Saída ao Monte da Madroa

O pasado día 28 de maio o alumnado de 4º, 5º e 6º fixemos unha saída aos montes da Madroa. Previamente xa tiveramos un obradoiro no colexio no que estivemos distinguindo e coñecendo as propiedades das distintas árbores.

Ao chegar alí, despois de facer un circo dividíronnos en dous grupos: 4º e 5º nun e 6º noutro. Aínda que todos vimos o mesmo, fixémolo en distinta orde.
Aprendemos cantidade de cousas relacionadas cos ecosistemas, é dicir, segundo sexa o clima danse certas árbores que traen consigo certos seres vivos. En canto as árbores,  aparte de ver as que xa coñeciamos coma o carballo, o castiñeiro e a maceira, vimos outras como a sobreira, a aciñeira, o acivro, o rañacú, o fresno, a queiruga, as xestas, o bimbio, o salgueiro, o vido, o amieiro…
Animais non vimos moitos  aínda que…  pasmádevos!  vimos un cacho de serpe pequerrecha pero sen cabeza (seguro que algún paxaro acababa de comerlla). Como se encoscoretaba!
Ah! Polos montes da Madroa pasa o regato “Banqueiro”, pero non pensedes que é porque ten bancos, senon porque antigamente nesa zona había bancales no terreo.
Para rematar, os monitores ensináronnos dous niños e unha camisa de serpe case enteira IMPRESIONANTE!
MERECEU A PENA!

3º Encontro de Música

O venres, día 19 de abril, tivemos no colexio unha xornada distinta e moi especial con actividades dedicadas integramente á música.

 

Unha convivencia entre alumnado e profesorado, que xa levamos realizando por terceiro curso consecutivo, na que aprendemos moito e o pasamos moi ben.

 

Estas son as actividades que fixemos:
   

Bailamos  danzas do mundo:

Indo Eu (Portugal), Sete Saltos (Dinamarca), Don Melitón e Tris-Tras (Galicia) e Dance de Tena (Aragón).

  Respondemos a preguntas e representamos accións co “Xogo da Oca Musical”
     
Escoitamos moi atentos o concerto que deron algúns compañeiros do cole.   Elaboramos o noso propio instrumento con materiais de reciclaxe.

No primeiro ciclo quedáronnos impresionantes os pampineros e as maracas.
Os do segundo ciclo, cos nosos paus de choiva, quedamos abraiados.
Os maiores contruímos un cordófono, unha especie de cítara á que cada un lle deu o seu toque persoal.

PASÁMOLO XENIAL, así que esperamos repetir esta xornada musical todos os cursos.

VIGO HISTORIA

 

O mércores 17 de abril, o 3º ciclo fomos ao museo Verbum, para ver unha exposición sobre a Reconquista viguesa contra os franceses.

O primeiro que nos chamou a atención foi un fusil desa época, que nos deixaron coller. Era enorme e pesaba un montón.

Na sala onde estabamos había paneis que narraban acontecementos da Historia de Vigo e unha guía do museo explicábanos cada un deles.

 

Despois vimos un vídeo da Reconquista. Aprendemos quen eran: Napoleón Bonaparte, Vázquez Varela, Cachamuíña, o papel que tiveran os frailes do convento de San Francisco... e mesmo as 7 portas que tiña a vila de Vigo.

A xente de Vigo e os seus arredores foron os primeiros en vencer a Napoleón, todo un honor; por iso lle concederon  o título de “CIDADE FIEL, LEAL E VALOROSA”.

Ao remate da visita, veu o alcalde de Vigo e deunos a todos un diploma de “Heroes de Vigo”, ¡nada menos!

Pasámolo ben e aprendemos moito.