A Xunta apoia o desenvolvemento da actividade investigadora do IGFAE con 3M€ ata 2027

Con esta achega, a Consellería de Ciencia e Universidades facilita a estabilidade económica dos proxectos do centro, onde traballan actualmente 101 investigadores

O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación coñecen o traballo do centro de primeira man tras a súa renovación da acreditación de excelencia da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia

Tamén recibirá este xoves a acreditación María de Maeztu tras acadala o pasado 2023, sendo o único centro galego que logra esta distinción

Mar, 03/09/2024 - 12:23
i

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para coñecer os seus proxectos e saudar os seus investigadores tras renovar a acreditación de excelencia que concede a Xunta na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia.

Deste xeito, a Xunta de Galicia apoiará o desenvolvemento da súa actividade con case 3M€ ata o ano 2027, favorecendo a estabilidade económica dos seus proxectos. Así mesmo, as obras de construción da nova sede do IGFAE, comezadas en 2021 e que contan cun investimento global de 4,8M€ a cargo do Goberno galego, permitirán que dea un novo salto cualitativo. Ademais, contará cun financiamento de case 200.000 euros para realizar medidas complementarias como o apoio ás actividades do 25º aniversario e o acondicionamento de laboratorios, mobilidade e ampliación do sistema de servidores para a nova sede.

Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no marco das visitas conxuntas que están realizando aos centros de investigación e tecnolóxicos, coñeceron de primeira man o traballo do IGFAE, un centro de titularidade compartida entre a Xunta e a Universidade de Santiago. Este centro de excelencia, nado en 1999, converteuse nun centro de renome internacional na física de alta enerxía, astropartículas e nuclear cun forte impacto rexional.

Acreditacións de excelencia

Tal é o seu prestixio que é o único centro galego que conseguiu a acreditación María de Maeztu, galardón que recibirá este xoves. Este logro, xunto coa acreditación de excelencia no 2019, dota ao IGFAE dunha perspectiva de estabilidade a longo prazo imprescindible para posta en marcha da súa ambiciosa estratexia.

Os datos avalan a súa traxectoria, con 101 investigadores e tres profesionais beneficiados das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC). O Instituto da USC tamén contou con tres investigadores beneficiados das becas Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA) no período 2020-2023. Neses mesmos anos tamén logrou captar 14,4M€ de proxectos competitivos e lanzar 624 publicacións.