Skip to Content

Que facemos?

Obradoiro de cartelería: medios de comunicación e igualdade

A obra de teatro “Non bulas o bulo” foi tan inspiradora que decidimos montar o noso propio obradoiro de cartelería. Libremente, o alumnado escolleu un asunto dos tratados na sesión de teatro con As Centolas, e a partir de aí, elaborou un cartel que recolle o seu punto de vista propio.

O resultado son traballos moi vistosos! A reflexión e a creatividade sempre fixeron un bo par. Bravo por esta rapazada!

Para ver o desenvolvemento do obradoiro, preme AQUÍ

 

 

 

 

 

Obradoiro de poesía: centóns a centos!

Preguntarédesvos que é un centón… pois para nós un pretexto para achegar a poesía á rapazada creando poemas propios a partir de versos prestados. Silvia Plath, Daphné B., Las Sinsombrero ou Carlos Negro, son algunhas das voces que inspiran os catro centóns resultantes en cada unha das linguas de estudo no noso instituto.  Os textos de partida non foron escollidos ao chou, senón que gardan unha conexión temática: o universo feminino e a loita por facer visibles as desigualdades que o rodean.

A partir destes poemas de autoría variada, o alumnado foi escollendo aqueles versos que lle resultaron máis significativos para crear un novo texto poético.

Esta actividade é unha pequena experiencia de colaboración entre os Departamentos de Linguas do instituto no marco da Biblioteca Escolar, que á súa vez se integra no programa O Mundo que Queremos, que estamos traballando este ano.

Verso a verso colleron forma para seren inaugurados o 23 de abril, Día Internacional do Libro.

Parabéns ás profesoras e ao alumnado polo traballo! Para ver todo o proceso preme en REPORTAXE.

 

Para sabermos máis de El Salvador...

E para coñecer un pouco máis de El Salvador, o alumnado preparou unhas preguntas para crear un Kahoot! sobre información xeral deste país latinoamericano. A ver cantas sabes! Preme na imaxe do lado para comezares a xogar.

Visita Sur: colectivos de El Salvador en favor dos Dereitos Humanos

Iniciamos abril cunha visita excepcional: os colectivos ORMUSA e CONCAVIS TRANS chegan da outra beira do Atlántico, para presentarnos como é a loita polos dereitos civís da muller e do colectivo LGTBI en América Latina, concretamente en El Salvador. Estamos convencidas de que a proximidade e o relato en primeira persoa sempre chega mellor e move conciencias.

Nesta mesma liña, ARELAS, asociación de familias de menores trans, ofreceunos unha charla sobre a realidade dos adolescentes trans aquí en Galicia. Outro relato en primeira persoa que nos deu unha lección de humanidade, a toda a comunidade educativa que asistiu durante a mañá e á tarde, no Grupo de Encontro de Familias que organiza a Biblioteca Escolar.

Sen dúbida, estes encontros servirán para coñecer mellor unha realidade distante só aparentemente, coa esperanza posta en educar actitudes máis tolerantes ante a diversidade sexual.

 

Aquí vos deixamos as webs destas tres asociacións para quen tiver máis curiosidade sobre o traballo que desenvolven:

http://asociacionarelas.org/gl/

http://www.ormusa.org/

https://www.comcavis.org.sv/

 

Teatro foro co alumnado camariñán!

O 29 de marzo tivemos un obradoiro moi especial. Chegou ao IESP Pedra da Aguia a compañía As Centolas para poñer en escena “Non bulas o bulo”. Diso se trata, de sermos máis conscientes da información que consumimos e compartimos para tratar de frear os bulos e as fake news que pasan pola nosa man. Ademais disto, aprendimos o que é o teatro foro e as súas posibilidades para mostrar ás persoas problemas diversos que hai na sociedade. Entre todos eles, presentáronnos cuestións como o sesgo ideolóxico dos medios de comunicacións, a importancia de visibilizar colectivos sociais que están nun segundo plano, ou como a través das noticias diarias, se poden desmontar estereotipos de xénero.

Toda a obra de teatro foi moi participativa e as actrices souberon animar ao alumnado de 3ºESO, que achegou puntos de vista ben interesantes. Para ver o vídeo da actividade, preme AQUÍ.

Os Obxectivos 2030 da ONU, tamén nas Xornadas de Bibliotecas Escolares 2019

A finais do mes de marzo, o persoal da Biblioteca Escolar do IESP Pedra da Aguia asistiu ás Xornadas de Encontro das BE de Galicia. Sempre atopamos inspiración no labor de tanto profesorado que traballa na dinamización das biblios dos centros de ensino. Como sorpresa nesta edición, a ponencia de Alicia Sellés titulada “Bibliotecas e Axenda 2030, tamén na escola” tratou sobre o rol clave que estas xogan para o acceso á información e, por tanto, para o desenvolvemento das comunidades no contexto dos ODS 2030 da ONU.

A nosa biblioteca sábeo ben e por iso é parte importante do traballo interdisciplinar que estamos a desenvolver no Plan Proxecta deste ano, O Mundo que Queremos.

Distribuir contido


by Dr. Radut