Iniciamos a nosa investigación sobre o rico patrimonio de Bueu

O alumnado de 4º de ESO inicia un proxecto que ten como finalidade estudar o rico patrimonio da súa vila natal, Bueu, e que se completará coa edición dun mapa-guía que recolla todas as investigacións levadas a cabo.

Bueu, 20 de decembro de 2018. Redacción.

O alumnado de 4º de ESO aproveitou unha xornada de ceos parcialmente cubertos e sen chuvia para achegarse ao adro da igrexa de San Martiño e ao río Frade-Bispo, no que constitúe a primeira visita de moitas que se celebrarán ao longo deste curso 2018-2019. O obxectivo é procurar a edición dun mapa-guía con recursos do patrimonio de Bueu, tanto culturais e etnográficos, civís e relixiosos, coma naturais e medioambientais. Divididos en varios grupos de catro e cinco persoas, todos e todas as participantes tiveron que completar unha ficha facilitada polo profesor Anxo coa que lles pedía que reflexionasen e anotasen aqueles datos máis significativos dos elementos que estaban a visitar: estrutura da igrexa, situación con respecto ao centro da vila, elementos arquitectónicos salientables; no río, especies autóctonas e alóctonas, canalización do río, o lavadoiro do tramo final, etc. Ademais, aproveitamos a sinaléctica que o Concello de Bueu ten instalado en todo o percorrido para recoller datos de cara ás nosas investigacións.

O alumnado inicia o seu percorrido polo río Frade-Bispo observando os paneis interpretativos existentes.

Os diversos grupos van anotando todo aquilo que lles resulta interesante para o estudo.