A Biblioteca pola paz

 

             

 

30 de xaneiro: Día da Paz

O neno da Biblioteca

Non é o título dunha película, nin da última novela de John Boyne. O noso protagonista foi fotografado polo xornalista Gervasio Sánchez cando xogaba entre os cascallos da biblioteca de Sarajevo. O edificio que acubillaba dous millóns de libros fora destruído uns días antes polas bombas que diluviaban sobre a cidade asediada. As correntes levantaban as cinzas, mudas probas do voraz incendio que tamén ennegrecera libros e retorcera estantes. Edo Vosivcic con cinco anos fixo daquelas ruínas o seu particular parque infantil.

O neno da biblioteca e o neno do pixama a raias teñen moito en común, os dous son vítimas inocentes da barbarie humana. Igual que eles son millóns no mundo os nenos atrapados polas gadoupas dos centos de conflitos que alimenta a tolemia bélica dos adultos. Non é preciso desenterrar vellas historias para exemplificar o que afirmamos. Onte en Gaza, agora mesmo mentres les estas liñas en calquera lugar do que non queremos ou non podemos lembrar o nome.

Dicía o poeta Antonio Machado que é propio de cabezas medianas arremeter contra todo aquilo que non lles cabe na cabeza. Nas nosas cabezas (medianas, pequenas ou grandes) non caben as inxustizas, os odios, as guerras, a razón da forza... Porque apostamos pola forza da razón, porque queremos crer que o home non é un lobo para o home, porque confiamos no poder da palabra... queremos berrar, dende o máis fondo do noso corazón adolescente, hoxe e todos os días da nosa vida: NON MÁIS VIOLENCIA! PAZ! (mais non queremos a paz dos cemiterios, queremos a paz viva que nace da xustiza e do respecto aos demais).

Sabemos que o noso xesto e simbólico, que non somos quen de influír nos grandes centros de decisión pero queremos sementar un futuro mellor porque como dixo o poeta e novelista Abdulah Sidran “as palabras son grans. O que escribamos agora dará froito dentro de cincuenta anos”

Tamén, como non podía ser doutra maneira, a biblioteca do instituto únese aos desexos de paz universal. Oxalá en todo o mundo as letras substitúan ás escopetas e os libros aos canóns! Que as mulleres e os homes, as nenas e os nenos poidan gozar das bibliotecas, dos libros e da lectura, que poidan xogar nas bibliotecas, cos libros e coa lectura mais non entre cascallos como Edo Vosivcic, o neno da biblioteca!

 

       

 

 

 

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer