Extraescolares e complementarias

XORNADAS INTERCULTURAIS

Con motivo da celebración das V Xornadas Interculturais que organiza o Concello de Cangas, o alumnado de 3º ESO participou na actividade Cine Forum. A partir da proxección do corto “Binta e a gran idea “ traballaron aspectos relacionados coa educación e a discriminación das nenas.Tivo lugar esta actividade o martes, 26 de maio.

SIMULACRO DE EMERXENCIA

Tivo lugar o día 13 de maio e contamos coa colaboración de Protección Civil de Cangas, Garda Civil,  Policía Municipal e foi supervisado por un responsable de Protección Civil de Pontevedra. O simulacro partiu do presuposto dun incendio nunha das aulas o que provocou o desaloxo inmediato do Centro e obrigou a rescatar a dous alumnos que non conseguiran saír. O resultado do simulacro serviu para comprobar o bo funcionamento do sistema,aínda que é necesario realizar pequenos axustes.

EXPOSICIÓN COLECTIVA 2009 BACHARELATO ARTES

A exposición colectiva do alumnado de Artes tivo lugar no Auditorio do 15 ao 30 de Abril. En anos anteriores a exposición era o resultado dos traballos de aula. Este ano, os alumnos e alumnas crearon especificamente dúas obras para a exposición que estaba composta por 72 cadros e 7 cartóns troquelados.

XXV CERTAME DE POESÍA MARÍA SOLIÑO

Na primavera do ano 1984 o noso Instituto convocou o I Certame de Poesía María Soliño. A partir dese momento sabemos que en moitos institutos de Galiza, moitos e moitas adolescentes esperaron, cada primavera, o anuncio desta convocatoria. E desde aquela ata hoxe, 15 de maio, no que convocamos o XXV Certame de Poesía María Soliño. Animádevos a participar e consultade as bases da convocatoria no seguinte enderezo.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Organizáronse diversos eventos para conmemorar o Día das Letras Galegas:

  • O venres 15, ao longo de toda a mañá, o alumnado participou nunha lectura continua: os de 4º da ESO e 1º de Bacharelato leron A esmorga de Blanco Amor; os de 1º, 2º e 3º da ESO Made in Galicia de Sechu Sende. Estas lecturas tiveron lugar na Biblioteca, Salón de actos e Ágora.
  • Inaugurouse na Ágora unha exposición sobre Literatura Universal en galego, "Unha ventá aberta ao mundo".
  • Iniciouse o concurso "Letras galegas 2009": alumnado, profesorado e persoal non docente teñen que adiviñar o autor dos textos que figuran dentro das letras que están no chan da Ágora anunciando a celebración. Haberá un sorteo de libros entre os gañadores.
  • O martes 26 os alumnos/as de 1º de bacharelato participan nunha charla-coloquio sobre a figura de Ramón Piñeiro impartida polo profesor de filosofía Xosé Manuel Castro. Na ágora realizouse a exposión dos paneis sobre a vida e obra do escritor homenaxeado.

CHARLA-COLOQUIO FONTES DE ENERXÍA

O 27 de abril alumnos/as do bacharelato de Ciencias de 1º e 2º de bacharelato asistiron a unha charla-coloquio sobre as distintas  fontes de enerxía tanto renovábeis como non renovábeis e os eu uso a nivel galego, estatal e europeo. Xirou arredor dos pros e contras da cada unha delas e a súa repercusión nun futuro inmediato. Organizada polo departamento de Ciencias Naturais, o alumnado amosou grande interese nesta actividade no segundo ano da súa programación.

PROGRAMA ENTREMAREAS

O 22 de abril o alumnado de 1º da ESO, acompañadas das respectivas tutoras, participaron no Programa Entremareas. Desprazáronse ata o Grove onde se embarcaron no catamarán de visión submarina para poder observar o fondo mariño. Achegáronse tamán a unha batea onde se lles explicou o proceso do cultivo do mexilón. Máis tarde foron ao AcquariumGalicia onde lles amosaron a fauna mariña. Puideron gozar da presenza dunha foca que estaba recuperándose. De seguido participaron nun obradoiro sobre aves e mamíferos mariños. Pola tarde fixeron un percorrido por Combarro onde comprobaron a convivencia do mundo mariñeiro co agrícola e a importancia na actualidade da actividade turística.

VISITA A MADRID

Do 21 ao 23 de abril alumnos/as de 2º de Artes (Fundamentos do Deseño) desprazáronse a Madrid co profesor Alberto Pena. Neses poucos días visitaron no Museo Nacional Centro de Arte "Reina Sofía" a colección permanente e os novos espazos proxectados por Jean Nouvel; no Museo do Prado a súa colección e os novos espazos diseñados por Rafael Moneo; a exposición "Dominique Perrault. Arquitecto" na fundación ICO e os edificios CAIXAFORUM, Invernadeiro de Atocha, Igrexa semiderrubada de Lavapiés convertida en biblioteca... Houbo tempo para recorrer as rúas madrileñas. A visita foi valorada moi positivamente polos alumnos/as e o profesor, recomendando a súa repetición en vindeiros cursos.

Distribuir contido