Conmemoracións

Día de Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega promove a lectura do
manifesto que a continuación presentamos. Nos tempos que corren pode
ser unha boa homenaxe á figura da que hoxe celebramos o aniversario do
seu nacemento.

 

 
“O tempo pasou rápido; a centela tal vez máis lentamente…”

     

Hoxe, 24 de febreiro de 2010, cúmprense 173 anos do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. No próximo 15 de xullo, terémola presente na nosa memoria após 125 da súa morte. Nela e con ela lembramos non só unha personalidade altísima das nosas letras, senón a muller que alargou até o infinito o campo da literatura e da cultura galegas e, con el, as aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria, Galiza.

* * *

    Nestes días para nós escuros, Rosalía, lembrámoste unha e outra vez. Os nosos ollos percorren infatigábeis os teus versos, de onte a hoxe, e a memoria rescata da súa entraña retallos de poemas que palpitan nas nosas veas e percorren o noso corpo todo. E preguntámonos se este frío imposíbel que se instala na nosa pel é o mesmo frío que ti sentiches ante os que teñen fama de honrados na vila, aqueles que, amparados hoxe no mandato estatutario que lles foi outorgado para promoveren a cultura galega e a defenderen fronte ás agresións, utilízano contra todo o que ti significas, minusvalorando a herdanza túa e todo o que de noso achan ao seu paso aqueles que non entenden non todo o que somos e o que significamos.



“Cantarte hei, Galicia,/ na lengua gallega, / consolo dos males, / alivio das penas.”

     

Hoxe continuamos a te refrendar Rosalía de Castro como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea, pois o teu pensamento intelectual traspasa uns versos conscientes de lle estar a dar forma a unha materia patriótica senlleira a través da publicación daquel que foi o teu primeiro monumento literario da modernidade en 1863 e, asemade, voz colectiva da nación: Cantares gallegos, onde a paisaxe, os costumes, o clima e o pobo son unha realidade para lle dar luz desde a dignificación. E o compromiso co teu pobo esixíache a utilización da lingua de seu.



“mollo na propia sangue a dura pruma…”

     

Na Habana, en 1880, o teu segundo poemario, Follas Novas, despois de impedimentos e censuras varias, olla a luz e supón a túa consagración definitiva da máis galega e, ao tempo, a máis universal dos nosos escritores, pois canda o excelso ritmo poético da túa obra fica certificada a validade do galego para o tratamento estético‐literario de todos os temas, sen as limitacións que, onte como hoxe, se lle querían impoñer á lingua galega, orquestadamente limitada e minusvalorada para os redutos máis íntimos e persoais, invisibilizada no escenario da cultura e do progreso, do recoñecemento público. E entón o teu eu xeneroso de escritora comprometida debrúzase e asume ser a voz da solidariedade maiúscula cos marxinados, cos asoballados, coas mulleres do pobo, vítimas dobres dos danos infrinxidos á Galiza, á procura de ser novamente dona da súa propia liña do tempo.



     

Os que hoxe nos negan, como a ti te negaron ao longo de tanto tempo, son da estirpe dos que te alcumaron de chorona, mixiriqueira e trastornada por sombras de incerteza, dos que ocultaron o xenio do teu verso construíndoche unha imaxe distorsionada para afastarnos da exactitude das túas palabras, co único obxectivo de impediren que o teu verbo incendiase a nosa vontade e a luz dos teus versos abrise ventás de claridade no noso coñecemento. Deformábante para ocultarte, mentían, como nos seguen a mentir hoxe para destruíren a nosa cerna e esborrallaren a espiral de conciencia que ti iniciaches un día, con ese atrevemento histórico que foi un verdadeiro contrato de xustiza co pobo de noso e co futuro.

 


“Daquelas que cantan as pombas e as frores …”


    

Mais a nosa lembranza de hoxe trae canda nós a reivindicación da túa personalidade consciente, a de ser a primeira feminista da nación galega: pola túa rebeldía ao non aceptares normas masculinas exteriores e superiores á súa propia conciencia e á súa libre vontade; porque te internaches con toda naturalidade no repertorio temático que se reputaba privativo dos homes; porque amosaches a túa solidariedade profunda coa vida e as circunstancias discriminadas das mulleres en xeral e das galegas e traballadoras en particular.

*******

    É por iso que este Nós plural e colectivo que hoxe nos autoconvoca na túa orgullosa lembranza, demanda declarámonos mulleres e homes fillos da túa estirpe e coa forza do teu legado imprescindíbel diremos unha e outra vez, unha e outra vez, unha e tantas veces como sexa necesario, coa mesma lingua coa que ti renegaches dunha emigración que nos destruía, coa mesma lingua coa que reclamaches respecto para os nosos traballadores, coa mesma lingua coa que denunciaches as inxustizas para coas mulleres, esa lingua que ti ergueches da terra para a converteres en material precioso digno do mellor ourive; con esa mesma lingua nós ergueremos a bandeira do noso orgullo de galegas e galegos para seguir pregoando o noso amor, ese amor que nos une a ti por riba do tempo e do espazo, máis alá da existencia material e tanxíbel, o amor por este idioma noso, que en ti volveu nacer e polo que nós tamén daremos a nosa alma.

O teu nome revive día a día nas túas lecturas, o teu ser nunca acabado de descifar céibase paseniñamente de cadeas censoras artificiais, a túa identidade galega consciente albíscase grazas ao pulo de investigadores propios e foráneos, os teus poemas apréndennos unha historia ferida, mancada pola inxustiza e o empoderamento do forte contra o débil.

     

Soubeches ser quen eras e defendéchelo co orgullo dunha voz pública propia e sen medo a non ser entendida ou a seres negada. Como valor humano galego
universal que simboliza a nosa identidade de galegos e galegas, demandamos do goberno da Xunta de Galiza que á maior brevidade cree o Instituto Rosalía de Castro para que a nosa cultura sexa posta en valor dentro e fóra da Galiza, procurando dármonos a nós mesmos e ao mundo a imaxe real dun pobo cunha cultura milenaria e unha lingua orgullosas se seu, cun lugar na historia dos pobos que construíron a Europa.
 
     

Demandamos, finalmente, que esta institución sexa creada para levar a túa merecida internacionalización definitiva e a da cultura galega nun mundo aberto que a ti, Rosalía, non che resultaría nada alleo.


 

 
 

 

 

 

 

 

Manifesto do Día da Paz

Fechemos as portas do templo de Xano!

 Mentres escribimos ou lemos estas liñas, nalgún lugar do mundo alguén empuña unha metralleta ou fai estoupar unha bomba.

 Mentres, sentados cómodos diante da pantalla dun ordenador, participamos en incruentas e virtuais batallas, nenos e nenas en moitas partes do mundo xogan ás guerras de verdade.

 A historia é unha interminable sucesión de guerras, conflitos pequenos ou grandes, rexionais ou mundiais... todos sanguinarios, todos inxustificables.

 Por que as plumas cando escribimos e as verbas cando falamos non valen o que as pistolas cando disparamos?

 Por que, en vez de con rifles, non apuntamos ao peito dos irmáns con poesías, armas de futuro expansivo das que nos ten falado o poeta Gabriel Celaya?

 Por que non enterramos para sempre o Caín que cadaquén levamos agochado?

 Por que o maior inimigo da estirpe humana ten que ser o propio home?

 Para que celebrar unha Xornada pola Paz cando o resto do ano rendemos culto a tódolos deuses e deusas da guerra?

 Non chega con berrar PAZ un día e os trescentos sesenta e cinco restantes desentendernos do sufrimento que a maquinaria bélica provoca en múltiples lugares do mundo a milleiros e milleiros de mulleres e homes que cometeron o único delito de nacer no sitio menos axeitado e na hora menos oportuna.

 Non chega con berrar PAZ e cruzar os brazos.
 
 Mal, moi mal se as nosas conciencias quedan tranquilas despois dun simple berro.

 Hai que pasar á acción. Temos que levantar un muro, alto, o máis alto que poidamos, non para segregar, antes ben para unir. Non será un muro de vergoña porque os seus alicerces serán:

a fartura fronte á fame,
a sanidade fronte ás enfermidades,
a educación fronte ao analfabetismo,
a hospitalidade fronte ao racismo,
o diálogo fronte ás liortas,
o perdón fronte ás ofensas,
a solidariedade fronte á indiferenza,
a esperanza fronte ás desilusións,
a verdade fronte aos enganos,
a liberdade fronte á opresión,
a xustiza fronte á iniquidade,
o amor fronte aos odios...
a PAZ fronte ás GUERRAS.

 PAZ na terra para tódolos homes e mulleres.

 Se somos quen de rematar este muro xa non serán precisas máis treguas como as que os antigos gregos establecían para que as competicións olímpicas se desenvolveran nun ambiente de plena concordia.

 Se somos quen de construír esta inmensa muralla poderemos fechar para sempre as portas do templo do bicéfalo Xano, divindade á que os romanos invocaban ao comezo das guerras, permanecendo abertas as portas do seu templo mentres estas duraban e fechándose cando Roma e o seu imperio vivían en paz.

 Ánimo, compañeiros! Emprendamos a tarefa sen demora e con todos os nosos folgos: Fechemos as portas do templo de Xano!

 
 

Día da Muller

 

(Prema no título se desexa ver o libro colaborativo)

 

 
 
 
 

A Biblioteca do IES "San Paio" quere lembrar este ano o día internacional da muller cunhas referencias a moitas mulleres que protagonizaron, nas distintas épocas da historia, un papel salientable nos más diversos campos do saber.

Comezamos lembrando a promotora desta data:

CLARA ZETKIN (5 de xullo de 1857 - 20 de xuño de 1933)

 

Política socialista alemana moi influente, así como unha loitadora polos dereitos da muller.En 1874, tras finalizar os seus estudos para converterse en profesora, Zetkin entrou en contacto co movemento obreiro e feminino en Alemaña, uníndose ao Partido Socialista dos Traballadores (SAP) en 1878. En 1890 cambiou o seu nome ao actual Partido Socialdemócrata Alemán (SPD). Durante o seu exilio en París xogou un importante papel na fundación da Segunda Internacional. Zetkin interesouse moito na política sobre a muller, a loita pola igualdade de dereitos e o dereito ao voto, impulsando o movemento feminino na socialdemocracia alemá. Entre 1891 e 1917 editou o xornal "Igualdade" e en 1907 converteuse en líder da nova Oficina da Muller do SPD. Foi ela a que decidiu que a partir do 8 de marzo de 1911, devandita data se considerase o "Día Internacional da Muller" ou "Día da Muller Traballadora" . Durante a Primeira Guerra Mundial,xunto con outros activistas antibelicistas, Zetkin organizou unha conferencia internacional de mulleres socialistas contra a guerra en Berlín en 1915. En xaneiro de 1919, trala Revolución Alemá de novembro do ano anterior, fundouse o Partido Comunista de Alemaña (KPD), partido ao que se uniu Zetkin, sendo elixida representante no Reichstag entre 1920 e 1933. Deste período data a súa entrevista con Lenin sobre a "cuestión feminina. Entre outras cousas ela foi quen propuxo a creación do Día da Muller Traballadora, máis coñecido como o Día Internacional da Muller, que logo foi declarado universalmente para o 8 de marzo de cada ano.
 
 
 
 
 
 

 

Letras Galegas 2009

Ramón Piñeiro, protagonista do Día das Letras Galegas 2009

Este ano o Día dás Letras Galegas está adicado a Ramón Piñeiro López, intelectual galego que foi ou primeiro presidente do conselo da Cultura Galega. A Real Academia Galega decidiuno pola dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura que debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións.
Os seus traballos supuxeron un "paso decisivo" para a normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber.

DATOS BIOGRÁFICOS

Ramón Piñeiro López (Láncara -Lugo, 1915 - Santiago de Compostela, 1990) foi un intelectual e político galego, unha das figuras históricas do galeguismo durante o século XX, crave para conseguir a continuidade de este tras a Guerra civil española (por este motivo, foi encarcerado entre 1946 e 1949). Estudou o bacharelato superior en Lugo onde ingresou nas xuventudes do Partido Galeguista, a través das cales participou non comité provincial que colaborou na celebración do referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. Estudou Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Como intelectual, foi un dos fundadores e primeiros directores da editorial Galaxia e da revista Grial; politicamente, ademais de formar as Mocidades Galeguistas, foi membro do Partido Galeguista e a súa principal actividade foi a de intentar despoxar ao galeguismo da súa compoñente política para centralo no seu compoñente cultural (a esta tendencia coñeceríaselle dende entón como piñeirismo). Foi tamén deputado independente do Parlamento de Galicia formando parte da lista do PSdeG-PSOE. A súa obra repártese en traballos de índole filosófica (con especial atención ao tema da saudade que trata dende unha perspectiva existencialista heideggeriana) e traballos de orientación lingüístico-literaria (centrados nos problemas do proceso de normalización da lingua galega).


A RAG tamén refire a labor ensaística de Ramón Piñeiro, recollida parcialmente nos libros "Olladas no futuro", "Galicia", "A linguaxe e as linguas" ou "Lembrando a Castelao", que reflicten os eixos fundamentais do seu pensamento e destacan a necesidade da reafirmación cultural de Galicia como "camiño fundamental para a súa realización como pobo"

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer