Comezo do obradoiro EpDlab en 2º ESO.

 

 

Chegou o outono e, con el, arrinca a cuarta edición do Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento (EpDLab), un proxecto de innovación educativa deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso, financiado por Cooperación Galega. No mes de setembro tivemos a primeira xuntanza co profesorado participante e xunto a eles comezamos a definir o calendario de actividades e démoslles forma ás principais novidades desta edición.

Este mércores 31 de outubro no noso centro tivemos o primeiro obradoiro dirixido polo técnico de Agarexo, Roi Guitián.

Noraboa!!!

 

E é que unha parte fundamental do EpDLab son os centros educativos que participan nel. O IES O Milladoiro (Ames) e o IES Carlos Casares (Viana do Bolo) forman parte do proxecto dende a súa primeira edición, o IES Pintor Colmeiro (Silleda) sumouse na segunda, o IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa) na terceira e o IES Illa de Ons (Bueu) incorpórase este ano. Todos eles son parte deste traballo e dos seus resultados, grazas ás súas achegas e á súa implicación.

 

Neste sentido, non queremos esquecer tampouco o papel doutros centros que pasaron por aquí, como os IES A Cachada (Boiro), A Sangriña (A Guarda) e Johan Carballeira (Bueu) e profes como Ana, Javier ou Gisela. Do mesmo xeito, ao outro lado do océano, o Politécnico de Tecoluca ou a Escola da illa de Montecristo, en El Salvador, que facilitaron a participación de grupos de alumnas e alumnos que, a través das videocartas, enviaron e recibiron mensaxes para traballar o diálogo intercultural. E temos un recordo especial para o CPI Navia de Suarna, que foi o lugar que inspirou este proxecto e que foi o centro no que puidemos experimentar, xogar, deseñar e intercambiar experiencias ata chegar ao proxecto que xa coñecemos.

 

A nosa idea inicial foi traballar na reflexión sobre a desigualdade social dende unha perspectiva mediática. Queríamos coñecer a visión da rapazada galega tendo en conta a diversidade de contextos socio-económicos do país, e queríamos incluír a visión de aquelas poboacións máis afastadas dos centros urbanos, as comunidades pequenas que poucas veces son representadas nas narrativas maioritarias. A partir de metodoloxías de acción-investigación, desenvolvemos esta tarefa usando apps, ferramentas de creación dixital e contidos dos medios de comunicación; en paralelo, traballamos a alfabetización mediática, o pensamento crítico, a comunicación inclusiva e a creatividade, co obxectivo principal de formar á cidadanía do futuro na denuncia da desigualdade, na loita pola xustiza social e na participación activa.

 

Máis de 300 persoas pasaron xa polas distintas accións que componen este proxecto. Ademais dos 9 obradoiros (un ao mes) que se fan coa rapazada galega, o EpDLAB inclúe tamén unha formación dirixida ao profesorado e integrada na oferta do CAFI. Tamén publícase a Guía Didáctica, que pode ser consultada dende a web do proxecto e que conta con máis de 100 descargas. Cada ano, os grupos participantes elaboran un Mural Común de Coñecementos que se colga nas paredes dos seus centros para expoñer as súas conclusións e os seus traballos. E dende o pasado curso, celebramos tamén un encontro intercentros, baixo o formato de #Hackathon, onde alumnado e profesorado traballan na creación dun produto concreto (o curso 2017-18 elaborouse o DiversaKit, unha serie de recomendacións para coidar a diversidade en tres eidos: a escola, a comunidade e os medios).

 

 Se queredes seguir o noso día a día neste proxecto, botádelle un ollo á web e seguide as contas xestionadas polo alumnado participante. Son: @epdlabsilleda (Twitter e Instagram) | O Choupín Dixital (Facebook) @epdlabviana (Instagram) | @epdlabbueu (Twitter e Instagram) | @epdlabmilladoiro2 (Twitter e Instagram) | @epdlabvilagarcia (Twitter e Instagram)