Marzo 2012

Día Mundial do Teatro

Hoxe, 27 de marzo, cúmprense cincuenta anos dende que a Unesco instaurou esta celebración. No presente ano, a Mensaxe para esta xornada foi escrita por John Malkovich, actor, produtor e director de cine estadounidense de ascendencia croata.

MENSAXE DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2012 - John Malkovich

"O Instituto Internacional do Teatro-ITI da UNESCO honroume coa súa petición de realizar esta mensaxe na conmemoración do 50 aniversario do Día Mundial do Teatro. Vou dirixir estas breves consideracións aos meus compañeiros do teatro, os meus pares e camaradas.

Que o voso traballo sexa convincente e orixinal.

Que sexa profundo, conmovedor, reflexivo e único.

Que nos axude a reflectir a cuestión do que significa ser humano e que o devandito reflexo sexa guiado polo corazón, a sinceridade, o candor e a graza.

Que superedes a adversidade, a censura, a pobreza e o nihilismo, algo ao que, certamente, moitos de vós estaredes obrigados a afrontar.

Que sexades bendicidos co talento e o rigor necesarios para ensinarnos como latexa o corazón humano en toda a súa complexidade, así como coa humildade e curiosidade necesarias para facer diso a obra da vosa vida.

E que sexa o mellor de vós - xa que será o mellor de vós, e aínda así, darase só nos momentos máis singulares e breves - o que consiga enmarcar esa que é a pregunta máis básica de todas: " Como vivimos? " Boa Sorte! ".

 

Aproveitamos tamén esta xornada de festa e recoñecemento ao teatro para lembrar a nosa contribución e adiantar unha primicia:

O Grupo de Teatro do IES San Paio de Tui quere anunciar neste Día Mundial do Teatro que está a preparar unha nova representación para estrear, se as Musas teatrais nos son propicias, a finais do mes de maio ou primeira quincena de xuño.

O Grupo, cunha traxectoria continuada de traballo nos últimos seis cursos escolares, coa preparación de diferentes obras, está formado por un variado grupo de rapazas e rapaces que, como é inevitable no teatro escolar, vaise renovando con certa rapidez; aínda que nós contamos cun núcleo xeitoso que leva xa varios anos participando. Na actualidade, o Grupo dispón dun elenco amplo de actrices, e algún actor: Ana, Claudia, Ana Belén, Uxía P, Uxía R, Mariña, Natalia, Noelia, Julia, Daniela, David, Patricia, Óscar, Susana, Elena e Raquel; conta ademais coa colaboración para tarefas específicas dalgúns outros membros do alumnado e profesorado.

Despois dos éxitos acadados polo Grupo con montaxes anteriores (Río Bravo; O achado do castro; A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella; O médico á forza...); para o presente curso lanzámonos a un auténtico desafío: unha obra complexa pola súa extensión, polos seus múltiples personaxes, e, sobre todo, por tratarse dunha obra en verso: A vinganza de D. Mendo, de Pedro Muñoz Seca. Compréndese aínda mellor o emprego do termo “desafío” se temos en conta que a meirande parte do conxunto de actrices e actores son de 1º e 2º curso da ESO (tamén hai de 3º, 4º e 1º de bacharelato); e, sobre todo, polo feito de tratarse -se non estamos equivocados- dunha “estrea mundial” sendo a primeira vez que se escenifica unha versión desta obra en lingua galega . Os ensaios van a un bo ritmo, con moito traballo e esforzo por parte das actrices e actores, e os directores do Grupo confiamos en ter todo preparado para a súa representación diante de todo o alumnado do Instituto, antes de rematar o curso, no Teatro Municipal de Tui, un marco inmellorable para un proxecto arriscado. Despois, o Grupo procurará, como fixo outros anos, achegar a montaxe a outros espectadores en Colexios, Institutos ou Centros Culturais da bisbarra. Esperando con ilusión a estrea, berramos dende aquí, hoxe e sempre:

“Viva o Teatro!”


 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer