Luz verde á licitación do novo colexio do Milladoiro, o primeiro que se construirá en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O Consello da Xunta aproba a construción deste novo centro, que dá resposta á necesidade de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico

O investimento total ascende a case 9,8M€, o que supón máis do dobre estimado inicialmente, dadas as melloras no proxecto e o incremento dos prezos

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI

Lun, 02/09/2024 - 18:22
m

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á licitación da obra de construción do novo Colexio CEIP do Milladoiro, o primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e un compromiso da Xunta de Galicia para dar resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. O investimento total ascende a case 9,8M€, o que supón máis do dobre estimado inicialmente (4,5M€) debido, fundamentalmente, ás calidades e melloras en espazos e do incremento dos prezos dos materiais.

Xa no ano 2011 se construíu un novo instituto no Milladoiro, cun investimento de 5,4M€, para dar resposta ao incremento poboacional e a Xunta ten realizado e continúa executando novas actuacións de mellora e ampliación para dar resposta ás necesidades de escolarización dun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. De feito, no concello de Ames está en marcha a ampliación do Colexio CEIP Agro do Muíño, cun orzamento superior aos 3,4M€.

A actuación será contratada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (a través da Axencia Galega de Infraestruturas) e que se sufragará con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos. Unha vez aprobado no Consello da Xunta, licitarase a obra. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025. O obxectivo é que o centro estea operativo no curso 2026/27.

Adaptado ao século XXI

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886m² distribuída en dous andares, o colexio contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.

Totalmente accesible

A accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.

Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.