Curso 2013-14

Cantigas

Seguindo o proxecto “Fomento do Uso do Galego” que estamos a desenvolver no centro, unha das actividades que fixemos este curso foi a recompilación de cantigas. Pensamos que o xeito máis enriquecedor de levalo a cabo era directamente cos nosos maiores. Unha chea delas cantáronas, vivíronas e gozáronas, polo que consideramos que eran os mellores mestres que podiamos ter.
E NON NOS EQUIVOCAMOS!

 

Acudimos  ao Centro de Día Atalaia levando letras de cantigas que conseguimos a través de familiares ou da internet.

Despois, cada un comezou a ler a letra da súa cantiga, excepto Vítor, que nos sorprendeu entoándola directamente.

Os maiores foron cantándoas para que nós coñecésemos e aprendésemos as melodías.

Tan ben o fixeron e tanto sentimento lle  poñían que nos atrevemos a cantalas todos xuntos.

Eles, ademais sorprendéronos con cantigas rescatadas da súa memoria e que nós descoñeciamos. Escribímolas para gardalas.
Fomos cantando unha a unha e acompañámolas con instrumentos.
     
Con estes estupendos mestres, aprendemos e gozamos moito. Desexamos poder repetir este tipo de actividades.

Máis información e fotografías nos seguintes enlaces:

GALERÍA DE FOTOS

CENTRO DE DÍA ATALAIA

RÍOS QUE FALAN

Máis información sobre este obradoiro realizado polo alumnado de 4º na nosa GALERÍA DE FOTOS e no blog GALEGUEAMOS.

IV Encontro de música

Que ben o pasamos o día do Encontro Musical!
Este xa é o cuarto curso que realizamos este evento no noso cole. Foi unha xornada distinta. Aprendemos moito facendo actividades diferentes.

Comezamos a mañá bailando no patio danzas do mundo. Escollemos de Portugal, Dinamarca, Israel, Aragón e Galicia. Algunhas eran faciliñas aínda que outras…
Despois chegou a hora de superar probas e contestar preguntas no xogo da Oca Musical.
Que sorte tiñan os que caían na casa da clave se sol!

O seguinte foi estar moi caladiños para escoitar ben aos nosos compañeiros concertistas.
Encantounos como tocaban!

E para rematar a xornada musical… Que mellor que construír cada un o noso propio instrumento? Os tambores de mango, dilidarjums e frautas de pan quedaron xeniais!

 Grazas mestres, un curso máis, por este día tan especial! 

Máis imaxes na GALERÍA DE FOTOS do noso cole.

  

IMOS SEMENTAR

Vaia sorpresa levamos na clase de 4º cando, á volta das vacacións, comprobamos que xa naceran as leitugas que deixaramos sementadas. O tempo soleado favoreceu que as atoparamos así de fermosas.

 Todo comezou o martes 8 de abril cando os maiores do Centro de Día Atalaia viñeron visitarnos. Pasamos con eles un rato moi agradable á vez que aprendemos dos seus coñecementos e das súas experiencias. Este é o segundo curso que o noso colexio colabora co centro de día no proxecto de horticultura IMOS SEMENTAR.

 

I M A X E S   D E S E   D Í A

Entre todos preparamos e decoramos os recipientes para os sementeiros.
       
Poñemos a terra  Botamos a semente  Tapamos con terra  Por último... regamos
Máis imaxes na web do Centro de Día Atalaia e na nosa Galería de fotos

Visita do alumnado da EEI Monte da Guía

O pasado venres recibimos a visita do alumnado de 5 anos da EEI Monte da Guía,  que viñeron coñecer o noso cole. Para recibilos como é debido, preparámoslles varias sorpresiñas:
Para comezar, os nenos e nenas de primeiro representaron a obra “A árbore que non tiña follas” na que nos contaron unha fermosa historia arredor dunha árbore.
  O alumnado de 2º leu e explicou dous contos: “Pancho”  e “A viaxe de Pancho”. Pouco a pouco foron contando quen era Pancho e a historia da súa viaxe.
Os rapaces de 3º recitaron unhas adiviñas que entre todos tentamos resolver.  
   Por último o alumnado de 4º preparou uns trabalinguas e mesmo nos animaron para aprendelos, por exemplo este: Ten tinta Antón, tinta Antón ten.

Os nenos e nenas do Monte da Guía sorprendéronons co recitado dun poema de Rosalía de Castro.

 Ao rematar, intercambiamos agasallos e mostrámoslles como é o noso cole. Esperamos que lles gustara moito...

Volvede cando queirades!!

OBRADOIRO DE NUTRICIÓN

O 20 de febreiro o alumnado do 3º ciclo fixemos un obradoiro sobre “nutrición” impartido no centro Cívico.

Alí 3 alumnas do ciclo de formación de Dietética e Nutrición informáronnos dos alimentos que debemos tomar nunha dieta san.

Explicáronnos a pirámide alimentaria cos nutrientes que teñen cada tipo de alimentos. Suliñaron que o importante é comer moi variado, de todo, sen esquecer as froitas e verduras. Preferible facer 5 comidas  ao día e o almorzo que sexa completo con cereais, leite e froita.

Outro aspecto importante a ter en conta é que debemos facer exercicio, podendo ser todos os días: camiñar, correr, andar en bici, nadar  ou practicar algún deporte.

Todo esto para ter unha mellor saúde, non só agora senón cando sexamos maiores.

Alimentémonos de xeito san!!!!

Aforro auga

O alumnado de terceiro de Primaria, na unidade sete de Coñecemento do Medio, traballamos o tema "A auga na Terra".

Concienciados co uso razoable da mesma, e despois de de debatir na clase a importancia que temos como cidadáns responsables, das medidas que temos que adoitar para non malgastala, decidimos, elaborar carteis para animar as persoas a aforrar auga.

 

Aquí vos deixamos os exemplos.

 

Esperamos que vos gusten.

Correo escolar

Este curso, igual que o anterior, o alumnado de 2º ciclo está realizando un intercambio de cartas cos nenos e nenas do CEIP Illas Cíes do mesmo ciclo.
 Cando recibimos as cartas, os nenos puxéronse contentísimos e emocionados porque cada neno do Illas Cíes se dirixía expresamente a un do noso ciclo.
Nelas, describían os seus gustos e afeccións e ademais viñan acompañadas dunha fotografía de toda a clase.
Así, puideron recoñecer aos seus novos amigos.Así, puideron recoñecer aos seus novos amigos.
     Os nosos alumnos, en canto as leron, puxéronse rapidamente a contestalas…
 Esperamos que lles gusten e desexamos ansiosos a súa resposta.
       

BOCATA SAN

Todo o alumnado do centro participou na campaña "PONLLE AS PILAS AO TEU BOCATA". Esta actividade, impulsada pola Consellería do Medio Rural e do Mar, pretende fomentar o consumo de conservas de peixes e mariscos entre os máis pequenos e transmitirlles a importancia das súas propiedades nutritivas. 

 O obradoiro comezou cunha charla-xogo na que o alumnado recibiu gorras, de cor verde ou amarelo, para facer dous equipos, de modo que cando atinaban as preguntas que lles facía a monitora gañaban una pegatina; así, pouquiño a pouco foron xuntando una chea delas. Recordaron a grande cantidade de alimentos que veñen do mar: mariscos, peixes e algas, estas últimas teñen nomes comúns segundo a súa forma: espaguetes, leituga ou fideo de mar, curioso, verdade?
Aprenderon moitos datos interesantes como que algúns animais viven soterrados na area: as ameixas, berberechos, zamburiñas; outros nacen nas rochas ou cultívanse nas bateas. Tamén se comentou a maneira de defenderse dalgúns deles como o polbo, xiba ou choco que cambian de cor para camuflarse e soltan tinta para escaparse dos seus depredadores.

Como non podía ser doutro modo, falaron da importancia da pesca sostible, é dicir, pescar a modo para non esgotar a produción.
Por último, das conservas, tan presentes na nosa vida diaria, que como sabedes, son alimentos envasados en lata e manteñen toda a súa calidade. Cando chegan os peixes ou mariscos ás fábricas escóllense os mellores, lávanse, sácanselle as espiñas ou cunchas e cócense. Unha vez cocidos límpanse de novo e enlátanse con aceite ou outras salsas. A continuación, péchanse as latas, esterilízanse e etiquétanse coa marca e como non, coa data de caducidade. Posteriormente, almacénanse e distribúense aos supermercados e finalmente chegan as nosas mesas.

Pero sen esquecer que as latas hai que RECICLAR para o noso planeta con cariño coidar!!!

A segunda parte da actividade consistiu na elaboración dun "bocata san" a base de conservas de peixes e mariscos. Cada neno foi elixindo os ingredientes máis axeitados: atún, xoubiñas, mexilóns, leituga, tomate, cebola, cenoria, olivas, millo... para que as monitoras lles prepararan o seu bocata. O alumnado que presenta algunha intolerancia alimentaria tamén puido preparar o  seu bocata especialmente adaptado ao seu tipo de alimentación.

Que delicioso almorzo degustamos no recreo! Estaba tan saboroso que

ALGÚNS ATA REPETIRON...

Máis fotografías na galería de fotos. Pincha AQUÍ

 

Elaboración de pasta de dentes

Co gallo da celebración da Semana da Ciencia en Galego os alumnos e alumnas de 1º ciclo convertémonos en auténticos científicos.
Fixemos ciencia coa axuda de Chus, un monitor do Concello de Vigo, que veu realizar connosco un obradoiro sobre elaboración de pasta dentífrica, así que ademais de pór en práctica a nosa lingua galega elaboramos iso que nos facilita tanto a hixiene diaria: pasta de dentes.

Unha boa pasta de dentes faise simplemente con catro ingredientes: auga, arxila branca, un chisco de sal e unhas pingas de aceite esencial  do sabor que queiramos. Nós fixémola de limón.

Para que serve cada cousa?

A arxila branca arrastra a suciedade que queda entre os dentes.
O sal elimina as bacterias que se forma cos restos de comida.
O aceite esencial actúa como desinfectante.
A auga é necesaria para mesturar os ingredientes e facer a masa.

      

Animádevos a facelo na casa, é doado e divertido!

Para ver máis fotografías visita a nosa Galería de fotos

Distribuir contido