Skip to Content

Articles

Obradoiro de Fotografía Social

O pasado martes 18 de outubro recibimos a visita do fotógrafo vigués Felipe Carnotto, que realizou no noso centro un obradoiro sobre fotografía social co alumnado de 3º e 4º ESO. Esta actividade organizouse en tres partes, primeiro proxectouse un documental realizado por unha estudante siria, co seu posterior debate; a continuación Felipe explicoulle e amosoulle o seu traballo como fotógrafo social en lugares en conflicto como Nicaragua e especialmente, Siria e os Balcanes. E finalmente, amosoulle, coa axuda da súa cámara, os principios básicos da fotografía, salientando que calquera de nós pode converterse nun fotógrafo social, nalgún momento da súa vida. En definitiva, foi moi enriquecedor coñecer unha experiencia vital tan interesante, que non deixou indiferente a ninguén.

Coma sempre, podedes botarlle un ollo ás fotografías que fixemos visitando a nosa galería de imaxes ou premendo en calquera destas.

                                

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR para a ESO

De acordo coas instruccións da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Orde do Fondo Solidario de Libros de Texto e Axudas para Adquirir libros de texto e material escolar (Orde do 27 de abril de 2016- DOG do 16-05-2016) procedemos a facer público a todos os sectores da Comunidade Educativa a Listaxe definitiva de admitidos/as do Fondo Solidario de Libros de Texto para Educación Secundaria.(VÉXASE ARQUIVO ADXUNTO)

En breve, entregaránse os libros de texto asignados a cada alumno/a correspondente ao Fondo Solidario; tamén se fará entrega dos vales de axuda para adquirir libros de texto ( 1º e 2º de Primaria e 2º e 4º de secundaria) así como dos vales de axuda para material escolar.

 Ante calquera dúbida ou aclaración póñanse en contacto co centro.

Calendario de exames de setembro 2016

As Probas Extraordinarias de Setembro 2016 desenvolveránse o xoves 1 e venres 2 de setembro en horario de 8,45 a 14,45.

Podedes consultar o calendario destas Probas extraordinarias de setembro 2016 e os horarios dos respectivos exames e materias na porta do centro ou no seguinte arquivo adxunto. 

Obradoiros Aliméntate Ben:"Mediterraneamos"

Este luns 6 de xuño os rapaces e rapazas de 1º e 3º da ESO participaron no obradoiro "Mediterraneamos" dentro das actividades programadas do Plan Proxecta Aliméntate Ben dos Plans Proxecta da Consellaría de Educación. Comezamos cunha exposición teórica da chamada dieta mediterránea, despois cada alumno/a elaborou unha receita saudable seguindo as indicacións da citada dieta, continuamos cunha pequena sesión de baile-zumba complemento ideal para calquera dieta e finalizamos facendo un resumo do aprendido e expoñendo e resolvendo todas as dúbidas que xurdiron sobre o tema.

Unha vez máis podedes botar unha ollada ás fotos que fixemos premendo nalgunha destas imaxes ou visitando a nosa galería de imaxes.

             

A escritora cuntiense Baia Fernández visita o noso centro

O día 24 de maio visitounos a escritora cuntiense Baia Fernández para presentarnos o seu libro Unha viaxe de ruminantes. O alumnado de 4º da ESO gozou moito coa súa intervención e co seu recitado de poemas. Xa estamos á espera do seu segundo libro.

Podedes botar unha ollada ás fotos que tiramos visitando a nosa galeria de imaxes ou premendo nalgunha destas.

                               

Excursión 4º ESO 2016.

Os alumnos/as de cuarto da ESO levan todo o curso traballando arreo para pór fin ao seu paso polo noso colexio cunha viaxe de fin de etapa das que non se esquecen en tempo. Sairon en avión dende a capital compostelana ata Barcelona para coller un barco que logo os levaría de cruceiro a visitar e coñecer as máis fermosas cidades do Mediterráneo. Parece ser que o pasaron moi ben e que non tiñan moitas gañas de voltar, pero como todo o bon ten un final, acaban de chegar e traen a maleta chea de lembranzas e anécdotas, e unha manchea de fotos que lles axudarán a manter viva a ilusión e a emoción da súa viaxe.

             

Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de convocar 682 prazas para realizar actividades de formación en línguas estranxeiras para o alumnado de ESO e Bacharelato no ano 2016. O prazo de solicitudes comeza o 29 de marzo e permanecerá aberto ata o 28 de abril (ambos incluídos). No seguinte enlace podedes atopar toda a información necesaria.

 

Orde do 14 de marzo de 2016 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2016.

A escritora Ledicia Costas visita o noso centro

Este martes 15 de marzo visitou o noso centro a escritora Ledicia Costas, autora de historias coma Unha Estrela no vento, O corazón de Xúpiter, Recinto gris, Escarlatina, a cociñeira defunta.... entre os que se atopan varios premios de literatura infantil nacional. O alumnado da ESO desfrutou dun pequeno encontro coa autora e levaron consigo algúns exemplares das súas obras literarias asinadas pola autora.

Podedes visitar a nosa galería de imaxes para ver algunhas fotografías que sacamos ou premendo nalgunha destas imaxes.

                            

Carlos Negro visita o noso centro

O martes 8 de marzo visitou o noso centro o profesor e escritor Carlos Negro. O alumnado de 4º da ESO tivo a grande oportunidade de participar no seu obradoiro e de compartir as súas ensinanzas e experiencias. O profesorado tirou unhas fotografías para deixar unha pequena lembranza do acontecido con tan ilustre compañeiro que podedes ver, coma sempre, visitando a nosa galería de imaxes ou premendo nalgunha destas fotografías.

    .                                           

O CPI DE CUNTIS NA RADIO GALEGA

Os rapaces e rapazas da ESO seguen a participar no Proxecto "O Mundo que queremos" dentro dos varios Plans Proxecta nos que está a traballar o profesorado. Entre as moitas actividades e talleres que están a desenvolver no centro está a súa participación nun programa da Radio Galega, Convivir en Igualdade, do que vos deixamos un enlace para que poidades escoitar (minutos 7:28 e 27:42) as impresións das mestras participantes:

      160209_Convivir en Igualdade.mp3



by Dr. Radut