Skip to Content

Aprendendo sobre feminismos con Maria Reimondez

A escritora Maria Reimondez veu o día 23 de xaneiro a impartir unha chala-taller sobre feminismos, actividade proposta dende o Grupo de Igualdade do IES Leliadoura.

Partindo dunha actividade práctica consistente na procura de información sobre determinadas activistas constatamos os múltiples ámbitos nos que desenvolve a súa actividade crítica, transformadora e revolucionaria o movemento feminista.

A partires do concepto de "feminismo colonial" Maria Reimondez dounos a coñecer e despregou as innovadoras prácticas e teorías dunha escolma de mulleres emblemáticas do feminismo contemporáneo.

Foi así que tomamos conciencia da sesgada visión dende o feminismo occidental doutros feminismos que se subtraen e invisibilizan dende aquel. Na actualidade do movemento feminista emana unha capacidade subversiva en todos os ordes da vida humana, e desenvolvese en múltiples facetas teóricas.

María Reimóndez naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. Como escritora o seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Ed. Positivas, 2002). No 2013 regresou á poesía coa publicación de tres poemarios: Presente continuo (Xerais, 2013), Moda Galega Reloaded (Ed. Positivas, 2013) e kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio, 2013). No ano 2017 recibiu o Premio Johán Carballeira de poesía por Galicia en bus (Xerais 2018). En 2017 unha selección de Presente continuo foi traducida ao támil co título Kallin Kadungkopam pola poeta Thamizachi Tangapadian.

Como narradora, no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Ed. Positivas, 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Xerais con O club da calceta (Xerais, 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano por Attilio Casteluci e o castelán por María José Vázquez Paz, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. A partir de aí publicou as novelas Pirata (Xerais, 2009) e En vías de extinción (Xerais, 2012), traducidas ao italiano por Attilio Casteluci e ao castelán pola autora respectivamente.

Aprendendo sobre feminismos con Maria Reimondez


image | by Dr. Radut