Homenaxeando a Rosalía...

Enviado por Anónimo o Mér, 06/03/2019 - 14:58

O alumnado de 3ºA, mediante un recital de poemas e textos da autora, e o alumnado de 4ºC, coa realización dun vídeo creado na aula Chroma, homenaxean á autora máis importante da nosa literatura galega e a autora romántica por excelencia.

Bueu, 25 de febreiro de 2019. Redacción.

Ademais dos textos lidos polas alumnas e alumnos de 3ºA, aproveitamos a xornada para reivindicar a figura de Rosalía lendo o manifesto que publicou Ana Romaní para a AELG e que vos reproducidos a continuación. Máis abaixo, engadimos o enlace ao vídeo protagonizado polo alumnado de 4º C.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019

*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.

*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento

*Manifesta o poema

o espolio                     dunha perenne miseria,

as violacións                a roupa de cote puñéronma en tiras,

a inxustiza social          sin abrigo tembra,

os desafiuzamentos      embargaránnos todo,

o abuso laboral            que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno

os éxodos                    en errantes hordas.

Do XIX ao XXI

*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada

*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais

raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero

vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño

Dun golpe!

                                – Manifesta acción o poema

*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.

*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.

*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen

*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.

Do XIX ao XXI

*Escrito en medio de todos-los desterros. Manifesta que sabe que non a escoitan

*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.

*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.

*Indóciles nos camiños desertos eses versos.

*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.

*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei

Ana Romaní

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#LibreOMeuPensamento_rdc_19

 

Alumnado participante na lectura pública:

Paula Fernández

Carla Moital

Antía Novas

Diana Ogando

Alejandro Pérez

Alba Porto

Sara Soliño

Sheila Verde

 

A seguir, amosamos o vídeo creado polo alumnado de 4º C na Aula Chroma do noso instituto en homenaxe á nosa grande autora: