Skip to Content

Recompilatorio das actividades do EDLG do Faro das Lúas na 1ª avaliación. 2ª parte.

E como novidade con respecto a anos anteriores, desde o EDLG quixemos facer a nosa achega para a Semana da Ciencia organizada polos departamentos de Bioloxía e Física e química baixo o nome de Interciénciate. Coa colaboración do departamento de Tecnoloxía, elaboramos un vídeo que recolle ao tempo tres vídeos de divulgación de ciencia en galego, que se poden ver de maneira independente no seguinte enderezo:https://praza.gal/temas/concienciadas. Neles, Iria Veiga e Javier Balea fálannos de cousas tan interesantes como: A que cheiran os libros? Como se fai ciencia? Como funcionan as vacinas? Nas últimas semanas saíu un novo vídeo que xa podedes ver, este vai sobre o cambio climático. Aquí tendes algunha imaxe de como o noso alumnado aproveitou a proxección do vídeo que se elaborou.

Coincidindo ademais coa Semana da Ciencia e aproveitando a campaña para escoller Rosalía como nome dunha estrela, desde o equipo quixemos facer promoción para que a ninguén lle esquecese votar para que a nosa autora máis célebre tivese luz propia no ceo e, de feito, conseguiuse. Aquí tedes a imaxe que ilustra o cartel que estivo na entrada do instituto ata que finalizou o tempo para poder votar.

E para despedirmos a 1ª avaliación, quixemos reivindicar a figura do Nadal galego, o Apalpador; para isto, a carón da identificación do personaxe (do que tamén se falou nas aulas), o alumnado formuloulle unha serie de desexos para a normalización plena do noso idioma. Ademais, aproveitando o esqueleto do laboratorio e grazas á colaboración da rapazada que trouxo diferentes pezas de roupa, creamos o Apalpador do IES Faro das Lúas. Aquí deixamos algunha imaxe.

 

 

Por último, no derradeiro día de clase do ano 2019, visitaron o centro as contacontosCharo Pita e Patricia McGill. O EDLG xunto co Departamento de Lingua galega e literatura e Inglés, convidámolas para escoitarmos os seus contos bilingües (inglés/galego). O alumnado gozou moito coa súa actuación. Deixámosvos algunhas imaxes e podedes ver un pequeno vídeo aquí.

 

Recompilatorio das actividades do EDLG do Faro das Lúas na 1ª avaliación. 1ª parte.

Comezamos este curso dándolles continuidade a varias actividades que xa son tradición no percorrido do equipo de dinamización lingüística do noso centro. En primeiro lugar, como vai ser costume cada mes, expuxemos no noso taboleiro en outubro, novembro e decembro, as palabras do noso proxecto para a aprendizaxe de léxico: 8 meses, 8 causas para usarmos o galego. Este supón un traballo continuado por parte do alumnado, de tal maneira que, en cada aula, recóllese mensualmente unha serie de vocabulario en que habitualmente fallamos, principalmente pola influencia do castelán. Do conxunto de termos seleccionados, a rapazada vota pola palabra do seu grupo e todas son expostas no taboleiro do equipo acompañadas sempre cun debuxo que un alumno ou alumna de cada aula elabora de maneira voluntaria.

Aquí vos deixamos a selección dos meses desta primeira avaliación:

Outubro: Onda (e non *ola), augamar (e non *medusa), cativerio (e non *cautiverio), fregar (e non *frotar), almorzo (e non *desaiuno), Samaín (e non *halloween), lagostino (e non *langostino), cóxegas (*cosquillas), picadiscos (e non *DJ)

Novembro: Defunto (e non *difunto), lóstrego (e non *relámpago), salón de peiteado (e non *peluquería), espírito (e non *espíritu), cogomelos (e non *setas), dicionario (e non *dicionario), subliñar (e non *subraiar), sobremesa (e non *postre), floco (e non *flequillo)

Decembro: Monstro (e non *monstruo), cascada (e non *fervenza), padiola (e non *camilla), lavalouza (e non *lavavaixelas), lixivia (e non *lexía), cambadela (e non *zancadilla), macela (e non *manzanilla), candea (e non *vela).

Que tal se poñemos a proba os nosos coñecementos da lingua galega? Xogamos á ruleta?

Ademais, o noso taboleiro ten unha sección dedicada á información relevante sobre a lingua e cultura galega en xeral; da mesma maneira, botamos man del para ir publicitando aqueles concursos que levamos a cabo, e no mes de outubro convocamos o de relatos de terror pola festividade do Samaín. O primeiro e segundo premio recaeron nas alumnas de 2º da ESO B Sabela Romero e María Oubiña, respectivamente e o terceiro na alumna de 1º da ESO A, Maira González.

Bo Nadal!

Obradoiro de diversidade afectivo-sexual

Nestas pasadas semanas o alumnado do noso IES veu participando nun obradoiro de Diversidade afectivo-sexual organizado pola Concellería de Igualdade de Vilanova e impartido por Cecilia Cores, no cal se tratan aspectos tan cruciais para o desenvolvemento dos nosos adolescentes como a identidade de xénero, o feito sexual humano e as diversas manifestacións afectivas,así como as enfermidades de trasmisión sexual.

O día 9 de decembro estivo dirixido ao alumnado de 4º ESO e nesta semana os protagonistas foron os alumnos/as de 2º e 3º de ESO.

 

Traballando as emocións co EMOTEI

Actividade de cohesión no programa de titorización entre iguais. 

Como todos os meses, na última sesión de titoría, o alumnado-titor de 3º de ESO e o alumnado titorizado de 1º de ESO pasaron unha sesión moi divertida e dinámica co xogo de emocións “EMOTEI”, na cal puxeron a proba as súas aptitudes como cantantes, debuxantes, comunicadores e amosando moi boa actitude e participación grupal.

 

 

Reivindicando a igualdade con teatro: "El sí de las niñas"

Rematamos a semana contra a violencia de xénero cunha obra de teatro, El sí de las niñas de Leandro Fernández de Moratín. Nela reivindícanse os dereitos da muller a elixir e a decidir libremente. Dirixidos polo profesor de Lingua Castelá e Literatura Manuel Radío, Laura, Zaida, Lara, David e Santiago, de 4º ESO, fixeron as delicias de todo o alumnado coas súas interpretacións. Velaí un resumo da obra:

Distribuir contido


by Dr. Radut