Skip to Content

“Temos química coa nosa lingua”, o IES de Carral le o seu manifesto gañador do Correlingua en Lugo.

 

Os alumnos do IES de Carral len o manifesto gañador do Correlingua en Lugo.

 

“Temos química coa nosa lingua' titulámolo”, relata a Sermos Galiza o profesor de lingua Anxo Gómez, “e aproveitamos o 150 aniversario da táboa periódica para relacionar os símbolos químicos co gran símbolo do noso país, que é a lingua”. Unha representación do alumnado do instituto de Carral leu o documento en Lugo e volverao facer na festa final, o 16 de maio en Pontevedra. Antes haberá carreiras en Compostela, Ribadeo, Ponteareas, Lugo, Narón, A Estrada, Monforte de Lemos, Vigo e Ourense.

 

“É unha iniciativa moi interesante”, considera Anxo Gómez, vencellado á mesma practicamente desde os inicios, “e serve para que a rapazada reflexione sobre o uso da lingua todo o ano”. Porque o Correlingua dura todo o curso. Empeza no primeiro trimestre coa convocatoria dos certames “para crear os seus propios argumentos para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego” e finaliza no terceiro trimestre coas carreiras.

No IES de Carral en que Gómez imparte clase, o sistema de participación no Correlingua foi mudando. Ás primeiras edicións asistía todo o estudantado. “Mais non acaba de funcionar. Desde hai seis ou sete anos decidimos que acudisen por méritos, a partir de concursos dos equipos de normalización lingüística. É mellor, percíbeno como positivo porque é un premio”, opina. Que desemboca na carreira última, unha xornada de música de bandas galegas e xogos que axudan a tomar conciencia da situación lingüística. “En Carral, como en calquera lugar do país, o alumnado está cada vez máis castelanizado”, lamenta.

Fonte: Sermos Galiza (05/04/2019)



book | by Dr. Radut