Skip to Content

Agregador de novas

Corte de servizo nas aplicacións informáticas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Novas eduxunta - Mér, 2024-09-04 13:13
Idioma Gallego

Coa finalidade de realizar tarefas de mantemento en diversos sistemas informáticas, o xoves 5 de setembro ás 15:00h e por un tempo estimado de 6 horas poderá haber algún corte puntual nas aplicacións informáticas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O corte non afectará aos portais educativos, correo, webs de centros ou EVA. 

Os equipos da Xerencia de Proxectos de Educación e da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) son conscientes de que este corte xerará trastornos polo que agradecen de antemán a súa comprensión e colaboración.

Tema: 

Información xeral Alertas e avisos
Categorías: Novas

Román Rodríguez dá a benvida a unha nova xeración de mestras e mestres nun curso escolar que comezará o vindeiro día 11 cun total de 307.854 estudantes

Novas eduxunta - Mér, 2024-09-04 13:06

Summary: 

O conselleiro inaugura as xornadas de recepción para 1.256 novos profesores que se incorporarán ás aulas logo de aprobar as oposicións deste verán

No primeiro día de formación, participan 474 docentes de Infantil e Primaria, mentres que mañá acudirán os 782 de Secundaria, FP e escolas oficiais de idiomas

Este curso incorpóranse os primeiros profesores nados a partir do ano 2000, un centenar de mozos e mozas que se suman ao reto de modernizar o ensino

A Xunta leva renovado máis da metade do cadro de profesorado galego desde 2009, un período no que se convocaron 18.500 prazas nas oposicións

A Consellería abre hoxe a convocatoria de docentes de apoio do programa PROA+ dentro do paquete de Plan MEGA de mellora educativa de Galicia

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida a unha nova xeración de mestras e mestres que se incorporan este curso ás aulas galegas. Fíxoo durante a xornada de recepción para o profesorado que superou este verán o proceso de oposicións.

O titular de Educación, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, destacou a importancia de sumar estes 1.256 novos docentes no ensino galego dado que son “a pedra angular do noso sistema educativo”. Ademais, Román Rodríguez recordou que o modelo galego se ten consolidado “como un verdadeiro referente, non só a nivel nacional, senón tamén fóra de España”, e animou ao profesorado a “avanzar na construción da educación do futuro, cun modelo máis plural, conectado e eficaz, que promova a personalización do ensino para asegurar a inclusión educativa plena do alumnado, e que aposte polas competencias clave e pola formación STEM”.

O titular de Educación quixo dar unha especial benvida “á primeira promoción que conta con docentes nados xa no propio século XXI”. En concreto, por primeira vez este curso impartirán clase un centenar de profesionais nados nos anos 2000 e 2001 que lograron praza nas últimas oposicións e que contribuirán a este proceso de modernización do ensino que se inicia agora. Estas novas prazas, lembrou o conselleiro, reafirman o compromiso da Xunta coa mellora continúa do profesorado. De feito, desde o ano 2009 téñense impulsado diversas ofertas de emprego público para 18.500 docentes.

Reparto das prazas por corpos docentes

As 1.256 novas prazas distribúense entre catro corpos docentes: 690 para profesores de ensino secundario, 474 para mestres, 67 para profesores especialistas en sectores singulares de Formación Profesional e outros 25 para escolas oficiais de idiomas.

Especialidade

Prazas

Ensino Secundaria

690

Mestres

474

Especialistas en sectores singulares da FP

67

Escola Oficial de Idiomas

25

 

Charla-coloquio de apertura

Durante a xornada de benvida, Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, pronunciou a conferencia inaugural centrada nos retos e oportunidades do ensino actual, onde se abordaron temas como a innovación pedagóxica e a inclusión educativa. A continuación, o secretario xeral técnico e os directores xerais da Consellería expuxeron as liñas de traballo dos seus departamentos.

A xornada formativa complétase cunha charla-coloquio na que participan Rafael Sánchez-Agustino, do Colexio CEIP A Lama; Ana María Pérez, do Colexio CPI Plurilingüe de Castroverde; Israel Fernández Carreño, do Colexio CEIP Plurilingüe Bragade (Oza-Cesuras), e María Esther Fernández, do Colexio CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo.

Máis de 1.200 centros

O curso escolar comeza o vindeiro 11 de setembro para 307.854 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, en 1.243 centros de toda Galicia que imparten esas etapas, o que supón un descenso de 3.289 alumnos respecto do ano académico 2023/24:

Etapa

Centros públicos, concertados e privados

 

 

Curso 2023-2024

Curso 2024-2025

Diferenza

Educación Infantil

50.129

48.467

-1.662

Educación Primaria

128.899

126.531

-2.368

Educación Especial

1.296

1.359

+63

ESO

98.018

97.680

-338

Bacharelato ordinario

32.801

33.817

+1.016

TOTAL

311.143

307.854

-3.289

 

Precisamente, hoxe a Xunta de Galicia distribúe os datos de matrícula por concellos nas diferentes etapas, que mostra a enorme dispersión do sistema educativo galego polo territorio, de acordo coa estrutura da súa poboación e das dinámicas demográficas.

En concreto, contan con instalacións educativas en funcionamento 92 concellos da provincia da Coruña, cun total de 131.474 alumnos; 65 da de Lugo, con 32.392 estudantes; 68 da de Ourense, con 29.634 estudantes, e 61 da de Pontevedra, con 114.354 escolares.

Máis aulas e profesores para menos alumnos

Malia a que o descenso de matrícula se produce na súa meirande parte nas etapas de Infantil e Primaria, cunha caída de máis de 4.000 alumnos, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar.

Isto é posible grazas á redución da rateo de alumnos por aula incluída no acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais que se inicia este curso. En concreto, permite manter abertas 204 aulas que, coas anteriores rateos, pecharían por falta de estudantes. A estimación é que, ao longo dos tres próximos cursos, esta cifra de aulas escale ata un total de 900 preservadas.

Ademais, ao abeiro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia vaise dotar os centros educativos dun reforzo de 400 docentes para personalizar o apoio e prestar a mellor atención á diversidade. De feito, a Consellería abre hoxe a convocatoria de docentes de apoio do programa PROA+, un dos seis que conforman esta ampla estratexia de mellora educativa dotada con máis de 77M€.

Matrícula aberta na Formación Profesional

Aínda é posible matricularse nos ciclos de FP que contan con prazas dispoñibles. O alumnado que tivo praza na adxudicación do 2 de setembro poderá matricularse ata o día 5 deste mes. Unha vez concluída esta terceira fase, haberá unha adxudicación continuada por chamamentos individualizados, que se estenderá entre o 11 e o 27 de setembro.

No caso dos ciclos con prazas dispoñibles e sen listaxe de agarda, a matrícula pode formalizarse xa en calquera momento nos centros educativos correspondentes, dado que non entran na terceira adxudicación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas

Román Rodríguez destaca o Plan MEGA como “un paso de xigante cara a educación do futuro” no curso con máis iniciativas novas de personalización e apoio

Novas eduxunta - Mar, 2024-09-03 12:23

Summary: 

“Este é o curso máis ambicioso no que atinxe á batería de medidas de mellora do sistema educativo galego”, salienta

A iniciativa supón dotar aos centros de 400 docentes adicionais, que comezarán a chegar aos centros desde o primeiro día do curso

Baséase nunha análise exhaustiva do sistema educativo e busca consolidar o ensino galego como o máis inclusivo e equitativo

A Consellería asesorará aos centros para elaborar os proxectos de mellora que lles permitan avanzar nos seus resultados e porá á súa disposición unha guía específica

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia á comunidade escolar, unha iniciativa que destacou como “un paso de xigante cara a educación do futuro, cunha maior atención personalizada ao alumno, e vencellando a calidade propia do ensino coa igualdade de oportunidades”. Fíxoo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, que detallou algunhas das accións que se van desenvolver ao seu abeiro e os resultados da diagnose do sistema educativo nos que se basea a iniciativa.

O titular do departamento educativo da Xunta salientou o curso 2024/25 como o de “transformación e consolidación definitiva do sistema educativo galego”, o curso máis ambicioso da historia no que atinxe á batería de medidas para o reforzo, personalización e apoio ao ensino, en base ás necesidades particulares de cada alumno. Isto será posible grazas á dotación de 400 profesores adicionais nas aulas galegas, un reforzo que se comezará a notar xa desde o primeiro día de curso, tal e como explicou o conselleiro.

Os obxectivos deste plan, dotado con máis de 77M€ para os próximos catro cursos, son incrementar o nivel de competencias dos alumnos, personalizar o apoio educativo, mellorar a atención ás necesidades específicas, avanzar cara un ensino máis inclusivo e fortalecer a formación dos docentes.

En definitiva, o Plan MEGA nace para consolidar o sistema educativo galego como o máis inclusivo, líder en equidade e igualdade de oportunidades, tal e como indica o informe PISA. Ao mesmo tempo, traballarase no impulso do desenvolvemento do alumnado galego e os bos resultados académicos dos estudantes galegos.

“O vindeiro 11 de setembro comeza un curso chamado a marcar un antes e un despois no noso modelo educativo para responder aos retos actuais e queremos facelo da man de todos os axentes que o integran”, afirmou o conselleiro, recalcando que o Plan MEGA, sumado ao  acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais, supoñen os motores para a maior modernización do sistema educativo dos últimos 30 anos.

Análise exhaustiva do sistema

O Plan MEGA estrutúrase arredor de seis programas distintos, que se porán en marcha ao longo do primeiro trimestre do curso escolar. Catro deles son iniciativas novas, en concreto o programa Promociona e os de reforzo da competencia lectora, reforzo da competencia matemática e apoio educativo para o alumnado estranxeiro. Outros dous son iniciativas xa existentes, pero reformuladas e actualizadas para dar resposta ás necesidades actuais. Trátase do programa PROA+ (Reforzo, orientación e apoio) e do de impulso de centros referentes.

Os seis programas están baseados nunha análise exhaustiva do sistema educativo. Neste sentido, o programa Promociona parte da decisión pioneira da Xunta de Galicia, ao abeiro do acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais, de ponderar o alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta.

Co obxectivo de que o sistema educativo galego continúe a ser o máis inclusivo de España, e tras avaliar durante o verán as necesidades e o profesorado, vaise dotar aos centros que concentren este alumnado de profesorado adicional para atender as necesidades específicas de atención educativa. Estes docentes estarán xa nos centros o primeiro día de curso, o vindeiro 11 de setembro.

Diagnose de cada centro

Ademais da devandita análise de matriculación e dotación docente, a Consellería conta xa cos resultados da avaliación de diagnose realizada o pasado mes de abril entre o alumnado de 4º de Primaria e 2º de ESO,  coa participación de 19.061 alumnos de Primaria de 809 centros e 21.615 estudantes de ESO de 476 centros. En base aos resultados desta avaliación deseñáronse os programa PROA+ e de reforzo das competencias lectora e matemática.

O conselleiro anunciou que mañá se publicará a convocatoria do PROA+ reformulada e actualizada, dirixida aos centros con maior porcentaxe de alumnado vulnerable por cuestións socio-educativas, para reforzar a equidade e a igualdade de oportunidades. O obxectivo é que máis especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, cuxa presenza nos colexios se reforza a través deste programa, estean traballando nas aulas no mes de outubro. 

Cada centro recibiu xa un informe individualizado sobre os resultados da avaliación de diagnose, que lle permite analizar as súas fortalezas e debilidades para así poder facer unha reflexión sobre as necesidades de reforzo. Para iso o informe establece seis niveis de desempeño competencial: que sabe facer o alumnado, con que solvencia, en que aspectos curriculares ten máis debilidades e cales están máis afianzados. Entre outra información, cada centro pode obter a puntuación media do alumnado de cada grupo, se o rendemento do alumnado do centro é mellor, inferior ou comparable co rendemento do alumnado doutros centros educativos de características similares ou a información sobre cada unha das competencias desagregadas por destrezas (por exemplo na competencia lingüística detállase a comprensión oral, a comprensión escrita e a expresión escrita).

A partir dese informe individualizado, os centros de Primaria e ESO deberán elaborar un plan de mellora para o que contarán co asesoramento e apoio da Consellería de Educación. Ademais, o departamento educativo da Xunta elaborará unha guía para o deseño dos plans de mellora, que porá a disposición dos centros.

Fortalecemento de áreas clave

Tamén conforme aos resultados da avaliación de diagnose, a Xunta decidiu impulsar o fortalecemento da competencia nas áreas clave, entre elas a comprensión lectora do alumnado galego, cun amplo abano de actividades que terán como eixe vertebrador a biblioteca escolar.

Partirase dunha auto-avaliación de cada centro e, entre outras medidas, proporase unha acción integral de formación docente para persoas coordinadoras dos plans de lectura dos centros e profesorado en xeral nas metodoloxías do proceso de lecto-escritura e estratexias para a aprendizaxe competencial da lectura, entendida como alfabetización múltiple, en diferentes soportes.

Ademais, buscarase establecer sinerxías con diferentes programas de innovación educativa e facilitaranse guías e recursos varios tanto para a elaboración dos plans de lectura como para a planificación e organización das distintas dinámicas de lectura e mediación lectora no contexto da aula. A maiores, promoverase a difusión das boas prácticas de centros referentes neste eido.

Pola súa banda, o programa de reforzo da competencia matemática ten como finalidade mellorar os resultados do alumnado nesta área, apoiando o proceso de aprendizaxe e adaptándoo ao xeito de aprender de cada un. Impulsarase a aprendizaxe competencial das matemáticas, identificaranse e difundiranse as boas prácticas ao respecto e poranse a disposición dos centros os recursos educativos axeitados para este fin. 

Adiantarse a un novo reto

Galicia é a segunda comunidade con menor porcentaxe de alumnado estranxeiro pero tamén aquela na que máis medran estes escolares. A Xunta de Galicia decidiu adiantarse a este novo reto co deseño dun programa específico galego de apoio educativo para o alumnado estranxeiro.

Ao seu redor organizaranse todas as intervencións educativas necesarias para o desenvolvemento académico persoal, cultural e social destes estudantes desde unha participación activa na vida escolar. O obxectivo é que o sistema educativo galego continúe a ser líder en igualdade de oportunidades e en tolerancia e respecto a outras culturas, como puxo de manifesto o informe PISA. 

Cultivar o bo exemplo

O sexto programa, para o impulso de centros referentes, reformula e actualizada o plantexamento dos antigos contratos-programa e ten como finalidade promover as boas prácticas educativas, de tal xeito que os centros que desenvolvan iniciativas ao seu abeiro se convertan en exemplos en materia de inclusión, sostibilidade, benestar emocional ou convivencia, entre moitos outros aspectos, na comunidade educativa galega.

Esta iniciativa recolle a testemuña dos contratos-programa e dálle un novo enfoque, co obxectivo de impulsar o nacemento dunha rede de centros referentes que compartan os seus proxectos inspiradores co resto dos colexios e institutos. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas

A Xunta apoia o desenvolvemento da actividade investigadora do IGFAE con 3M€ ata 2027

Novas eduxunta - Mar, 2024-09-03 12:23

Summary: 

Con esta achega, a Consellería de Ciencia e Universidades facilita a estabilidade económica dos proxectos do centro, onde traballan actualmente 101 investigadores

O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación coñecen o traballo do centro de primeira man tras a súa renovación da acreditación de excelencia da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia

Tamén recibirá este xoves a acreditación María de Maeztu tras acadala o pasado 2023, sendo o único centro galego que logra esta distinción

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para coñecer os seus proxectos e saudar os seus investigadores tras renovar a acreditación de excelencia que concede a Xunta na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia.

Deste xeito, a Xunta de Galicia apoiará o desenvolvemento da súa actividade con case 3M€ ata o ano 2027, favorecendo a estabilidade económica dos seus proxectos. Así mesmo, as obras de construción da nova sede do IGFAE, comezadas en 2021 e que contan cun investimento global de 4,8M€ a cargo do Goberno galego, permitirán que dea un novo salto cualitativo. Ademais, contará cun financiamento de case 200.000 euros para realizar medidas complementarias como o apoio ás actividades do 25º aniversario e o acondicionamento de laboratorios, mobilidade e ampliación do sistema de servidores para a nova sede.

Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no marco das visitas conxuntas que están realizando aos centros de investigación e tecnolóxicos, coñeceron de primeira man o traballo do IGFAE, un centro de titularidade compartida entre a Xunta e a Universidade de Santiago. Este centro de excelencia, nado en 1999, converteuse nun centro de renome internacional na física de alta enerxía, astropartículas e nuclear cun forte impacto rexional.

Acreditacións de excelencia

Tal é o seu prestixio que é o único centro galego que conseguiu a acreditación María de Maeztu, galardón que recibirá este xoves. Este logro, xunto coa acreditación de excelencia no 2019, dota ao IGFAE dunha perspectiva de estabilidade a longo prazo imprescindible para posta en marcha da súa ambiciosa estratexia.

Os datos avalan a súa traxectoria, con 101 investigadores e tres profesionais beneficiados das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC). O Instituto da USC tamén contou con tres investigadores beneficiados das becas Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA) no período 2020-2023. Neses mesmos anos tamén logrou captar 14,4M€ de proxectos competitivos e lanzar 624 publicacións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas

Resolución do 30 de agosto de 2024, coas listaxes coas puntuacións definitivas das persoas admitidas, excluídas, adxudicatarias nas prazas de residencia dos Centros Residenciais Docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso 2024/25

Novas eduxunta - Mar, 2024-09-03 09:54
Idioma Gallego

Resolución do 30 de agosto de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se publica a listaxe coas puntuacións definitivas das persoas admitidas, excluídas, adxudicatarias e, de ser o caso, suplentes, de acordo co previsto no artigo 33 da Orde do 20 de maio de 2024 pola que se convocan prazas de residencia nos Centros Residenciais Docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso 2024/25 (DOG núm. 119, do 20 de xuño).

As persoas solicitantes poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución na páxina web da consellería competente en materia de educación e nos taboleiros de anuncios e/ou páxinas web dos centros residenciais.

Prazo para interpoñer recurso de alzada: 1 mes (entre os días 4 de setembro e 3 de outubro de 2024), ante o conselleiro de Cultura, Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

 

Anuncio principal: 

Convocadas prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2024/25 (código de procedemento ED306A)

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Centros

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros
Categorías: Novas

Rueda anuncia que a Xunta reforzará os centros con 400 docentes adicionais para mellorar o éxito escolar, a inclusión e o desenvolvemento integral do alumnado

Novas eduxunta - Lun, 2024-09-02 18:30

Summary: 

Enmárcase no novo Plan MEGA de mellora educativa para incrementar o nivel de competencias clave do alumnado e personalizar o apoio educativo

Salienta que está “dotado de 77M € para os vindeiros catro cursos” e que “beneficiará a 400 centros” ao ano

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP resalta que se traducirá en medidas específicas de apoio personalizado, atención á diversidade, reforzo das competencias lectora e matemática e para o alumnado estranxeiro

Susténtase sobre os obxectivos do acordo histórico asinado cos sindicatos e parte da análise de fortalezas e debilidades que se detectan nas avaliacións de diagnose

Tamén se promove o desenvolvemento de proxectos de referencia en áreas como a promoción da igualdade, a convivencia, o benestar emocional ou a sustentabilidade

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai “reforzar con 400 profesores adicionais os centros educativos galegos” a partir deste curso que comeza o vindeiro 11 de setembro. Será no marco do novo Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno galego aprobada hoxe no Consello da Xunta para incrementar o nivel das competencias clave do alumnado, personalizar o apoio educativo e a atención ás necesidades específicas e avanzar no modelo de ensino inclusivo que caracteriza a nosa Comunidade. 

A través del promoverase non só o éxito escolar, senón tamén o desenvolvemento persoal do alumno nunha contorna educativa en que prime a convivencia, a valoración da diversidade e o benestar emocional. 

O desenvolvemento deste plan implica unha modernización do ensino centrada en aumentar a eficiencia, a eficacia e a equidade para garantir o éxito escolar, fomentar a cultura inclusiva, potenciar a formación docente e simplificar os procedementos administrativos, e tal e como resaltou Rueda, susténtase en dous eixes: “o acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais e as avaliacións de diagnóstico realizadas o curso pasado”. 

Por unha banda, o acordo inclúe medidas estruturais enfocadas a afrontar os retos presentes e futuros da educación en Galicia a través de accións como a redución progresiva da ratio de alumnos por aula, a mellora da atención á diversidade, o reforzo da carreira profesional docente ou a simplificación administrativa, entre outros. 

Por outra banda, o desenvolvemento de avaliación de diagnose entre o alumnado de primaria e ESO son probas que posibilitan aos centros educativos a detección das súas debilidades e a identificación de áreas de mellora, facilitando deste xeito a toma de decisións, baseándose en datos concretos do seu alumnado e no seu contexto.

Tal e como explicou Rueda, o Plan MEGA “estará dotado de 77M € para os vindeiros catro anos” e “beneficiará a uns 400 centros educativos cada no”.

A iniciativa complétase con formación específica no ámbito da inclusión e innovación educativa, a través do Plan anual de formación do profesorado.

Obxectivos

O obxectivo do Plan MEGA é potenciar un sistema educativo que permita a cada estudante acadar o seu máximo potencial a través do seu mellor integral, tanto académico como persoal e social. Ao tempo, estimúlase o contexto de equidade educativa, a redución do abandono escolar e fortalécense as competencias docentes.

Ademais, o plan permitirá que o alumnado galego avance na consecución dos obxectivos marcados polo Consello da Unión Europea, segundo os cales, para 2030, a porcentaxe de mozas e mozos de 15 anos cun baixo rendemento en comprensión lectora, matemáticas e ciencias debe ser inferior ao 15 %.

Nesta liña, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou que o Plan inclúe medidas para “avanzar nun aprendizaxe máis personalizado, reforzar as competencias clave e a atención a todo tipo de diversidade”.

Atención especializada para o éxito

O Plan MEGA estrutúrase arredor de seis programas distintos, en diferentes etapas desde infantil ata FP básica pasando por primaria e ESO para dar cumprimento a diferentes obxectivos: Promociona, PROA+ (reforzo, orientación e apoio), reforzo da competencia lectora, reforzo da competencia matemática, apoio educativo para o alumnado estranxeiro e impulso de centros referentes.

O programa Promociona centrarase en promover o apoio, a participación e a promoción do alumnado que presenta necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, fortalecendo o modelo de inclusión educativa de Galicia e creando un contorno educativo máis accesible, equitativo e enriquecedor para todo o alumnado. 

Diríxese aos escolares de infantil e primaria e leva consigo a realización dun proxecto educativo inclusivo en cada un dos centros que o desenvolva para a mellora da equidade e dos resultados educativos. 

Os docentes de reforzo previstos para este programa xa estarán nas aulas ao inicio do curso, segundo explicou o conselleiro.

No caso do PROA+, centra a súa acción nos centros cunha porcentaxe significativa de alumnado con vulnerabilidade socioeducativa, aplicando medidas de reforzo, orientación e apoio con especial fincapé na atención das necesidades específicas de apoio educativo.

Os centros beneficiarios deste programa deberán asumir o compromiso de deseño, aplicación, seguimento e avaliación dun plan estratéxico de mellora, con accións para reforzar as competencias clave ou a aplicación de novas formas de organización e xestión do centro orientadas á mellorar o éxito educativo de todo o alumnado. Neste caso, o profesorado se incorporará no mes de outubro.

Reforzo das competencias lectora e matemática

O programa de reforzo da comprensión lectora artellarase a través da posta á disposición dos centros de iniciativas de lectura no conxunto da comunidade educativa, así como dun amplo abano de actividades para o fomento da lectura, que redundará de forma efectiva na mellora da comprensión lectora dos estudantes

A biblioteca funcionará como motor deste programa, como o espazo mediador para o desenvolvemento de competencias comunicativas, informacionais e mediáticas, como requisito para a construción do pensamento crítico.

A través do programa de reforzo da competencia matemática adaptarase o proceso de ensinanzas ás necesidades e tipos de aprendizaxe diferentes de cada alumno, especialmente dos escolares de primaria, con atención específica a aquel que presenta un peor rendemento.

A maiores, estimularase a participación activa do alumnado en actividades educativas relacionadas con esta área do coñecemento.

Apoio ao alumnado estranxeiro

Orientado a facilitar o labor de escolarización, acollida e benestar emocional do alumnado especialmente vulnerable polas súas condicións de procedencia, o Programa galego de apoio educativo para o alumnado estranxeiro organizará as intervencións educativas necesarias para o desenvolvemento persoal, cultural e social destes estudantes desde unha participación activa na vida escolar.

A través del proporcionarase apoio ao alumnado para asegurar a expresión e a comprensión lingüística efectiva e fortalecer as súas habilidades de lectura e escritura. Ademais, impulsarase o desenvolvemento de actividades que promovan o entendemento intercultural a través das bibliotecas escolares.

Impulso de centros referentes

O exemplo das boas prácticas doutros centros inflúe de xeito positivo na comunidade educativa. Desde ese punto de vista, o Programa para o impulso de centros referentes impulsará que os centros desenvolvan proxectos educativos que os convertan en centros destacados dentro dos contextos da inclusión e a innovación educativa. 

Os centros que participen no programa poderán facelo a través de proxectos que se centren na promoción da igualdade, da convivencia, da inclusión e do benestar emocional. Tamén con iniciativa para reforzar as competencias matemática e lectora, a internacionalización e as prácticas ambientalmente sustentables.

O conselleiro de Educación salientou a batería de medidas postas en marcha este curso que fan que o sistema educativo galego “viva a maior modernización dos últimos 30 anos”.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas

Luz verde á licitación do novo colexio do Milladoiro, o primeiro que se construirá en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Novas eduxunta - Lun, 2024-09-02 18:22

Summary: 

O Consello da Xunta aproba a construción deste novo centro, que dá resposta á necesidade de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico

O investimento total ascende a case 9,8M€, o que supón máis do dobre estimado inicialmente, dadas as melloras no proxecto e o incremento dos prezos

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI

Idioma Gallego

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á licitación da obra de construción do novo Colexio CEIP do Milladoiro, o primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e un compromiso da Xunta de Galicia para dar resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. O investimento total ascende a case 9,8M€, o que supón máis do dobre estimado inicialmente (4,5M€) debido, fundamentalmente, ás calidades e melloras en espazos e do incremento dos prezos dos materiais.

Xa no ano 2011 se construíu un novo instituto no Milladoiro, cun investimento de 5,4M€, para dar resposta ao incremento poboacional e a Xunta ten realizado e continúa executando novas actuacións de mellora e ampliación para dar resposta ás necesidades de escolarización dun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. De feito, no concello de Ames está en marcha a ampliación do Colexio CEIP Agro do Muíño, cun orzamento superior aos 3,4M€.

A actuación será contratada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (a través da Axencia Galega de Infraestruturas) e que se sufragará con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos. Unha vez aprobado no Consello da Xunta, licitarase a obra. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025. O obxectivo é que o centro estea operativo no curso 2026/27.

Adaptado ao século XXI

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886m² distribuída en dous andares, o colexio contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.

Totalmente accesible

A accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.

Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas
Distribuir contido


by Dr. Radut