Skip to Content

Articles

O CPI de CUNTIS na TVG

O alumnado da ESO do noso centro está participando no proxecto "O Mundo que queremos" dentro dos Plans Proxecta da Consellaría de Educación. O noso alumnado foi seleccionado e participa neste proxecto xunto con outros catro centros de toda Galiza.

O Programa da TVG " A Revista " visitou o noso centro para por de manifesto a importancia do traballo dos nosos rapaces e do profesorado implicado e dar a coñecer as actividades que se están desenvolvendo.

Se queredes ver ao alumnado do noso centro no programa da TVG gravado o luns 25 de xaneiro podedes velos nos minutos 31.45 e 46.12 neste enlace:
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-revista-1762185

 

Charla Avanzar 2015

Este xoves 3 de decembro visitaron o noso centro os representantes da Asociación Avanzar de Cuntis con motivo do Día da Discapacidade. Contáronnos os seus casos persoais, como discorre o seu día a día e como afrontan un mundo cheo de barreiras. 

Podedes botar un ollo ás imaxes que tiramos na nosa galería de fotos ou premendo nesta imaxe.

                                                                                 

CALENDARIO EXAMES DE SETEMBRO 2015

O CALENDARIO DAS PROBAS EXTRAORDINARIAS DE SETEMBRO 2014 desenvolveráse nos días 1 e 2 en horario de 8:45 a 13:45 hs.

En arquivo adxunto aparece o detalle de cada exame.

ACTO DESPEDIDA DO ALUMNADO DE 4º DA ESO

O pasado martes 17 de xuño fixemos na Sala de Usos Múltiples do noso centro un Acto deDespedida do alumnado de 4º da ESO. Sacamos moitas fotos e gravamos uns vídeos cos que poder lembrarvos cando emprendades o voso camiño xa fóra deste voso centro.

Premede na seguinte foto ou visitade a nosa galería de imaxes e vídeos se queredes velas.

                                                   

ACTO DE DESPEDIDA DO ALUMNADO DE 4º ESO

Estimadas familias:

Informámolos que o vindeiro martes, día 17 de xuño de 2014, ás 16,30 horas, faremos na Sala de Usos Múltiples do noso centro un acto de despedida do alumnado de 4º da ESO.

É por iso que me comprace facerlles o convite para participar no desenvolvemento deste acto e así acompañar aos rapaces e as rapazas de 4ª da ESO neste momento de remate dunha longa e importante etapa da súa vida académica.

3º Certame Poético Carme de Xinzal

O pasado martes 26 de maio tivo lugar no noso centro a entrega de premios do certame poético "Carme de Xinzal", que organiza a asociación cultural O Fervedoiro; o alumnado galardoado foi Paula Eiras Campos (2º ESO), Abraham Amor Amado (3º ESO) e Jennifer Mesejo Puga (4º ESO). Se queredes ver máis fotos sobre o acto, premede sobre as seguintes imaxes:

   

Visita ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

O pasado xoves 19 de marzo os alumnos e alumnas de 1º ESO fomos visitar o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, que está situado nunha das áreas máis ricas en petróglifos do noso pais.

Alí nos explicaron un montón de cousas sobre eles, dende o seu posible significado ata como eran e como vivían as xentes que os gravaron. Ademáis participamos nun obradoiro para aprender a facer lume tal e como o facían naquela época. Un dos nosos compañeiros, Andrés, conseguiu prender lume e asegúrovos que non era nada doado.

 

 

 

 Se queredes ver máis fotos premede aquí.

Actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2015

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de convocar 682 prazas para realizar actividades de formación en línguas estranxeiras para o alumnado de ESO e Bacharelato no ano 2015. O prazo de solicitudes comeza o 17 de marzo e permanecerá aberto ata o 16 de abril (ambos incluídos). No seguinte enlace podedes atopar toda a información necesaria.

     Orde do 2 de marzo de 2015 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2015.

CONFERENCIA ANGEL CARRACEDO : OS MISTERIOS DA XENÉTICA

                                                      

O pasado martes foi un día especial na historia do CPI Aurelio Marcelino Rey García. Visitounos unha eminencia galega no eido da medicina forense. Nado nas terras do Xallas, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, e catedrático de Medicina Legal da mesma universidade.

O seu currículo é tan extenso como impresionante, só ao alcance de poucas persoas dotadas coma el dunha capacidade de estudo, esforzo e tenacidade capaces de vencer a maioría dos atrancos que xurden na investigación científica.

A creatividade, o afán de superación e a visión de futuro que o caracterizan, levárono á vangarda dos estudos relacionados coa xenética, sendo pioneiro, desde o Instituto de Medicina Legal de Santiago que dirixe, na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense mediante a xenética molecular, técnicas que se implantaron de forma rutinaria nos laboratorios de todo o mundo.

Participou en máis de tres mil pericias e foi requerido, xunto cos seus colaboradores, en casos famosos como o atentado das torres xemelgas de Nova York o 11-S, os atentados de Madrid do 11-M ou a identificación das víctimas do tsunami do sudeste de Asia, entre moitos outros.

Dos numerosos premios de investigación que se lle concederon destacamos o Premio Rey Jaime I, outorgado por 20 premios Nobel, o Premio Novoa Santos, concedido polos médicos galegos, a Medalla de Galicia, a Cruz ao Mérito Policial e o Premio Galicia de Investigación.

Tamén é un escritor prolífico de divulgación científica, publicou dez libros e máis de 340 artígos nas revistas máis destacadas das ciencias médicas, como “Nature” e “Science”, entre outras.

As cualidades científicas de Ángel Carracedo non se poderían entender sen o seu perfil humano. Evita o personalismo e repite, á menor ocasión, que moitos dos méritos que se lle otorgan corresponden ao traballo do seu equipo. Ademais sempre recoñece o mérito dos seus colaboradores cando é distinguido con premios de enorme relevancia nacional e internacional.

Na actualidade coordina a investigación coa labor docente, pois é profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

 Da súa labor investigadora cabe destacar o seu traballo en áreas como:

  • As xenéticas forense, clínica e de poboacións

  • A farmacoxenética: para acadar fármacos específicos en función do perfil xenético de cada paciente

  • A oncoloxía clínica: para a identificación dos xenes do cancro de colon, mama e tiroides

  • A dos trastornos xenéticos: para a detección das bases moleculares da esquizofrenia ou da depresión postparto

  • A neuroxenética: na búsqueda de mutacións relacionadas co alzheimer ou na identificación dos mecanismos moleculares asociados á migraña

  • Ou a cardiovascular: co estudo das variacións xenéticas asociadas á morte súbita cardíaca.

Para rematar so dicir que tivemos ante nós un exemplo de que a determinación dun rapaz nado nunha vila como a nosa, pódeo levar ata o cumio da súa disciplina de traballo, demostrando que a igualdade de oportunidades que persegue o noso sistema educativo público, é non só posible, senón amosable. De nós depende aprender da humildade deste home e tomar a súa boa laboura científica, coma un dos nosos modelos a seguir.

Esperamos que a desfrutarades.

 

Visita Francisco Castro

                                                         

O día 1 de decembro visitou o noso centro o escritor Francisco Castro, autor das obras que leu nesta primeira avaliación o alumnado de 1º e 2º ESO, Chamádeme Simbad e O corazón da Branca de Neve, respectivamente. Nesta xornada as alumnas e alumnos non só puideron coñecer mellor á persoa que deu orixe aos libros que leron, senón tamén as razóns das que xurdiron esas historias, das que eles mesmos non están tan afastados e que lles deixaron ver que próximas están ás veces ficción e realidade.



by Dr. Radut