Skip to Content

Conmemoracións

No día da PAZ o noso recanto dos oradores

Hoxe, xornada escolar da PAZ, na entrada do instituto recreamos o noso particular Speakers´Corner (coma se estivésemos no Hyde Park londiniense) e non faltaron nin @s espontáne@s nin @s adestrad@s que, ao longo da mañá, ofertaron as súas reflexións, músicas, pensamentos... sobre a PAZ.

Que a choiva non converta en papel mollado os bos propósitos e as boas palabras e que a PAZ sexa a nosa permanente compañeira!

Grazas a tod@s @s participantes, @s que se deixaron ver e @s que traballaron entre bambolinas.

 

Versos pola PAZ

CONTOS E CANTOS na Galiña Azul

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

RESUMO DO QUE FOI, DO QUE ACONTECEU, DO GRAN EQUIPO QUE SOMOS. 

E DENDE O IES SAN PAIO DICIMOS:

NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

25 novembro: Día internacional contra a Violencia contra a Muller

Mañá, venres, imos conmemorar un ano máis o Día contra a Violencia contra a Muller e -engadimos- contra os nenos e nenas das familias desas mulleres.

Despois de traballar nas titorías e en distintas clases, culminamos os actos deste día cunha representación de música e danza de alumnado de 4º ESO e 1º de Bach que terá lugar no SALÓN DE ACTOS no 1º recreo.

Durante toda a mañá poderemos ver o vídeo coas mensaxes do noso alumnado no recibidor do centro.

Ao término do 2º recreo, poderemos sentirnos a PEPA da historia que conta a socióloga Carmen Ruíz Repullo e decidir por onde queremos subir as escaleiras e cales son as consecuencias da nosa escolla.

Abecedario bibliotecario

24 O: Día das Bibliotecas

 "O día da luz"   Gonzalo Moure


moureVeño do deserto do Sáhara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis esquecido dos cinco campamentos de refuxiad@s saharauís. É a cuarta biblioteca que construímos, e é preciosa. No centro plantamos árbores, para que @s nen@s e @s moz@s do Sáhara poidan experimentar o gozo de sentar baixo a súa sombra para ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún "templo de silencio", senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorar mirando uns ollos por enriba do libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar onde se descobre ao outro, de papel ou de carne.

Nun filme inesquecible, o mellor filme de ciencia ficción da historia, "2001, unha odisea do espazo", aparece un monólito cada vez que o ser humano se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debeu poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio das mulleres e os homes, o lugar no que se experimenta con emocións, descubertas, utopías, apostas. Somos o que somos porquecartel fomos pensando e escribindo sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as vindeiras xeracións.

Así que unha biblioteca non é só un lugar que convida a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar que convida a escribir. As bibliotecas do século XXI so, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, fitos do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo.

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para @s saharauís. Págaas a nosa sociedade civil, mediante soci@s adult@s, e mediante actividades solidarias nos colexios, institutos e bibliotecas. E @s alumn@s e lector@s que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprenden a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a milleiros de nen@s, moz@s e adult@s que a fixeron posíbel co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lectora e lector saharauí ten ao seu carón a milleiros de lectoras e lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima e lugar tan hostil.

Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña preto unha biblioteca, ou un amoroso "bibliobús". Que non haxa ningunha nena e ningún neno, moz@ ou adult@, que non roce a man dunha bibliotecaria que a aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa ningún ser humano conectado ao que foi, o que é e o que será.

Na túa man hai milleiros de mans, apertando a túa, acompañándote no camiño. Tenras ou con durezas, pequenas ou grandes. No libro que te agarda na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Mais todos preciosos. Conectados todos por un invisíbel fío de prata que une man con man, andel con andel, un fío inacabábel e luminoso. Inacabábel, e que así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir "O día da luz".

Feliz día, feliz século.

Mª Victoria Moreno segundo os escolares tudenses

Así viron a Mª Victoria Moreno os cachorros (que diría ela) tudenses:

 

1º NO IX TUI LE

Si puidemos...
Nin o ceo agrisado, nin as leves pingas de choiva, nin a viruxe, nin as présas dos ensaios, nin os traizoeiros nervios da posta en escena final... foron quen de agochar o bo facer da nosa comunidade educativa que contribuíu á IX edición do Tui Le coa presentación dun kamishibai a partir de textos de "O principiño" e co recitado dun poema de "Os soños na gaiola", todo adobiado con acompañamento musical; alumn@s de 1º de ESO encargáronse dos textos e @s de 1º de bacharelato das melodías; a todos: recitadores, músicos, profesorado e audiencia moitas grazas e xa quedamos convocados para o X Tui Le porque en Tui antes, agora e sempre lemos e queremos seguir manifestando, de xeito mancomunado e público, o noso irrenunciábel compromiso coa lectura.

IX TUI LE

 

O próximo venres 11 de maio, en horario de 9.15 a 13.15 horas, na Praza de San Fernando terá lugar por noveno ano consecutivo unha nova edición do Tui Le na que participan once centros educativos do concello de Tui, deles nove son de titularidade pública (CEIP nº 1, 2, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns, CRA “Mestra Clara Torres” e IES “Indalecio Pérez Tizón” e “San Paio”) e dous de titularidade privada (Maristas e Seminario). 

Unha das partes do programa consiste nas actuacións dos distintos centros: O noso IES preparou un kamishibai a partir dunha adaptación de textos de O Principiño así como a recitación dun poema de Manuel María que terán como protagonistas ao alumnado de 1º de ESO e de 1º de Bacharelato coa música.

Outras actividades son un intercambio de libros (non esquezades levar un libro), un photocall  e unha exposición de carteis elaborados por escolares de cada un dos centros con creacións sobre a figura da xa citada Mª Victoria Moreno.

Ao longo da xornada máis de 800 alumn@s e profesor@s farán visible, co seu traballo e implicación, unha vez máis, que Tui Le porque, como di o poeta Antonio Gamoneda Ler é vivir dúas veces.

Distribuir contido


by Dr. Radut