5º e 6º

O litoral

      R O T E I R O   P O L O   L I T O R A L   

O alumnado de 5º, guiado por Eva F. Deza, nai dunha alumna do centro, levou a cabo unha saída ata a praia da Punta para estudar o litoral, analizar o seu estado e contribuír a súa limpeza e conservación.

No seguinte vídeo recollemos como foi a actividade.

Acceso as fotografías na nosa GALERÍA DE FOTOS

VISITAMOS O CONCELLO

 

 

O pasado 27 de novembro, o alumnado de 5º e 6º fomos, con tres profesoras, ao Concello de Vigo para coñecer as súas instalacións.

Recibíronnos dous monitores na praza do Rei e comezamos a visita. Un pouco de exercicio para subir pola escaleira os nove pisos, non nos veu nada mal.

O primeiro sitio en visitar foi a sala de prensa, onde o señor alcalde convoca aos medios informativos cando quere dar algunha noticia interesante. Nós tamén faciamos de corresponsais dos medios de comunicación e logo de presentarnos formulabamos a pregunta correspondente. Ollo! Algunhas preguntas non foron contestadas, pois non estaban na orde do día!!!

Desde esa mesma sala, puidemos desfrutar dunhas vistas estupendas de parte do porto, as Illas Cíes e mesmo as vilas de enfronte: Cangas e Moaña. Logo dende o outro lado vimos o resto da cidade, incluído o noso barrio de Teis.

Baixamos para ir ao salón de plenos, onde nos sentamos coma se foramos verdadeiros Conselleiros; uns do goberno e outros da oposición. Alí déronnos todas as explicacións de como funcionaba. Cousas curiosas: as grandes pantallas para cronometrar o tempo de intervención, o monitor do señor alcalde que controla todos os micrófonos, o sitio para a bandeira dos invitados…

Pasamos logo onde ensaian os maiores da escola de danza e percusión que interpretaron dúas panxoliñas e nos explicaron varias cousas relacionadas coa escola municipal.

Posteriormente visitamos o laboratorio, onde se fan distintas analíticas, principalmente de mostras de auga para ver se teñen bacterias. Moi importante: antes de comer e despois de ir ao baño; lavarse sempre as mans!!!!!

Finalmente estivemos na sala dende a que se controla todo o tráfico de Vigo, coas distintas pantallas que están instaladas na rúa, os paneis para os túneles… TODO ISTO EN VIVO E EN DIRECTO

 

Foi unha mañá moi ben aproveitada, mágoa ter que voltar ao colexio!!!!

 

RUTA BOTÁNICA POLA CONTORNA

O alumnado de 5º e 6º o pasado día 5 de abril, despois de buscar información nas clases, fixemos unha saída de campo, para recoñecer e ver “in situ” algunhas das árbores e arbustos máis abondosas de Galicia, cun percorrido de máis de 2 km.

Contamos coa colaboración de dúas nais da Anpa: Alicia e Eva, que compartiu connosco os seus grandes coñecementos sobre o tema.

O alumnado, que traballaramos con cada árbore (nome, flor, froito, hábitat, aproveitamento...), expuñámolo diante da mesma. Saímos do colexio e tardamos algo en recoñecer a primeira árbore (apenas se lle vían as follas con picos) o acivro. Veríamos logo o castiñeiro, que non tiña follas, pero si algúns ourizos. Na cuneta chegando A Lagoa, recoñecemos primeiro a xesta e despois o toxo. Desviámonos por un carreiro bastante empinado cara a cima da Guía, onde fomos observando varias especies invasoras como as árbores da acacia negra e unha planta procedente de América do Sur a “tradescantia” (especie de enredadeira polo chan).

Tivemos un descanso na carballeira, para merendar. Que ben se respiraba alí!!!!

Seguimos coas nosas árbores, por suposto, recoñecemos o carballo e chegando ao colexio vimos o loureiro.

Neste percorrido quedounos a vimbieira e o bidueiro porque non as había, pero non houbo problema porque presentámolos na clase o venres.

Eva explicounos para cantos animais, grandes e pequenos son beneficiosas estas árbores e arbustos.

Foi unha clase distinta, aínda que tamén tivemos que traballar, cubrindo o noso caderniño de campo. 

 Podes ver máis fotos clicando aquí 

Visita a bombeiros

Como continuación do obradoiro que tiveramos na aula de 6º o 28 de febreiro, o venres 23 fomos ao parque de bombeiros, para coñecer como é o seu traballo.
Aprendemos que fan quendas de 24 horas, están super organizados (sabendo cada un o que ten que facer en cada momento) teñen o traxe, casco e mascarilla preparados por se hai emerxencias… e en 30 ou 40 segundos xa está saíndo co camión.
Vimos todo o material que leva o primeiro camión (mangueiras de todos os diámetros, ventilador, botellas de osíxeno complementarias, cizañas) e tamén o camión de apoio que ese non leva auga, se non outros materiais que poden ser necesarios xa que os bombeiros fan intervencións moi variadas. Teñen 18 vehículos entre eles un, que coa escaleira poden chegar ao piso 12.
Probamos as máscaras para respirar, vimos onde enchen as botellas, o ximnasio con todos os aparellos para estar en forma, practicamos cunha mangueira e como non … os que quixeron, baixaron pola barra.
Pareceunos un traballo bastante duro (as probas físicas que hai que superar xa o son), pero tamén gratificante ao salvar vidas.
Sabedes de onde ven o nome de BOMBEIROS? Pois que nos camións levan varias bombas hidráulicas para, principalmente, dar presión á auga.
Esperemos que pronto teñamos MULLERES BOMBEIRAS tamén en Vigo.

Máis imaxes na nosa GALERÍA DE FOTOS

Educación vial

Os alumnos de 6º curso, o pasado venres 17 de abril, fomos poñer en práctica, ao monte do Castro, o que levabamos aprendido en anos anteriores de educación vial. Alí hai montado un circuíto de verdade con sinais verticais, horizontais e mesmo luminosas. Non lle falta de nada: rotondas, pasos de peóns, fonte…

Foi para nós unha grande sorpresa viaxar no “Vigo tour”, un autobús de dous pisos co de arriba descapotable. Como molaba!!!

Os do colexio Paraixal ían adiante de todo e os do Santa Tegra atrás de todo.

 

Que sensación!! co vento dándonos na cara, tocando as follas das árbores (a profe non nos deixaba). A maioría nunca subiramos nun autobús así.

No circuíto tivemos dous monitores que nos explicaron moitas cousas e como íamos a traballar por equipos: ciclistas (vermello, azul e laranxa), policías e peóns. Todos fixemos de todo, bueno menos os que non sabían andar en bici. Os policías tiñan que tomar nota do que facían mal os ciclistas e os peóns e logo puntuaban cunhas caras e tamén dicían o que había que mellorar.

Sendo realistas se atendiamos a manexar a bici non dabamos indicado co brazo cara onde íamos, e iso non nos saíu nada ben.  

Pasámolo moi ben e aprendemos moitas cousas.

Á volta o autobús era normal, pero fomos primeiro deixar aos do Paraixal e cando viñamos con todo o bus para nós, tamén o pasamos FANTÁSTICO!!!

Máis imaxes na nosa GALERÍA DE FOTOS

A ARTE DE PESCAR

     O dia 11 de novembro o alumnado de 5º e 6º fomos ao porto de Vigo ver una exposición xunto co alumnado do colexio Paraixal.

     Ao chegar un monitor explicounos o que significaba ARVI (armadores de Vigo), en que consistía, para que se asociaban e un pouco da súa historia.

    Sabiades que o porto de Vigo chegou a ser o primeiro en pesca e os mariñeiros galegos ensináronlle as súas artes de pesca a moita xente doutros países.

 

    Logo saímos dese recinto e vimos as máquinas que limpan as caixas do peixe. Que cheiro!!! Simulamos unha subasta de peixe. Si que madrugan… ás cinco da mañá!!!

     Posteriormente vimos diferentes tipos de barcos no porto e logo entramos ver a exposición cos tres tipos principais de pesca: de cerco, de arrastre e de palangre coas características de cada unha  delas e os peixes que se capturan.

      Dixéronnos que a liña do palangre cos anzós pode chegar a medir 96 km!!! 

 

 

 

 

 

 

 

      Finalmente tivemos un concurso con 4 equipos facéndonos  preguntas do que falaramos. Gañabamos abrazos. O importante non era gañar se non que o pasamos ben e aprendemos moitas cousas.

      E vimos un barco - escoba!!!

Máis fotos na nosa GALERÍA DE FOTOS

SALINAE

Na zona do Areal, na rúa Rosalía de Castro, hai unha salina mariña do Imperio Romano. Os do 3º ciclo, fomos vela o día 5 de novembro e, durante unha hora e media, aprendemos moitísimas cousas e pasámolo moi ben grazas ao noso guía Valterra.

 

Comezamos a visita baixando sete metros nun ascensor e pisando o mesmo chan onde hai dous mil anos estiveron os romanos.

Alí vimos unha cunca, un vaso de cristal, un cranio, uns ósos de comida… todo da época romana. Aprendemos que xa daquela traballaban o vidro,  facían pan de moitas clases, utilizaban unha especie de tapa de arxila para manter a calor coma se fose un microondas… E tamén aprendemos que estudando os ósos do cranio podemos saber se pertencía a unha muller o a un home, a súa idade, se a súa vida foi boa, se padeceu anemia… unha morea de cousas.

A segunda parada que fixemos foi para aprender como conservaban os alimentos os romanos. Tiñan unas tallas chamadas ánforas, e para impermeabilizalas recubríanas con cera de abella e despois conservaban os alimentos cubríndoos con aceite, sal ou mel. Valterra explicounos que ás veces usaban para impermeabilizar o chumbo, pero que iso contamina. Fixemos un experimento con dúas vasillas para saber cal delas foi impermeabilizada con chumbo e deseguida o descubrimos.

O sal hai dous mi anos chamábase “ouro branco” porque era un ben moi prezado. Utilizábana para moitas cousas:  para macerar, para endurecer as peles, como paga ou salario, como alimento e para conservar os alimentos. 

Vimos a parte conservada do “Salinae” e algúns probamos comidas das que facían na época romana. A comida  estaba boísima pero as bebidas eran moi fortes. Unha tiña un sabor moi parecido ao vinagre e a outra que probamos estaba feita con tripas de animais e tiña un sabor horrible.

Rimos moito ao final, cando dous compañeiros se sentaron nos “váteres” romanos. Estes eran para dúas persoas pero polo que nos explicaron, había algúns que eran verdadeiras filas de asentos.

Pasámolo xenial convertidos por un momento en auténticos romanos e romanas.

Máis fotos na Galería de fotos

Distribuir contido