1º e 2º

1º e 2º no Museo de Pontevedra

UNHA XORNADA MOI ARTÍSTICA NO:

O Museo de Pontevedra é un pouco especial porque está dividido en varios edificios. Nós visitamos algunhas salas do Sexto Edificio que é  moderno e ten amplas e luminosas salas que albergan exposicións de coleccións de arte antiga e moderna principalmente galega, pero tamén teñen obras doutros lugares de España.
Estivemos moi atentos as explicacións da monitora quen nos recibiu cun amplo sorriso e con moito cariño.
Observamos distintos tipos de pinturas e técnicas que empregan os pintores nas súas obras, como se poden mesturar unhas cores para conseguiren outras, como se facían as cores antigamente, como ler as cartelas das obras, etc.
Ademais, tamén aprendemos que é un retrato, un bodegón, unha paisaxe, unha escultura… mesmo tratamos de imitar a postura dalgunhas, que difícil debe ser pousar tanto tempo medio retortos!!!
O que máis chamou a nosa atención foi un retrato pintado por “El Greco”, síiiii,  polo famoso artista de  “O Cabaleiro da Man no Peito”. Este óleo sobre lenzo data do anos 1582-1585 e parece que o home retratado era un doutor porque leva un anel no dedo polgar e isto era un distintivo dos médicos naquela época! Este cadro adoita estar no Museo do Prado de Madrid pero como está de xira por España e agora pasando unhas semanas no Museo de Pontevedra nós fomos “facerlle unha visita”!!! Paga a pena velo!!!

Aquí vos deixamos uns videos curtiños que fixemos na clase para que teñades unha idea do bonito que é o Museo de Pontevedra!

2º: A contorna e nós

 

Un paseo especial pola NATUREZA

Esta vez foi o alumnado de 2º o que, da man de Eva F. Deza, levou a cabo esta actividade pola contorna para coñecer as árbores autóctonas e a flora propia do inverno.

Premendo na seguinte imaxe poderán ver o interesante desta saída.

 

Máis imaxes na nosa GALERÍA DE FOTOS

A contorna en inverno.- 1º

De novo o alumnado de 1º saíu pola contorna para observar as características das árbores máis significativas que vimos en outono e diferenciar os cambios agora en inverno.

Tras observar o acivro que temos nun curruncho do patio cos seus froitos coloradiños, subimos polo carreiro a visitar a horta e o curral que teñen uns veciños do colexio, alí as nenas e nenos déronlle de comer as galiñas e os galos.

De alí fomos camiñando ata chegar á nogueira, ao carballo, ao castiñeiro e ao loureiro que aínda seguían libres de follas menos este último e tamén aproveitamos para tirar unhas fotos do alumnado e poder así apreciar o moito que medraron estes rapaces dende a anterior visita. Utilizaron as lupas como auténticos investigadores da ecoloxía.

Por último, despois de merendar na Carballeira da Guía, fixemos o camiño de volta ata o colexio.

A contorna e nós

     
 

Continuando co proxecto "Camiño do monte", o alumnado de 1º curso vivíu, da man de Eva F. Deza, unha xornada de outonía marabillosa.

Primeiramente, na aula foron maquillados de distintos animais: bolboretas, cans dálmata, de esquíos, paxaros,... Unha vez maquillados partimos pola contorna como auténticos aventureir@s.

A primeira parada foi moi pretiño do colexio para coñecer dúas árbores de acivro, onde Eva foi esfolando as súas características facendo preguntas tales como son as súas follas, de que cor son os seus froitos ? etc...

 
Seguindo o percorrido atopamos nogueiras, castiñeiros, piñeiros e ata un loureiro. No noso cesto fomos gardando os pequenos "tesouros" que iamos recollendo como noces, castañas, ourizos, piñas...

 Xa na Carballeira da Guía e despois de atender as explicacións sobre o carballo, collemos landras, carrabouxos ou bugallos que tamén gardamos na nosa cesta.

 

Chegada a hora da merenda todos compartimos unha sentada baixo a carballeira onde, a parte de merendar, xogamos libremente antes de emprender o camiño de volta.

Samaín no Museo Liste

 
O alumnado de 1º e 2º curso gozou dunha actividade moi divertida sobre o Samaín no Museo Liste de Vigo, da que participaron baixo as directrices de Sonia e Erika que nos levaron a todos ao corazón do medo.
Mentres unha monitora maquillaba aos nen@s, a outra compañeira falounos da orixe da "Festa do Samaín". Era unha festa que facían os Celtas a finais do mes de outubro para celebrar o fin da colleita, posteriormente os emigrantes irlandeses cando foron a Estados Unidos levaron con eles as súas tradicións e quedou neste país os antigos ritos celtas aos que hoxe os americanos chaman a aquela festa: Halloween.
Tamén nos falaron de seres de encantamento: os druídas que eran sabios celtas, vampiros, fadas, a santa compaña, trasnos, bruxas e meigas, o demo, pantasmas, caveiras... Contáronnos a historia dun personaxe irlandés chamado Jack o do Farol que vivía en Irlanda e era un home moi malo que se metía con todo o mundo e que unha vez morto o seu espírito, cada noite do 1 de novembr,o chama ás portas levando un farol con forma de cabaza pedindo "trato ou truco" a cambio de lambetadas.

Despois os nen@s fixeron unha pantasma cun anaco de tea e unha folliña de periódico que logo xuntaron todas nunha guirnalda de medo. Para finalizar o alumnado, distribuído en grupos de cinco, tiña que entrar no “Túnel do Medo” para intentar atopar e descubrir distintos atributos máxicos como: unha fouce, unha orella, unhas ás, unha culler... e traelos para afora pero antes tiñan que deixar unha tarxetiña na boca da "cabaza come medos" para que estes desaparezan definitivamente.

Para finalizar esta actividade tan divertida e despois de que os nenos e nenas recuperaran todos os obxectos máxicos foilles concedido un premio: unhas lambetadas riquísimas con formas moi divertidas.

Máis imaxes no seguinte enlace: GALERÍA DE FOTOS

Museo Liste

O alumnado de 1º e 2º visitamos o Museo Etnográfico Liste de Vigo facendo un percorrido no tempo polas súas salas: Útiles de madeira, da Luz, da Arte de curar, dos Traballos do agro, das Medidas, da Roupa e das Teas, dos Oficios, das Chaves e pechaduras, así como por algunhas exposicións temporais.

O persoal do centro dividiunos en dous grupos para visitar, dun xeito máis cómodo, as distintas exposicións.

    
  
   

   Pasamos un día de sorpresas onde os sentidos viaxaron no tempo.

Preme na imaxe e verás canto aprendemos.

Máis fotos no seguinte enlace: GALERÍA DE FOTOS

Fundación LAXEIRO

O día 14 de maio o alumnado de 1º ciclo fomos á Fundación Laxeiro a coñecer a obra do célebre pintor lalinense, Laxeiro.

Empezamos visitando a sala dos retratos na que vimos os que fixo de si mesmo, da súa muller e da súa filla, entre outros. Foi un gran retratista.

A continuación, Ana, a monitora, explicounos a súa vida e obra, comentounos que a súa mestra, dona Teresa, animouno a pintar dende que era un cativo regalándolle lapis e papel, agasallo que lle agradecería sempre.

Dende entón seguiu pintando toda a súa vida con estilos diferentes e co paso dos anos foi recoñecido como un gran artista, fóra primeiro e logo tamén no noso país.

 Finalmente, rematamos a visita cun obradoiro no que por un bo rato nos convertemos en “Little Laxeiros” inspirándonos en tres obras do autor: ”Os Deuses”, “O Circo” e outra que na cartela puña simplemente “Sen Título” porque seguramente o pintor non llo quixo pór!!

Museo do mar

Un vinte de febreiro, desafiando ao calabobos e ao vento, os rapaces do 1º ciclo subimos ao autobús que nos levaría ao Museo do Mar que está na avenida Atlántida de Vigo, situado nun enclave magnífico onde se pode ver a inmensidade do mar!
Antigamente foi unha fábrica de conservas, despois o matadoiro municipal, e finalmente, a partir dos anos 90, se deseñaron varios edificios que darían lugar ao actual Museo do Mar de Galicia.
 
Visitamos o acuario, todos moi caladiños para non molestar aos animais. Vimos algúns moi curiosos: a raia, que se camufla na area; o rubio, de cor vermella; as anémonas, que aínda que parecen plantas son animais, e, por certo, velenosas, como os cabrachos, que cando pican…!!!
  Contáronnos unha historia sobre homes-peixes, pero só podemos compartir convosco que viven no mar, nunca se deixan ver e teñen unha chea de doblóns de ouro, que lle collen aos piratas, agochados nunha cova no fondo do mar, pero… onde está a cova? O mar é tan inmenso…!!!
 

MARIÑEIROS E CAZADORES DE BALEAS
Vimos os dentes dos cachalotes, as barbas dos rorcuais e un xigantesco óso de balea. Puxémonos os suestes (gorro mariñeiro) collemos un arpón e lanzámolo á silueta dunha balea que había no chan. Pareciamos auténticos cazadores de baleas!

  PESCADORES RESPONSABLES
Nun simbólico mar cheo de peixes practicamos esta profesión. Collemos unha cana con sedal e anzó e… a pescar!!, qué difícil e divertido! Respectamos o tamaño dos peixes, de maneira que se colliamos algún pequeniño botabámolo de novo ao mar, os grandes os deixabamos nas patelas, que son as cestas dos pescadores. As nosas acabaron ben cheas de ollomois, abadexos, sardiñas…
 
Aquí vemos á capitana Ylenia e aos remeiros, que todos a unha e cos suestes postos,  van pescar pola ría de Vigo na gamela.
  Abaixo, a dereita, temos un esqueleto de cachalote femia que medía 10 m. Apareceu varado en Sanxenxo, na praia de Montalvo.
Distribuir contido