalización de sustancias, na caracterización dos sedimentos que conforman diversos areais da nosa contorna, na construcción dun espectroscopio, na xeodiversidade de Monteferro a través dun roteiro interpretativo, na acidificación do océano por mor da acumulación de CO2 na atmósfera, na avaliación da calidade dos cursos fluviais a través de bioindicadores e no uso da papiroflexia para amosar diferentes figuras poliédricas.

Por estes stands pasaron 250 alumnos e alumnas do CEIP Umberto Juanes (Nigrán), CEIP da Cruz de Camos (Nigrán), IES Val Miñor (Nigrán), CEP Sabarís (Baiona), CEIP de Fontes de Baíña (Baiona) e IES Primeiro de Marzo (Baiona). Tamén se achegou diverso público en xeral e familias.

Pola tarde, nunha sesión aberta ó público, realizáronse 5 ponencias a cargo de alumnado do Clube de Ciencias do IES Primeiro de Marzo e alumnado participante no programa STEMBach do IES Val Miñor. Andrea Casal Méndez (alumna de 2 de bacharelato do IES Val Miñor) presentou o seu proxecto de investigación titulado “Desarrollo de una mesa vibratoria de bajo coste con Arduino”, Inés Rey Torres e Álex Rodríguez Salgueiro (alumnos de 2 de bacharelato do IES Primeiro e Marzo) presentaron o seu proxecto “Á caza de alfa. Capturando partículas no IES Primeiro de Marzo”, Susana Misa Villar (Alumna de 2 de bacharelato do IES Val Miñor) presentou o seu proxecto “Estudo sedimentolóxico en poboacións de Zostera noltei de A Guarda e de A Ramallosa”, Alba Lijó Chamorro e Nicolás Santiso González (Alumnos de 2 de bacharelato do IES Primeiro de Marzo) presentaron o seu proxecto “Polo río abaixo vai… 12 anos de Proxecto Ríos no IES Primeiro de Marzo” e finalmente, Lara Taboada Álvarez (alumna de 2 de bacharelato do IES Val Miñor ) presentou o seu proxecto “Estudio de hidrocarburos aromáticos policíclicos en sedimentos costeros del Val de Miñor”.

Pechou a xornada Khadija Amanda Barciela López, bióloga do Instituto Jane Goodall, coa conferencia titulada “A investigación e conservación do chimpancé en Senegal e Guinea”. O chimpancé (https://youtu.be/tuxUp-dfwow) (https://youtu.be/MG4L92-EqWE) (https://youtu.be/Lvy__07t2Ws) comparte cos humanos entre o 95 e o 98% do seu xenoma (https://youtu.be/8CcBzRhUy8s) e as poboacións de chimpancé reducíronse un 80% nas últimas décadas polo que se pronostica que de continuar esta tendencia en 2060 a poboación da subespecie de chimpancés de África occidental reducirase nun 99%, conducíndoa á súa extinción. Entre as causas da diminución das súas poboacións atópanse os lumes forestais, a falta de auga, a competencia polo alimento coa poboación humana local, a deforestación para campos de cultivo, a fragmentación do seu hábitat, as enfermidades infecciosas e o tráfico ilegal. O Instituto Jane Goodall aborda a protección do chimpancé a través de programas transversais onde se ten en consideración todo o contexto da especie (https://youtu.be/GNduyikLsig). Nesta tarefa o labor investigador é fundamental para coñecer a especie (https://youtu.be/0ZFn3R27Shw) e tamén o traballo coa poboación local (https://youtu.be/wxISH-3vVSM) a través de diversas accións como traballar en programas de reforestación (https://youtu.be/8CcBzRhUy8s), de mellora das técnicas de cultivo mais sostibles e de programas de educación medioambiental. Podes acceder á canle de youtube do Instituto Jane Goodall en Senegal (https://youtube.com/playlist?list=PLKA12jf9jwHqgCoeI8GfIZ8tfsrD8vcDO).

Todos estes labores de investigación e conservación precisan das achegas económicas de cada un de nós que podemos facer pequenas aportacións a través de diversos programas dos que podes obter información visitando a páxina web do Instituto Jane Goodall (Instituto Jane Goodall en España), e sen as cales non sería posible conservar e protexer as poboacións de chimpancé para ó futuro.

Durante esta xornada acompañounos César Ares, responsable da xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Para ver o alí acontecido podes clicar AQUÍ para ver as fotos, e para ver o video AQUÍ.