O pasado martes foi un día especial na historia do CPI Aurelio Marcelino Rey García. Visitounos unha eminencia galega no eido da medicina forense. Nado nas terras do Xallas, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, e catedrático de Medicina Legal da mesma universidade.
O seu currículo é tan extenso como impresionante, só ao alcance de poucas persoas dotadas coma el dunha capacidade de estudo, esforzo e tenacidade capaces de vencer a maioría dos atrancos que xurden na investigación científica.
A creatividade, o afán de superación e a visión de futuro que o caracterizan, levárono á vangarda dos estudos relacionados coa xenética, sendo pioneiro, desde o Instituto de Medicina Legal de Santiago que dirixe, na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense mediante a xenética molecular, técnicas que se implantaron de forma rutinaria nos laboratorios de todo o mundo.
Participou en máis de tres mil pericias e foi requerido, xunto cos seus colaboradores, en casos famosos como o atentado das torres xemelgas de Nova York o 11-S, os atentados de Madrid do 11-M ou a identificación das víctimas do tsunami do sudeste de Asia, entre moitos outros.
Dos numerosos premios de investigación que se lle concederon destacamos o Premio Rey Jaime I, outorgado por 20 premios Nobel, o Premio Novoa Santos, concedido polos médicos galegos, a Medalla de Galicia, a Cruz ao Mérito Policial e o Premio Galicia de Investigación.
Tamén é un escritor prolífico de divulgación científica, publicou dez libros e máis de 340 artígos nas revistas máis destacadas das ciencias médicas, como “Nature” e “Science”, entre outras.
As cualidades científicas de Ángel Carracedo non se poderían entender sen o seu perfil humano. Evita o personalismo e repite, á menor ocasión, que moitos dos méritos que se lle otorgan corresponden ao traballo do seu equipo. Ademais sempre recoñece o mérito dos seus colaboradores cando é distinguido con premios de enorme relevancia nacional e internacional.
Na actualidade coordina a investigación coa labor docente, pois é profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Da súa labor investigadora cabe destacar o seu traballo en áreas como:
-
As xenéticas forense, clínica e de poboacións
-
A farmacoxenética: para acadar fármacos específicos en función do perfil xenético de cada paciente
-
A oncoloxía clínica: para a identificación dos xenes do cancro de colon, mama e tiroides
-
A dos trastornos xenéticos: para a detección das bases moleculares da esquizofrenia ou da depresión postparto
-
A neuroxenética: na búsqueda de mutacións relacionadas co alzheimer ou na identificación dos mecanismos moleculares asociados á migraña
-
Ou a cardiovascular: co estudo das variacións xenéticas asociadas á morte súbita cardíaca.
Para rematar so dicir que tivemos ante nós un exemplo de que a determinación dun rapaz nado nunha vila como a nosa, pódeo levar ata o cumio da súa disciplina de traballo, demostrando que a igualdade de oportunidades que persegue o noso sistema educativo público, é non só posible, senón amosable. De nós depende aprender da humildade deste home e tomar a súa boa laboura científica, coma un dos nosos modelos a seguir.
Esperamos que a desfrutarades.