12. ¿Boa ou mala sorte?

Era un home apracible, afectuoso e querido por todos. Levaba unha vida simple nun pobo, coidando do seu fillo, pois enviuvara anos atrás. Posuía un cabalo e, un día coma outro calquera, ó espertarse pola mañá e acudir á corte para darlle de comer ó animal, advertiu que escapara. A nova propagouse axiña por todo o lugar. Pola tarde, moitos veciños foron visitar ó home e dixéronlle:

- Dende logo, ¡que mala sorte  tiveches!. Só tiñas un cabalo e marchou.

- Quen sabe se é mala o boa sorte, respondía.

     Pasaron os días. Unha mañá, cando o home saía para comezar os seus labores, decatouse de que o cabalo volvera e que ademais fixérao na compañía doutro, brioso. Os veciños acudiron a visitalo e dixéronlle:

- ¡Que boa sorte a túa, que boa sorte! Agora resulta que tes dous cabalos.

- Quen sabe, se é boa ou mala sorte. Volveu a dicir como única resposta.

- Ó dispoñer agora de dous cabalos, el e o seu fillo podían saír xuntos a cabalgar, pero con tan mala fortuna que nunha ocasión o fillo caeu do cabalo e fracturou unha perna. Entón os veciños apresuráronse a visitar ó home e dixéronlle:

- Pero ¡que mala sorte! ¡Qué desgracia! Se non volvera acompañado por outro, agora o teu fillo non tería a perna rota.

- Quén sabe se é mala ou boa sorte –foi de novo a súa resposta.

Pasaron unhas semanas e estalou a guerra. Tódolos mozos do pobo foron alistados, excepto o que tiña a perna fracturada. De novo os veciños visitaron ó home, esta vez para dicirlle:

- ¡Que sorte tiveches!. Se o teu fillo non tivera a perna rota, tería sido alistado.

E o home ecuánime repuxo:

- Quen sabe se é boa ou mala sorte.