Skip to Content

Articles

Cambio de roles

Esta semana, a alumna de 1º da ESO, Sara Sabir Moussaqhi estivo dando clase en 4º da ESO sobre a súa cultura de orixe, a árabe.

Na súa exposición, tratou varios aspectos como a comida, o alfabeto árabe, a vestimenta e a música. O alumnado, curioso polos costumes árabes, fixo moitas preguntas e ao final Sara organizou un pequeno concurso de preguntas sobre a súa intervención.

Como podedes ver, a adaptación de Sara é estupenda e é unha marabilla escoitala falar en galego.

Velaquí o vídeo da súa exposición e algunhas FOTOS desta clase tan diferente.

                                    

Pintores famosos en Língua Inglesa

Os alumnos/as de 3º da ESO traballaron coas pinturas máis famosas da historia en Inglés e fixeron un cartel coa biografía dos seus autores. Bo traballo!

  

CHARLA SOBRE OS REFUXIADOS DE SIRIA

Este xoves 19 de xaneiro o alumnado da ESO do noso centro tivo a oportunidade de desfrutar dunha das mellores clases dos últimos anos. Primeiro viron o documental "ASTRAL" de laSexta sobre a traxedia humanitaria dos refuxiados que tentan fuxir da guerra e morren no Mediterráneo sen que os gobernos europeos fagan nada.

E despois do vídeo introdutorio tivemos unha charla do veciño de Cuntis e ex-alumno do centro, Pablo Camino, que deixou sen fala e estremecido o alumnado ao contarlles a historia que el mesmo viviu na illa grega de Lesbos axudando a chegar a europa a bebés, nenos e nenas, mulleres e homes coma nós que foxen do horror da guerra.

Premede nas imaxes ou botádelle un ollo á nosa galería de fotos para ver algún dos momentos vividos nesta xornada.

          

Roteiro da Memoria Histórica 2016

Para pechar o "Mes da Memoria Histórica", o alumnado de 4º da ESO realizou un percorrido por algúns dos lugares de Cuntis relacionados cos represaliados durante a ditadura franquista (Aurelio M. Rey García, Uxío Souto, ...).  A visita foi guiada por Heitor Picallo, da asociación "O Fervedoiro".

Botádelle unha ollada ás fotos que tiramos premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

               

Premios Telearqueoloxía 2016

Os nosos mozos e mozas de 1º da ESO veñen de gañar o 1º Premio de Telearqueoloxía dentro da Categoría Lascas( vídeos dun máximo de 5 minutos realizadas por menores de 18 anos) organizado polo Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra. Dentro da materia de Paisaxe e Sostibilidade, xunto co profesorado de Plástica e Lingua Galega, o alumnado de 1º da ESO realizou a curtametraxe titulada "Castro-land-ín" na que presentan dun xeito bastante curioso o noso patrimonio cuntiense.

Este venres 16 de decembro un pequeno grupo de alumnos/as, en representación dos seus compañeiros/as de curso, xunto coas profesoras Hortensia Fernández Torre do departamento de Plástica e Natividad Diéguez Pardo do departamento de Lingua Galega asistiron á entrega de premios e visionado das curtametraxes galardoadas.

Premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos podedes ver algún dos momentos da entrega de premios e botarlle un ollo á curtametraxe gañadora.

                         

Moitos parabéns polo traballo ben feito!!

Memoria Histórica 2016. Visita e charla de Eladio Anxo Fernández Manso

Este xoves 15 de decembro, dentro das actividades programadas para a Semana da Memoria Histórica do noso colexio, visitounos o noso antigo compañeiro e profesor Eladio Anxo Fernández Manso, que tivo a ben compartir co alumnado de 3º e 4º da ESO todo o traballo que ten sobre Joaquín Balboa e os seus compañeiros de deportación. Para ilustrar este traballo, ademáis da súa charla tamén puidemos contar cunha exposición de paneis informativos sobre a temática no correddor principal do centro.

Premendo nestas imaxes podedes ver algunhas fotografías que tiramos para lembrar esta actividade e a volta dun compañeiro de sempre ao noso colexio. Moitas grazas Eladio e volta cando queiras á túa escola.

       

Concurso Telearqueoloxía

O alumnado da materia de Paisaxe e Sostibilidade de primeiro da ESO do noso colexio realizou co profesorado de Plástica e Galego unha curtametraxe titulada "Castrolandín" para un concurso, premede no seguinte enlace para velo e se vos gusta votádeo por favor! Graciñas!

                   

                                        http://telearqueoloxia.museo.depo.es/index.php/lascas/

O CPI de CUNTIS no DÍA da VIOLENCIA MACHISTA

Este venres 25 de novembro o alumnado de 3º da ESO díxoo ben clariño durante o recreo:

"Se agredes a unha, agrédesnos a tod@s"

Falando con Manuel Núñez da súa obra

Este martes 22 de novembro de 2016 visitou o noso centro o autor Manuel Núñez Singala coas súas obras Mar de Fondo e Camiños na Auga. Mantivo un encontro moi interesante con todo o alumnado de Secundaria do noso colexio no que intercambiou opinións e moitas máis historias humanas e vitais. 

                                             

Aquí podedes ver algunhas das fotos que sacamos deste encontro premendo nas imaxes ou visitando a nosa galería.

Charla sobre a Violencia de Xénero. 2016

Este luns 21 de novembro visitou o noso centro o policía local de Cuntis e falou cos/as rapaces/as da ESO sobre un dos temas que tanto preocupan na actualidade como é o da Violencia de Xénero. O noso agradecemento a Suso por vir informarnos e compartir con todos nós todo o que sabe sobre este tema.

Podedes botarlle un ollo ás fotos que sacamos desta charla premendo nas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

                                 



by Dr. Radut