Skip to Content

Actividades e recursos

CONCURSO FOTOGRÁFICO "VISIBLES E DIVERS@S"

 

 BASES DO CONCURSO FOTOGRÁFICO “VISIBLES E DIVERS@S”

 

Realiza unha ou máis fotografías e participa no CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “VISIBLES E DIVERS@S”. Para participar é requisito ser alumno/a do IES de Poio.

 

Envíanos fotografías sobre un feito, situación ou circunstancia que consiga expresar con especial sensibilidade e habilidade as diferentes maneiras de visibilización LGTB+.

 

Requisitos das imaxes: Deben ser orixinais, poden estar en branco e negro ou a cor e a técnica e formato será libre.

Presentación das imaxes e prazo:

O prazo para presentar imaxes rematará o luns 3 de maio ás 23.59h.

A imaxe ou imaxes deben enviarse como adxunto en .jpg, .jpeg ou .png ao correo: sementes.liberdade@gmail.com

No corpo do correo deben indicarse o nome e apelidos, o curso e grupo e un título en galego para a imaxe.

Cada persoa poderá participar cun máximo de tres fotografías distintas. 

Premio:

Todas as fotos recibidas serán publicadas no noso perfil de Instagram (@sementesdeliberdade) sen autoría para que poidan ser votadas dándolle a gústame antes do fallo final do xurado e, despois, formarán parte dunha exposición no centro.

A foto gañadora será seleccionada por un xurado composto por:

- Dúas alumnas de Sementes de liberdade, asamblea feminista-LGTB do IES de Poio

- Unha persoa representante da Comisión de Igualdade do profesorado

- Silvia Díaz, concelleira de Igualdade do Concello de Poio

- Paula Andrés, fotógrafa profesional

 

O xurado terá en conta:

- A calidade técnica e compositiva

- A orixinalidade e idoneidade do enfoque da diversidade sexual

- A acollida da fotografía no Instagram @sementesdeliberdade (aínda que se terá en conta, valoraranse máis as anteriores cuestións)

 

A persoa gañadora recibirá como premio unha cámara instantánea (Fujifilm Instax Mini 11). A entrega do premio realizarase o 18 de maio.

ORIENTACIÓN ACADÉMICA SEN NESGO DE XÉNERO

O Departamento de Orientación pon a disposición do alumnado e das familias os seguintes recursos para unha orientación académica sen nesgo de xénero.

Orienta STEAM e xénero

OBRADOIRO: "IMPROVISANDO POLA VIDA. FERRAMENTAS DE RESPOSTA"

Os dous últimos días do trimestre, tivemos o pracer de contar con High Paw e A Rabela. Achegáronse ao centro para desenvolver o obradoiro “Improvisando pola vida. Ferramentas de resposta” con alumnado de 4º ESO e 1º BACH.

O alumnado aprendeu como se produce a música electrónica e como empregar a improvisación como unha ferramenta de resposta ante agresións e situacións incómodas. 

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES, NO IES DE POIO

A Asemblea Feminista-LGTB do alumnado, que se constituíu a comezos deste segundo trimestre, organizou o acto principal con motivo do Día Internacional das Mulleres, no que alumnas integrantes da asemblea leron textos propios que amosaban a desigualdade de xénero e no que tamén se interpretou a canción “O que é noso”.

Neste vídeo podedes ver un resumo da actividade que se desenvolveu nos recreos. Tamén podedes atopar os textos no documento adxunto.

Ademais, o alumnado de 1º BACH de Literatura Universal estreou a súa proposta escénica "8 marzo. 8 mulleres pioneiras na historia e na literatura". O alumnado de 2º ESO e 1º BACH está participando nas representacións que se están a desenvolver no Salón de Actos ao longo do mes de marzo.

O QUE É NOSO - O 8M NO IES DE POIO

Con motivo da celebración do 8M no noso instituto, dende a Asamblea feminista-LGTB estamos organizando a interpretación grupal dunha canción feminista. A idea é cantala o propio día 8 de marzo nalgún dos recreos, pero, de ser a asistencia insuficiente, interpretaríase o martes 9. A letra, que podedes atopar tanto no documento adxunto como no perfil de Instagram da asamblea, é unha tradución do tema “Lo que es nuestro” de Natalia e Lucía Gil (podedes atopar a base musical aquí).

 

Se estades interesadas en participar, achegádevos ao ximnasio (se é posible, coa letra impresa) este xoves e a semana que vén nos recreos, independentemente de que asistades habitualmente ás reunións da asamblea ou non. 

 

Animádevos! Cantas máis sexamos, máis alto e forte se escoitarán as nosas voces!

11F, DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA

 

Para reivindicar a presenza das mulleres nos ámbitos científicos, o alumnado de 4º ESO e 1º BACH estivo elaborando materiais.

Grupos de 4º ESO e 1º BACH, na materia de Física e Química, entrevistaron a mulleres vinculadas profesionalmente a diferentes ámbitos científicos e presentaron o resumo desas entrevistas nas infografías que expuxeron no vestíbulo do 1º andar e das que deixamos unha mostra nos adxuntos desta entrada.

O alumnado de Matemáticas de 4º ESO B revisou os datos de matrícula de Bioloxía e Debuxo Técnico en 1º de Bacharelato e de Bioloxía e Física en 2º de Bacharelato para analizar se había diferenzas por xénero. Os datos deixan ver que hai maior matrícula de rapazas en Bioloxía e maior matrícula de rapaces en D. Técnico e Física. Isto non é casual, xa que na escolla formativa aínda están presentes moitos estereotipos. A rama sociosanitaria está máis feminizada, porque está vinculada cos coidados, asociados historicamente ás mulleres. Por outra banda, en Física e Debuxo Técnico, materias vinculadas ás profesións máis técnicas, é maior o número de alumnos, porque estas destrezas se socializan máis nos rapaces e tamén hai moitas menos referentes mulleres neste ámbito. Podedes ver a análise no documento adxunto.

Temos claro que para que as mulleres teñan moita máis presenza nos diferentes ámbitos científicos, é necesario fomentar unha formación libre de estereotipos

CRÉASE UNHA ASEMBLEA FEMINISTA-LGTB DO ALUMNADO

Este espazo nace co obxectivo de acoller o alumnado con interese en desenvolver actividades e iniciativas a prol da igualdade e da diversidade de xénero. O xoves 28 de xaneiro tivo lugar a presentación da asemblea. A partir de agora, as xuntanzas realizaranse os xoves nos recreos.

NOTRE MINUIT À PARIS

Tania, Andrea, Sara, Sandra e Uxía, alumnas de francés 2LE de 2º BACH, xunto coa súa profesora Mercedes comparten a súa iniciativa Notre minuit à Paris, "unha historia de mulleres, escrita por mulleres, para amosarvos as incribles e descoñecidas vidas que a historia invisibilizou". Con ela, pretenden dar a coñecer algunhas das mulleres francesas que foron invisibilizadas na historia a pesar das súas  grandes achegas.

Podedes coñecer máis este proxecto no seu Instagram e no seu blog

POR UN NADAL CHEO DE XOGUETES NON SEXISTAS E NON VIOLENTOS

O alumnado de Coeducación de 1º de Bacharelato, despois de facer unha análise dos catálogos de xoguetes e do sexismo presente nos xogos de nenos e nenas, propuxo unha serie de indicacións para agasallar xoguetes non sexistas e non violentos este Nadal. Podedes velas na imaxe.

Distribuir contido


by Dr. Radut