Rueda anuncia a dotación de Polos creativos no 100 % dos centros educativos a partir do vindeiro curso
Salienta que a ampliación destes espazos tecnolóxicos en todos os centros públicos e concertados que imparten 2º ciclo de infantil, primaria e ESO consolida que o sistema educativo galego está “á vangarda” no uso e aprendizaxe das novas tecnoloxías
Instalaranse máis de 1.000 novos polos, que se suman aos 225 que xa funcionan desde o presente curso
Esta acción, enmarcada na Estratexia Galega de Educación Dixital, supón un investimento de 19 M€
Despregaranse máis de 80.000 elementos de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática, todos eles adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos
Ciencia, tecnoloxía e creatividade combínanse nestes espazos de innovación onde o alumnado pode desenvolver proxectos en grupo mediante a experimentación, abordar problemas reais e realizar fabricación a pequena escala
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a partir do próximo curso estenderase a dotación de Polos creativos a todos os colexios e institutos sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas regradas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria.
Deste xeito, salientou que “o cen por cen” dos colexios e institutos públicos e concertados galegos van dispoñer destes espazos tecnolóxicos nos que as e os rapaces traballan compentencias en ciencia, tencoloxía, enxeñería e matemáticas e que se estrearon por primeira vez no presente curso escolar.
O mandatario galego valorou a estensión dos Polos creativos xa que supón consolidar o sistema educativo galego “á vangarda” no uso e aprendizaxe da novas tecnoloxías. Así pois, máis de 1.200 centros educativos contarán con este servizo. Para iso, segundo concretou, a xunta investirá 19 millóns, tal e como se recolle no informe elevado hoxe ao Consello da Xunta.
Os beneficiarios serán arredor de 1.000 novos centros, que se sumarán aos 225 polos xa implantados este ano (218 en colexios e outros 7 nos centros de formación e recursos nas catro provincias). A maiores, tamén disporán do material todas as aulas hospitalarias e haberá kits específicos para a atención domiciliaria.
Rueda avanzou que, en total, se despregarán máis de 80.000 unidades de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática, con kits adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos. Haberá kits de electrónica básicos e avanzados para diferentes idades, robots de chan e programables, placas microbit, microcontroladores, sistemas domóticos, circuítos de papel, escaneado e impresión 3D, tabletas, xogos de construción de pezas encaixables e sistemas para a creación de audiovisuais, entre outros. O presidente da Xunta precisou que o importe total destas máis de 80.000 unidades acada os 13 millóns de euros aos que se suman outros 6 millons específicos para accións de formación, apoio e acompañamento ao profesorado en materia STEM.
Isto inclúe a posta á disposición dos centros de recursos software baseados en procesos de intelixencia artificial, como o procesamento de linguaxe natural, a visión artificial, a xeración de imaxes ou música ou o marchine learning.
Rueda salientou o feito de que esta iniciativa tamén se adaptará para os nenos e nenas que, por enfermidade, reciben a educación no hospital ou na casa.
Galicia, polo de innovación educativa
Os Polos creativos están deseñados como lugares de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades.
Teñen un deseño modular e innovador e contan con equipamento especializado e organizados didacticamente para fomentar a creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. As actividades que se desenvolven neles abordan aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.
O obxectivo desta novidosa acción, que comezou neste curso coa implantación de 225 Polos creativos e un investimento de 8 millóns de euros, e que agora se completa para todos os centros, é o de avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras que contribúan a consolidar Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público. A acción enmárcase na folla de ruta da Estratexia galega de educación dixital e do Plan de nova arquitectura pedagóxica.