A nosa Biblioteca

A Biblioteca do noso IES leva o nome dun gran poeta e ensaísta ourensán, Jose Ángel Valente. É un lugar de encontro, vivo, dinámico, aberto á comunidade. Levar adiante o traballo dinamizador é grazas ao empeño persoal e a colaboración de moita xente: alumnos, profesores, pais, que non traballan día a día na Biblioteca pero que fan da mesma un lugar mellor.

Contamos cun espazo de 85 m2 composto por 69 andeis de 2 m.x40 cms. e catro andeis de 50x60 cms., 8 mesas con seis cadeiras cada unha, dúas mesas para a xestión con ordenador e impresora, un expositor lixeiro para revistas e prensa e dúas butacas para crear un recuncho de lectura informal,  6 equipos informáticos que permiten facer traballos de investigación de aula, formación de usuarios e tratamento de información na biblioteca, andeis cun fondo de 30 cms. para  os fondos nos novos formatos (DVD, CD, programas informáticos, CD-ROM ....), canón e pantalla para proxección de audiovisuais e unha impresora para a realización de traballos do alumnado.

            Dispoñemos de máis de 8000 volumes aproximadamente, dos cales o 70% corresponden a literatura (ficción, xuvenil e clásicos) e o 30% a obras informativas. Nestes últimos cursos vaise facendo o expurgo segundo se completa a catalogación dos fondos a través do Programa Meiga. Ademais ampliouse considerablemente a sección de cómic e banda deseñada e creouse a sección de audiovisuais.