Skip to Content

365 DÍAS DO LIBRO

365 DÍAS DO LIBRO

Do 23 ao 26 de abril o Departamento de Lingua Castelá e Literatura do IES Leliadoura organizou a Semana do Libro con distintas actividades relacionadas coa lectura, pero tamén coa oralidade ou co teatro.

Coincidimos con Saramago en que:

Fai falla, moi en serio, unha campaña de fomento da lectura e un debate serio sobre como a escola está preparando ou non á cidadanía para a lectura e a comprensión”.

O autor pensaba que o sistema educativo non está cumprindo o seu cometido, que é o de formar homes e mulleres cun pensamento crítico, fundamento dunha verdadeira democracia.

Pola contra falaba de que “este sistema o que fai é propiciar a figura do “analfabeto funcional”, xente que é incapaz de usar o que aprendeu, que non exerce a función do alfabetizado. Todo isto pode ter consecuencias tremendas, incluso para a democracia”.

Como profesoras de Lingua Castelá e Literatura, estamos totalmente de acordo co autor e nesa liña pretendemos movernos.

Co lema “365 días do libro” queremos manifestar a necesidade de priorizar o fomento da lectura porque ela é a chave para o coñecemento e para formar o xuízo propio e libre, tan necesario nestes tempos confusos.

Interesar ao alumnado cara ao feito literario é o noso principal obxectivo.

Achegar os clásicos aos adolescentes pero tamén respectar os seus gustos e as súas motivacións persoais cara á lectura. Abrirlle novos camiños ao pensamento e a reflexión, tan necesarias nun mundo onde a imaxe o invade todo. “Hoxe o único que conta é a imaxe, e a imaxe pode dicir a verdade ou pode enganar” dicía tamén o Nobel.

Non chega un día para lembrar a importancia da lectura. A lectura crítica debe acompañarnos sempre. Esa é a mensaxe que intentamos transmitir e potenciar con esta semana cultural.

Procuramos que a implicación e a participación do alumnado fora clave no deseño desta semana do libro..

As actividades programadas son as seguintes:

Durante todos os recreos, o alumnado participa nunha actividade para traballar a lingua oral e a creatividade. Son as PELEXAS DE GALOS. Teñen moito éxito entre o noso alumnado e a nós parécenos moi interesante e motivador.

23 de abril:

Ambientación da Sala de Usos Múltiples, onde se realizou unha lectura continuada de “El Quijote de la Mancha”, a cargo de alumnado, profesorado, anpas e persoal non docente. Esta lectura foi gravada e fíxose durante toda a semana.

Proxectouse na mesma Sala da serie “El Quijote de la Mancha” dirixida por Manuel Gutiérrez Aragón.

Exposición de distintas edicións do clásico cervantino.

Exposición de viñetas do humorista gráfico Forges sobre "El Quijote" e a lectura en xeral.

 

 

 

24 de abril:

Charla na Biblioteca coa actriz Yelena Molina que achegou ao alumnado a súa experiencia con respecto ao traballo actoral. Falou tamén sobre un dos seus últimos traballos na montaxe de Valle-Inclán “A cabeza do dragón”, dirixida por Quico Cadaval.

Con motivo da conmemoración do día do libro, o Departamento de Lingua Castelá quixo  facer unha homenaxe á obra de Valle Inclán, en concreto á farsa A cabeza do dragón, montaxe feita por Quico Cadaval e a primeira en galego.

Para iso convidou á actriz de orixe cubana Yelena Molina, que a través da súa personaxe na obra, Brancaflor, achegou de xeito ameno o texto dramático ao alumnado.

Partindo dunha lectura  dramatizada, fíxose un reparto  de papeis entre voluntarios para representar fragmentos, sobre as que se foron traballando aspectos básicos das técnicas actorais, o movemento corporal, a xestualidade e a modulación  da voz.

Tamén houbo tempo para visualizar partes da serie O sabor das margaridas, a primeira en galego na plataforma Netfflix, na que ela tamén participa, e para facer un debate  con preguntas sobre a profesión de actriz, a formación, os proxectos e a traxectoria da actriz dun xeito ameno e divertido, no que as/os protagonistas foron sempre elas e eles.

25 de abril:

O grupo de igualdade do alumnado participou nun debate sobre feminismo e igualdade na Biblioteca do centro para o alumnado de 1º de Bacharelato. Este debate é o resultado dun proceso de traballo de todo o curso nas asignaturas de Lingua Castelá e Filosofía.

 

26 de abril:

Representación teatral en Usos Múltiples a cargo do alumnado de 1º de ESO.

O alumnado de 1B da ESO representou para o resto dos seus compañeiros e compañeiras do mesmo nivel  educativo dúas obras de microteatro, de carácter humorístico e crítica social a través das situacións cotiás máis absurdas: Un caso que resolver e O último brindis foron as obras que interpretaron. Nelas amosaron unha grande capacidade para aprender, interiorizar e representar as distintas personaxes nun prazo de preparación que foi breve e intenso. Grazas pola vosa colaboración.

 

 

 

Na Biblioteca e nas dúas últimas horas da mañá: FINAL DA PELEXA DE GALOS (para segundo ciclo de ESO e 1º de BACH). DEBATE FINAL DO GRUPO DE IGUALDADE DO ALUMNADO (para segundo ciclo de ESO e 1º de BACH).

Entrega de premios ao alumnado:

 

 



image | by Dr. Radut