EMOCIÓN PARA O CAMBIO:
Un evento sobre o cambio climático tivo lugar no auditorio de Ribeira o día 13 de novembro de 2019, coa participación de alumnado de 3º, e 4º da ESO, así coma alumnado de 1º de Bacharelato. Realmente foi un acto grandioso de participación, de involucrarse, de emocións, de sentimentos, de concienciación.
Contamos ademais no escenario con unha grande violinista: Sara Michieletto. Unha artista de renome internacional, que conta con actuacións no teatro da Fenice en Venecia, así como na BBC de Londres.
Emoción para o cambio é ese cambio emocional que é preciso para arranxar o mundo, para a concienciación sobre que so hai un planeta que debemos preservar para as futuras xeracións, de que non existe planeta B, de que non ten límites nin recursos infinitos, de que o consumismo actual nos está levando o colapso da natureza, as especies animais e os recursos minerais.
Emoción para o cambio é o sentimento de preservación da natureza e das especies, porque de non sentir emoción, a próxima especie en extinción será a humana.
A humanidade tardou trinta séculos en coller impulso…; Quédanlle tan só trinta anos para frear a súa caída antes do abismo.
O CREPÚSCULO DA TERRA
Quizais se trate dun pensamento
acugulado con ideas vagas!
baralladas sen fundamento?
Non, non é un pensamento
o certo é, que a Terra remata.
Non quero só expresar un lamento,
tamén farei unha denuncia alporizada,
que o imparable percorrer do tempo
dará paso ás circunstancias;
axiña toparemos cos temibles feitos
que deixarán á Terra sen nada.
Miles de botafumeiros industriais
ofuscan con insolencia ceos e mares,
e algúns ata se atreven sen pesadume,
a fumaren con chemineas nucleares.
Vertidos radioactivos e ferruxentos
con fumes porcos, ademais de noxentos.
Acadaremos por deixar ós nosos herdeiros
un futuro nun vertedoiro xigante.
E non rematan aquí os únicos males,
tamén centos de árbores asasinamos.
Se permitimos que o pulmón sexa taxado,
eu me pregunto: ¿de que aire respiramos?
Aladino C. Barros Doporto