Skip to Content

Outro modelo de prácticas empresariais

O pasado venres 11 de outubro, o alumnado de 4º participou nunha visita formativa para coñecer exemplos de boas prácticas empresariais vinculadas ó respecto polo medio ambiente e a un mellor aproveitamento dos recursos. A saída, organizada polo concello de Camariñas, deu continuidade á formación proporcionada ó alumnado a través de obradoiros impartidos no propio centro.

Pola mañá visitaron en Palas de Rei a cooperativa galega Milhulloa, que se adica ó cultivo ecolóxico, tanto de plantas medicinais como de hortalizas. É unha empresa dirixida enteiramente por mulleres, actualmente tres, que optaron por loitar pola viabilidade económica do rural galego. Convidáronnos a unha infusión de tomiño alimoado e visitamos as instalacións onde realizan a deshidratación e o envasado dos produtos cultivados. Ademais, teñen un laboratorio onde realizan produtos de cosmética 100% galegos e ecolóxicos.

Despois de xantar en Melide, visitamos a comunidade de montes do Carballo, en Friol. Nela diversifican as actividades para un mellor aproveitamento dos recursos optando pola cría do porco celta e de cabalos, a extracción de resina, a produción de mel de monte e a recollida de cogomelos. Son os propios comuneiros os que toman as decisións e ven o monte como un medio de transmisión de valores. Celebran eventos vencellados á comunidade: xornadas, magostos, roteiros de sendeirismo e a cabalo. 
Os cabalos e as cabras non se deixaron ver, pero os porcos celtas achegáronse a nós moi confiados. Unha aposta por un tipo de empresa que, non sen dificultades, aposta por outro tipo de vida respectuoso e produtivo.



page | by Dr. Radut